UN ACHEGAMENTO Á ORNITOFAUNA SADENSE

Calros Silvar (Sociedade Galega de Historia Natural)
A situación xeográfica de Galicia, a cabalo das rexións bioxeográficas euro-asiática e mediterránea, asomada ao Atlántico e a medio camiño das rotas migratorias entre o noso Continente e África, tórnaa nun privilexiado territorio en canto á observación de aves se refire: unha ampla variedade de especies (algo máis de catrocentas), mesmo de continentes afastados, téñense rexistrado no país facilitado, evidentemente, pola extrema mobilidade deste grupo zoolóxico.

As aves non entenden de límites administrativos e se desenvolven nun contorno sen máis limitacións que as derivadas das condicións climatolóxicas (que moitas veces favorecen o seu espallamento), as posibles barreiras xeográficas ou as condicións concretas dos territorios de recepción (escaseza de alimentos, predadores, acción humana, etc.).

Sada sitúase nun contorno privilexiado que conta cun clima benigno, abeirado dos ventos e o forte mar. A costa do concello é variada, con cantís, calas e praias deitadas nas mainas augas. Alén das estreitas fronteiras administrativas (xa dixemos que as aves nada diso entenden), ábrese a ampla ría de Ares-Betanzos, o vello Magnus Portus Artabrorum citado polos romanos. Neste amplo contorno érguense cantís, déitanse amplos areais, agóchanse marismas e tamén lagoas artificiais (as nosas “Brañas”) ou encoros (Cecebre), onde se refuxian e alimentan gran variedade de especies.

As aves que podemos atopar no contorno sadense (unhas setenta especies comúns) non difiren substancialmente das observables nos territorios limítrofes, posto que en xeral partillan características xeográficas e climatolóxicas, aínda que existen algunhas características diferenciais. Unha delas, no noso caso, é o que coñecemos como As Brañas, esa marabilla aínda por descubrir (tradicionalmente chamadas Os pozos, dexergando das Brañas que realmente manteñen as características de tales, situadas no curso baixo do Río Maior, por tras do IES I. Díaz Pardo).

A outra é o litoral, un dos máis salientables das Mariñas, tanto pola cantidade como pola variedade das especies albiscadas. Desgraciadamente nin un pequeno anaco do territorio municipal está protexido. E non é por falla de méritos: As Brañas cumpren cos requisitos necesarios para ser declaradas como Humidal Protexido, única figura legal que pode garantir a súa conservación.
Só falla a vontade política de facelo. Nestas circunstancias é necesario achegármonos ao veciño Oleiros para dar co espazo protexido máis próximo: o LIC (Lugar de Interese Comunitario) Costa de Dexo, ou desprazarnos ate Betanzos para internarnos no LIC Betanzos-Mandeo. Brañas e praia, praia e Brañas deben ser entendidas como un todo ligado, se ben a continuidade física foi tronzada pola intervención humana, creando barreiras onde non as había: urbanización e recheo onde era areal e braña, ou tubaxe e canalización onde foi río…

A fauna preexistente desapareceu ou adaptouse ás novas circunstancias e, hoxe, os lavancos voan sobor dos edificios para chegaren á praia e as lontras percorren os sumidoiros co mesmo fin, por vez de nadar no río. Mais seguen a cruzar, e van aló ao mar a se alimentar e tornan aos seus acubillos nas Brañas, resgardados polo mato e o bosque, onde tamén pousan as Garzas ou aniñan os pombos.

O litoral acantilado entre Lorbé e Fontán tampouco ten nada a envexar á Costa de Dexo, en canto a valores naturais ou paisaxísticos mais, o que coñecemos como Costa Doce, si ten que aspirar ao mesmo status de protección, pois tampouco lle faltan os méritos: neste contorno áchase a única poboación de Woodwardia radicans (un fento relicto protexido) situado á nivel do mar e, nos seus cantís, abéiranse entre outras, as seguintes especies, algunhas moi pouco comúns:

1. Corvo mariño real (Phalacrocorax carbo), sedentaria.
2. Corvo carnazal (Corvus corax), sedentaria.
3. Rabirrubio tizón (Phoenicurus ochruros), sedentaria.
4. Choia biquibermella (Pyrrhocoras pyrrhocoras), sedentaria, Anexo I Directiva Comunitaria 91/24/CE.
5. Corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) sedentario. Vulnerable, UICN.

A pé dos cantís áchanse as pradeiras de zostera que serven de soporte a moitas especies mariñas, entre as que destaca o coñecido Cabaliño de mar (Hipocampus guttulatus), especie clasificada como Vulnerable en diversos catálogos, como o da UICN.

Outro amplo zosteral achámolo na mesma praia de Sada, baixo a ameaza da arquianunciada (e por sorte arqui-adiada) “rexeneración” da praia. Este zosteral serve de alimento ao continxente de anátidas (por riba dos trescentos exemplares) veciño de pleno dereito das Brañas.
Ate día de hoxe téñense rexistrado máis de corenta especies de aves acuáticas no contorno da praia de Sada, das que apuntamos as máis comúns e as máis salientables:

1. Mobella pequena (Gavia stellata), invernante. Anexo I Directiva Comunitaria 91/24/CE.
2. Mobella ártica (Gavia arctica), invernante. Anexo I Directiva Comunitaria 91/24/CE.
3. Mobella grande (Gavia immer), invernante. Anexo I Directiva Comunitaria 91/24/CE.
4. Mergullón cristado (Podiceps cristatus), invernante.
5. Corvo mariño real (Phalacrocorax carbo), sedentario.
6. Garzota (Egretta garzetta), invernante. Anexo I Directiva Comunitaria 91/24/CE.
7. Garza real (Ardea cinerea), sedentaria.
8. Cullereiro (Platalea leucorodia), invernante. Anexo I Directiva Comunitaria 91/24/CE.
9. Cisne real (Cygnus olor), accidental.
10. Ganso cabecinegro (Branta bernicla), invernante.
11. Pato asubión europeo (Anas penelope), invernante.
12. Pato cincento (Anas strepera), invernante.
13. Cerceta real (Anas crecca), invernante. UICN, clasificada “en perigo”. Abéirase nas Brañas
14. Lavanco real (Anas platyrhynchos), sedentario. Cría
nas Brañas.
15. Pato rabilongo (Anas acuta), invernante).
16. Pato cullerete (Anas clypeata), invernante. UICN,
clasificada “sensible”. Abéirase nas Brañas
17. Parrulo chupón (Aythya ferina), invernante. UICN,
clasificada “sensible”.
18. Parrulo ferruxento (Aythya nyroca), invernante.
UICN, clasificada “vulnerable”.
19. Parrulo cristado común (Aythya fuligula), invernante.
UICN, clasificada “en perigo”.
20. Parrulo caribranco (Aythya marila), invernante.
UICN, clasificada “en perigo”.
21. Parrulo pentumeiro común (Melanitta nigra), invernante.
UICN, clasificada “sensible”.
22. Parrulo pentumeiro americano (Melanitta perspicillata),
accidental.
23. Parrulo mourelo (Melanitta fusca), invernante.
UICN, clasificada “sensible”.
24. Mazarico rabinegro (Limosa limosa), invernante.
UICN, clasificada “en perigo”.
25. Avefría europea (Vanellus vanellus), invernante. Anexo
I Directiva Comunitaria 91/24/CE.
26. Bilurico bailón (Actitis hypoleucos), invernante.
UICN, clasificada “en perigo”.
27. Gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus), invernante.
28. Gaivota chorona común (Larus ridibundus), invernante.
29. Gaivota de Delaware (Larus delawarensis), accidental.
30. Gaivota papoia (Larus canus), invernante.
31. Gaivota arxéntea (Larus argentatus), invernante.
32. Gaivota patiamarela (Larus cachinnas michahellis),
sedentaria. A máis común en Galicia.
33. Gaivotón atlántico (Larus marinus), invernante.
34. Carrán cristado (Sterna sandvicensis), sedentario.
Anexo I Directiva Comunitaria 91/24/CE.
35. Arao romeiro (Alca torda), invernante. UICN, clasificada
“vulnerable”.

A riqueza ornitolóxica é patente e vese magnificada ca presenza de moitas especies protexidas, o que fala da importancia de preservar activamente este contorno, rexeitando accións nefastas como os recheos costeiros e as “rexeneracións” de praias que non son tales, se non todo o contrario e tamén evitando vertidos de hidrocarburos e outras substancias contaminantes asociadas ás instalacións portuarias; delimitando as áreas permitidas á navegación ou restrinxindo o paseo con cans, nos areais, en determinadas épocas do ano.

En canto ás Brañas, caracterízanse polas lagoas de grande profundidade (antigas barreiras que acadaban os 4 m de fondo) que impiden o crecemento da vexetación que serve de alimento ás anátidas, ou a presenza de áreas enlamadas, de baixo ou ningún calado, que aproveitan as limícolas para se alimentar. Dese xeito, a función das Brañas limítase, para case a totalidade das aves, nun recollido espazo onde pasar a noite, aniñar ou criar á prole.

As especies máis destacables son as dependentes do medio acuático, por razóns obvias, que son as enumeradas a seguir, nun listado aínda aberto a novas citas:

1. Mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis), sedentaria.
2. Garza real (Ardea cinerea), sedentaria.
3. Galiña de río (Gallinula chloropus), sedentaria.
4. Martiño peixeiro (Alcedo athis), sedentaria. Anexo I
Directiva Comunitaria 91/24/CE.
5. Cerceta real (Anas crecca), invernante. UICN, clasificada
“en perigo”.
6. Lavanco real (Anas platyrhynchos), sedentario.
7. Pato cullerete (Anas clypeata), invernante. UICN,
clasificada “sensible”.
8. Reiseñor da auga (Cettia cetti), sedentaria.
9. Picafollas ibérico (Phylloscopus iberico), estival.
10. Picafollas europeo (Phylloscopus collybita), invernante.

Mais As Brañas son en boa medida bosque, un bosque relativamente novo, tendo en conta que se desenvolveu a partir do abandono das telleiras, hai entre 30 e 45 anos. Nesa masa boscosa, onde domina o bosque de ribeira (Ameneiros, salgueiros e freixos) e que conforma un dos Hábitats prioritarios declarados pola UE, abéirase unha variada ornitofauna (preto de cincuenta especies) que, por outra banda, non é exclusiva deste enclave. Entre as aves do bosque avistadas nas Brañas áchanse as seguintes:

1. Azor (Accipiter gentilis), sedentaria
2. Gabián (Accipiter nisus), sedentaria.
3. Pombo torcaz (Columba palumbus), sedentaria.
4. Rula común (Streptopelia turtur), estival.
5. Arcea común (Scolopax rusticola).
6. Avelaiona (Strix aluco), sedentaria.
7. Peto verdeal (Picus viridis), sedentaria.
8. Peto real (Dendrocopus major), sedentaria.
9. Pica das árbores (Anthus trivialis), estival.
10. Carrizo (Troglodytes troglodytes), sedentaria,
11. Azulenta común (Prunella modularis), sedentaria.
12. Paporrubio común (Erithacus rubecula), sedentaria.
13. Papamoscas negro (Ficedula hypoleuca), migrante.
14. Merlo común (Turdus merula), sedentaria.
15. Tordo común (Turdus philomelos), sedentaria.
16. Papuxa cabecinegra (Sylvia melanocephala), sedentaria.
17. Papuxa das amoras (Sylvia atricapilla), sedentaria.
18. Ferreiriño subeliño (Aegithalos caudatus), sedentaria.
19. Ferreiriño cristado (Parus cristatus), sedentaria.
20. Ferreiriño común (Parus ater), sedentaria.
21. Ferreiriño bacachís (Parus caeruleus), sedentaria.
22. Ferreiro abelleiro (Parus major), sedentaria.
23. Gabeador común (Certhia brachydactyla), sedentaria.
24. Pega marza (Garrulus glandarius), sedentaria.
25. Pimpín común (Fringilla coelebs), sedentaria.
26. Paporrubio real (Pyrrhula pyrrhula), sedentaria.


Sen ser específicas do hábitat citado, tamén se poden observar nas Brañas (sobrevoándoas ou descansando circunstancialmente nelas) e nas súas lindes e arredores (camposas, cultivos, e no contorno urbano) as seguintes especies:

1. Miñato común (Buteo buteo), sedentario.
2. Miñato queimado (Milvus migrans), estival. UICN,
clasificada “sensible”.
3. Falcón pequeno (Falco subbuteo), estival. UICN, clasificada “sensible”.
4. Falcón peregrino (Falco peregrinus), sedentario. Anexo
I Directiva Comunitaria 91/24/CE.
5. Vencello común (Apus apus), estival.
6. Rula turca (Streptopelia decaocto), sedentaria na Galicia
costeira dende os anos 70.
7. Andoriña común (Hirundo rustica), estival.
8. Andoriña cu branco (Delichon urbica), estival. UICN,
clasificada “sensible”.
9. Lavandeira branca común (Motacilla alba), sedentaria.
10. Lavandeira moura (Motacilla alba yarrellii), invernante.
11. Chasco común (Saxicola torquata), sedentaria.
12. Pega rabilonga (Pica pica), sedentaria.
13. Corvo viaraz (Corvus corone), sedentaria.
14. Estorniño negro (Sturnus unicolor), sedentaria.
15. Estorniño pinto (Sturnus vulgaris), invernante.
16. Pardal común (Passer domesticus), sedentaria.
17. Xirín común (Serinus serinus), sedentaria.
18. Verderolo común (Carduelis chloris), sedentaria.
19. Xílgaro común (Carduelis carduelis), sedentaria.
20. Pincaouro común (Carduelis spinus), invernante.
21. Liñaceiro común (Carduelis cannabina), sedentario.
22. Escribenta real (Emberiza citrinella), sedentaria.
23. Escribenta liñaceira (Emberiza cirlus), sedentaria.

Como é lóxico supoñer, estas últimas especies son comúns en todo o territorio municipal, o mesmo que as propias do bosque o son nas áreas desas características.

A preservación do contorno natural (e as aves son un bo indicador do seu estado), redunda na calidade de vida dos habitantes do territorio e potencia a diversificación das actividades.

Valla como exemplo que diversas aves antes comúns, desapareceron da nosa paisaxe debido ao troco de usos da terra, especialmente polo abandono das áreas de cultivo: Paspallás (Coturnix coturnix), Cotovía (Galerida cristata), Bubela (Upupa epops) son algunhas delas, outras minguaron fortemente a súa poboación.

No caso de Sada, Concello con clara vocación turística, traballar nesa dirección debería ser un dos pivotes da política municipal. A diversificación turística, fuxindo do monocultivo “turismo de praia”, abrindo novas vías, como o “Turismo Verde” (ampliando a rede de sendas, protexendo con decisión os espazos naturais e pondo en valor as riquezas naturais e culturais) fomentaría novas iniciativas empresariais e potenciaría a creación de postos de traballo.

A simples observación de aves move unha inxente cantidade de birdwatchers por todo o mundo e non é algo a desprezar, especialmente nuns tempos nos que a crise cébase en amplos sectores, antes tan boiantes. Paporrubio común, miñato queimado, verderolo e andoriña de cu branco (abaixo), aves que se poden avistar no contorno das Brañas. 

Fotografías de Calros Silvar.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará