Onte, 31 de marzo de 2011, tivo lugar, na Casa Municipal da Xuventude o acto de presentación do libro de Manuel Monge A historia secuestrada polo franquismo, ante un público que encheu a sala, e entre o que se atopaban Isaac Díaz Pardo e Carmen Arias de Castro.
Abriu o acto o integrante da nosa asociación Manuel Pérez Lorenzo, que presentou aos poñentes e fixo referenza a que esta presentación sexa a primeira de moitas que a A. C. Irmáns Suárez Picallo ten pensado traer a Sada.
En segundo lugar, falou Abel López Soto, alcalde de Sada, lembrando empresas culturais comúns con Manuel Monge, ao que o une unha amizade de moitos anos.
Acto seguido falou Francisco Pillado, director de Edicións Laiovento, a editorial na que ve luz o libro. Nunha disertación brillante, comentou a obra de Monge e as contradicións da España actual no que toca á visión que temos do noso pasado.
Por último, Manuel Monge, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, presentou o seu libro, A historia secuestrada polo franquismo, repasando os seus contidos: os autos do xuiz Garzón, as actuacións da CRMH nos últimos anos para conseguir cambios tan significativos como a supresión da simboloxía franquista, o Pazo de Meirás… abordando tamén a crítica de personaxes procedentes da ditadura como Manuel Fraga ou Juan Carlos de Borbón.
Finalmente tivo lugar un coloquio, que foi breve polo avanzado da hora.