“A MUSA POPULAR”. COPLAS E CANTIGAS DE SADA

Baixo o título de “A musa popular”, publicaba un autor anónimo –facilmente identificable na figura de Ramón Suárez Picallo– unha recolleita de coplas e ditos das Mariñas de Sada nun número especial que o diario El Pueblo Gallego editaba con motivo das festas patronais da vila, aló polo 1934. Nace, pois, esta sección de Areal coa intención de rescatar coplas e cantigas populares de Sada que no seu mo-mento recolleron autores como o propio Suárez Picallo, José Pérez Ballesteros ou Ricardo Flores. Aos textos recompilados por este último dedicamos esta primeira entrega.

Para Sada vai o mar,
para Betanzos o río;
para pasar a Fontán
hai que atracar un navío.
Sopra, ventiño, sopra,
de popa, sen parar,
déixame antes da noite
a Marola pasar;
a Marola pasar,
a Marola pasar;
sopra, ventiño, sopra,
dáme bo navegar.
Adeus, Betanzos e Sada,
adeus, Fontán e Lourido;
adeus, rapaciñas de Ares,
cantade logo comigo.
Sopra, ventiño, etc.
O amor que ha de ser meu
xa o teño ben escollido,
e sempre na miña alma,
a onde vou, ven comigo.
Eu son mariñeiro
crieime no mar,
e en Sada de Arriba
terei de casar;
terei de casar,
de casar terei;
eu son mariñeiro
no mar me criei.
Cando vou para a rapeta
e dou volta ao Cargadoiro,
vexo o meu ben na ribada
rezando por bo agoiro.
Eu son mariñeiro, etc.
Vente, ventiño do mar,
vente, ventiño mareiro;
vente ventiño do mar,
sempre noso compañeiro.
Somos os lulos de Sada,
non o podemos negar;
este ano non hai parrocha,
cuspiu o demo no mar.
Cuspiu o demo no mar,
cuspiu o demo no mar.
Arrenegámoste, demo
vaite ao inferno a amolar.
Vente, ventiño do mar,
vente, ventiño bo vento,
escorrenta os meus agoiros
e fai mellorar o tempo.
Somos os lulos de Sada, etc.
Vente, ventiño do mar,
vente, ventiño salgado,
tráenos peixe para a ría
que nos salve dun mal ano.
Nosa Señora de Sada
ten os zapatiños brancos,
San Andrés de Carnoedo
vaillos ver aos días santos.
San Andrés de Carnoedo
sempre a Sada vai por mar,
pois como é bo mariñeiro
non ten medo de afogar.
Nosa Señora de Sada
tamén Raíña dos Anxos,
veu alada nunha rede
como un milagre dos tantos.
Nosa Señora de Sada
cos seus anxos de arredor,
nunca pode fechar ollo
pra coidar deles mellor.
Nosa Señora de Sada
cando vai pola ribeira,
en manguiñas de camisa
parece unha costureira.
Nosa Señora de Sada
foi en lancha polo mar,
voltando moi contentiña
pro medio do seu altar.
Nosa Señora de Sada
vai sempre polo areal,
a ver se topa cunchiñas
para lucir na parroquial.
Nosa Señora de Sada
para igrexa volta moi leda,
con cunchiñas nacaradas
que na faltriqueira leva.
Nosa Señora de Sada
está no alto cara a ría,
o sol ven bicarlle a testa
ao saír de mañanciña…
Nosa Señora de Sada,
roga polos mariñeiros,
que do mar te rescatron
sen temeren aos salseiros.
(Flores, R.: Escolma de cantigas
galegas, Caixa Ourense, 1984)

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *