A IMAXE COMENTADA


As forzas vivas de Sada cun destacamento militar
Autor: Francisco Varela Posse (1930 ). Cedida p or Fina Varela Turnes

En outubro do 1930, un destacamento de tropas de intendencia da Coruña acampaba no Couto co obxecto de realizar as prácticas de campaña.
O día 10 as autoridades municipais convidaban á oficialidade do destacamento a un xantar na Terraza, e acto seguido o fotógrafo Francisco Varela Posse tiraba a presente fotografía, retratando aos devanditos militares coas forzas vivas de Sada.
Á marxe dos oficiais, sen identificar, recoñécese na imaxe a varios veciños. Vestindo uniforme e sentado de primeiro pola esquerda, está o axudante de mariña, José Rivero Peña. A autoridade relixiosa está representada no párroco Juan Villanueva Rodríguez, que viste sotana. Ao seu carón, e como cabeza da autoridade civil, o alcalde Ángel López Vidal, lucindo o bastón de mando. Este dirixente do Partido Conservador na Restauración, home de certas sensibilidades galeguistas, colaborador da sociedade Sada y sus Contornos e gran amigo de Lugrís Freire, ocupara a alcaldía en numerosas ocasións.

Acompáñao, de pe á dereita, o tenente de alcalde Gonzalo Pita da Veiga Morales, odontólogo natural da parroquia de Mondego. Por último, están tamén presentes dous dos médicos do municipio: de pe á esquerda o xa ancián Antonio Posse Nicolich, de ascendencia fidalga e tío do fotógrafo, e de pe á dereita, na parte superior da imaxe, Eduardo Orozco Wais, que sería privado do seu posto na beneficencia municipal no 1936 pola súa militancia socialista.
Trátase, en definitiva, dunha clara representación do poder nese momento concreto.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *