Onte, na Terraza de Sada, tivo lugar unha homenaxe a Juan Carlos Medal coordinada pola Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo e na que participaron a Casa das Ciencias da Coruña, a Agrupación Astronómica Io, a Sociedade Galega de Historia Natural, antigos integrantes da Plataforma Cidadá pola Democracia en Sada e numerosos veciños e amigos de Jaítos. No acto, repartiuse o nº 9 dos Cadernos de Estudos Locais, que edita a entidade coordinadora, e que, neste caso, recolle diversas colaboracións sobre Jaítos e unha breve biografía.
Logo de se proxectar unha montaxe audiovisual composta por fragmentos do documental Os doce días que asombraron a Galicia (da Plataforma Cidadá pola Democracia en Sada) e fotografías do homenaxeado, presentou o acto o presidente da A. C. Irmáns Suárez Picallo, Paco Pita. Seguíronlle as intervencións de Jesús Castro (compañeiro de Jaítos na Plataforma), Juan Neira (da Plataforma e da Sociedade Galega de Historia Natural), Moncho Núñez (director do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología e fundador, con Jaítos, da Casa das Ciencias), José Luis Quintela (director de Intermón Oxfam en León, Galicia e Asturias e columnista no xornal La Opinión), os técnicos do Planetario da Casa das Ciencias, Marcos,Suso e José Antonio, os integrantes da Agrupación Astronómica Io Óscar Sánchez, Borja Tosar e Óscar Blanco, e Carpintero (compañeiro de Jaítos en Santa María del Mar). Pechou o acto Luis Medal, irmán do homenaxeado, que falou en representación da familia.
Foi, en definitiva, un acto familiar e entrañable, cun público que abarrotou a Terraza para lembrar a Juan Carlos Medal neste primeiro cabodano do seu falecemento.
Desde este blogue, reiteramos o noso agradecemento a todos os participantes e a todos os concorrentes, así como aos propietarios da Terraza.