Xaime Rodríguez Rodríguez
Se nalgunha cuestión hai consenso respecto ao réxime republicano é sen ningunha dúbida sobre a ausencia dun coñecemento profundo da realidade histórica da II República. A “noite de pedra” da Ditadura franquista e a peculiar transición, algúns prefiren chamala transacción, levada o cabo no noso país, contribuiron, sen apenas lugar para as dúbidas, a oscurecer, mitificar e mistificar a realidade histórica dunha época fundamental de este país que chamamos España. E se eso é certo para a historia máis xenérica, central e centralista da República, canto máis, inda que en diferentes graos, para a historia da República dende a perspectiva da periferia, a daqueles territorios máis afastados dos centros tradicionais de poder, e enténdase isto ca perspectiva necesaria, propia dunha época como a da chegada da República caracterizada por un centralismo extremo. Este é, por enriba do resto, o caso daqueles territorios con características diferenciadas, onde se daba o que se coñece como “feitos diferenciais”, nos que a chegada da República produxo unha dinámica de recoñecemento do seus anhelos de autogoberno que ía concluír coa aprobación dos seus respectivos Estatutos de Autonomía, e que, precisamente por iso, son recoñecidas na Constitución de 1978 como “nacionalidades históricas”. No referente a Galicia, aínda existindo traballos de certo releve sobre a República, era preciso ofrecer unha aproximación máis profunda, cun enfoque máis preciso que permitira avanzar no coñecemento da época. O profesor Emilio Grandío Seoane, ven de publicar A SEGUNDA REPÚBLICA EN GALICIA, obra na que, partindo da premisa de que o réxime democrático nado das eleccións do 12 de Abril de 1931 “…segue sendo un mundo alleo misterioso e hermético” (e que posiblemente por iso leva o subtítulo de Memoria, mito e historia), realízase unha aproximación ben documentada sobre a realidade da II República ceibe de adherencias mitificadoras.
O libro ábrese ca chegada do novo poder, unha “revolución incruenta” como recolle o autor baseándose na percepción que moitos coetáneos tiñan da nova realidade. De feito, e neste sentido, unha das primeiras citas do libro pertece a un vello, e querido, coñecido noso, -Ramón Suárez Picallo, unha das razóns, xunto ó seu irmán, da existencia da nosa asociación-, nesa cita, escrita no ano 1944, refléxanse as expectativas creadas polo novo réxime, que ían máis aló do mero troco das institucións políticas e xurídicas, para representar, tal como remata a súa cita Ramón “…una revolución social, nacional y popular, gestada a lo largo de los siglos”. Neste inicial capítulo fanse tamen unhas interesantes consideracións sobre os tránsitos no sistema político, e tamén as dificultades a este tránsito plantexadas tanto dende o campo dos monárquicos como dende as actitudes dos novos gobernantes republicanos e as súas contradiccións.
O novo poder tiña que sustentarse sobre bases ben diferentes ás que sostiñan o réxime monárquico. Alomenos era o que se podía esperar. Sobre a realidade da importante persistencia das vellas fórmulas, así como da andaina cara a súa actualización, imprescindible para a modernización política e social, fálanos tamén Grandío. Refírese a Santiago Casares Quiroga, e ao casarismo, como un elemento central do republicanismo, dos partidarios do novo réxime democrático, pola súa capacidade de integración de todas as posturas antimonárquicas, recoñecida xa nos acordos de Lestrove en 1930. Tamén fai referencia ó republicanismo de dereitas do PRR, Partido Republicano Radical, fortemente lastrado en Galicia polos personalismos e localismos. En canto á dereita católica, da URD-CEDA (Unión Regional de Derechas integrada na Confederación de Derechas Autónomas, inda que, como sinala o autor, máis aló do formal eran a mesma cousa) a súa inicial oposición os cambios introducidos polo novo réxime republicano viuse reforzada pola actitude da Igrexa que temerosa do carácter laico da República convertiría as formacións da dereita católica en abandeiradas dos seus temores.
Do mesmo xeito, Grandío ocúpase da práctica do poder, centrándose no poder local en mans agora das novas elites republicanas na maioría dos concellos e institucións de Galicia, inda que facéndonos ver como en moitas ocasións a presenza das vellas elites foi notoria, fundamentalmente no caso do PRR. Neste contexto, as contradicións na práctica do poder foron frecuentes, tanto as internas no seo do republicanismo como as derivadas do papel da oposición das dereitas católicas. Feitos como a “sanjurjada” do 32 ou os de Outubro do 34 ían converterse en factores de distorsión da práctica do poder.
É de agradecer que Grandío se ocupe da cuestión do voto, e sobre todo que o faga a partires dun aspecto tan escasamente estudiado como a cultura política, ou máis axeitadamente da cultura democrática, concretamente do desfase existente entre determinadas capas sociais que a posuían (a cultura democrática) dunha forma (os retornados da emigración) ou outra (os que tiñan un coñecemento teórico, ou máis ou menos indirecto do funcionamiento da democracia) e unha realidade política fortemente ancorada nun pasado recente predemocrático, caciquil. Completa a súa visión cunha anánise histórica tanto do sistema electoral como dos resultados nas sucesivas consultas.
O papel da Igrexa perante a República é merecente, como non podía ser menos, dun capítulo no libro de Grandío. A falta da adaptación da institución católica a unha realidade na que a súa influencia ía verse cuestionada, xusto despois dunha época na que a institución xogara un papel protagonista en todo os eidos sociais, fundamentalmente no educativo, sanitario e de asistencia social, ía levala a posicións fortemente contrarias á nova realidade política democrática. A orientación laicista da República, obxecto de críticas por algúns autores polo seu suposto radicalismo, e por enriba dela os feitos violentos de carácter anticlerical, que, inda que incontrolados, illados e alleos á política oficial das autoridades republicanas, serviron como pretexto, manexado con habelencia pola Igrexa, do que foi voceiro o clero regular firmemente instalado en toda Galicia, e con gran influencia sobre todo no rural, para xustificar a súa oposición ao novo poder. Ca volta da dereita ó poder, na que a Igrexa estivo fortemente implicada atraveso do seu papel nas eleccions de novembro de 1933, volveu a ter un lugar fundamental no poder, esta vez republicano, impoñendo a súa impronta a unha lexislación revisionista das normas do bienio inaugural da II República. O enfrontamento cunha esquerda que, cada vez máis, percibía a Igrexa como inimiga da República, e a CEDA coma o partido “dos cregos”, era máis que evidente ás portas das decisivas eleccións de Febreiro do 36.
O libro péchase con dous capítulos dedicados ós feitos de outubro do 1934 e ás súas repercusions en Galicia, e as eleccions de 1936 que deron o triunfo ás candidaturas do Frente Popular. Ámbolos dous capítulos conteñen importantes aportacións. No dedicado ós feitos do 34, é de resaltar a referencia á violencia política no periodo de entreguerras e as leccións que sobre estratexia política deberon representar para a esquerda os feitos de outubro do 1934 e os cambios no poder político local que como corolario deles se produciron. No relacionado co Frente Popular é de resaltar a análise dos resultados electorais, obxeto de moitos debates historiográficos, na maioría das ocasions non precisamente rigorosos, na que resalta a polarización existente, debida, alomenos en parte, aos cativos
resultados acadados polo que tiña que xogar o rol de centro político, ademais do proceso de radicalización nos dous extremos do espectro, e as diferencias dos resultados electorais entre a fachada atlántica, triunfo das listas do Frente Popular e o interior, Ourense sobre todo, na que triunfou a representación calvosotelista. O recoñecemento da identidade galega ata a posterior aprobación en referéndum do Estatuto de Autonomía, pese á paralización
do proceso plebiscitario polos gobernos consevadores, pechan este capítulo.
Estamos ante un libro necesario e absolutamente recomendábel para todos os interesados no coñecemento dun periodo tan importante e tan ignorado na súa verdadeira dimensión (e non por elo carente de contradiccións). Porque, como di o autor nas conclusións “Non se pode construír o futuro dende tópicos con pés de barro”. Isto require desmentir as mitificacións e mistificacións mantidas durante tempo sobre a II República; todas elas, tanto as sostidas polos inimigos da República, coma as máis edulcoradas feitas dende posturas progresistas. Inda que, como non podía ser doutro xeito, o libro non esta exento de afirmacións canto menos matizabeis, como as que se fan respecto ao ritmo excesivamente rápido, alomenos na opinión do autor, das reformas. Teño serias dúbidas de que tal afirmación sexa xeneralizable. ¿Ou acaso non foi a lentitude na aplicación da reforma agraria a que acabou por levar ós brazeiros do campo a achegarse ás posicións máis radicais? De calquera xeito, segue sendo necesario rematar cos tópicos que lastran a procura da verdade, porque como dixo alguén “a verdade é sempre revolucionaria”. A memoria colectiva da verdade histórica é ademais imprescindíbel.
“Que eu lembre dende que tiven uso de razón quixen ser un gánster” di Henry Hill, a persoaxe interpretada por Ray Liotta, na película de Scorsese Uno de los nuestros (Goodfellas, na versión orixinal en inglés) fortemente impresionado polas andanzas dunha familia mafiosa da veciñanza. A brilante existencia dun gánster vai a impresionar tamén á persoaxe dun neno de nove anos, Calogero, na película de Robert de Niro, Una historia del Bronx. As dúas coinciden no impacto que para a educación sentimental dun infante pode supoñer a existencia de persoaxes que triúnfan, non importa como nin a que prezo, nunha sociedade rexida polos valores propios do mercado, neste caso, Marx “dixit”, polo valor de cambio.
Galicia, anos oitenta, nun lugar imaxinario, compendio de moitos outros reais, chamado Brétema, tres rapazes aprenden o valor do silencio, dos beizos do sentencioso Mariscal, que lles ensina que “A boca non é para falar. É para calar”. Unha ensinanza moi útil cando se vive na marxe da lei. Mariscal, un contrabandista de tabaco é unha persoaxe de referencia para os nenos pero tamén para os adultos, cuxas existenzas xiran ao seu redor. Brinco, Fins e Leda, os tres rapaces, dous mozos e unha moza, móvense, viven e fanse adultos, rodeados por unha constelación de xentes que alenta tras o ronsel de Mariscal. A novela de Rivas, trata sobre o tenebroso asunto do narcotráfico, a noxenta viaxe que levou ós contrabandistas de tabaco a traficantes de drogas en pos do diñeiro facil e que a piques estivo de converter o noso país no Sicilia un pouco máis septentrional. Rivas, na súa faceta periodística xa fixera crónica deste microcosmos, de narcos a gran escada, cargamentos de “fariña” e pilotos de planeadoras izados á categoría de mitos populares.
A súa novela, contén para min, agochada nesta corrente principal, unha historia iniciática, unha especie de fábula moral sobre a educación sentimental de tres rapaces nun entorno que para ben, e sobre todo para mal, vai marcar a súas vidas, situándoos a un e outro lado da incerta liña que separa o ben do mal. E o conta cunha linguaxe moi cinematográfica, incluso no tratamento das persoaxes; Mariscal, por exemplo, é un “malo” cunha enorme entidade, e xa se sabe, as historias, novelescas, cinematográficas ou “culebronescas”, funcionan mellor en función dos doentes que das persoaxes positivas. Quizais por iso, e porque non, pola temática, ó remate, os dalgunha forma case heroicos proveedores do “rubio de batea” convertéronse nos “capos” de clans feitos a imaxe e semellanza das mafias sicilianas ou ás “camorras” napolitanas, incluíndo a valoración do silencio (a boca non é para falar. É para calar), a “omertá” mafiosa, coma condición para formar parte da “familia”, as comparanzas e ás referencias da miña reseña sonche antes cinematográficas que estrictamente literarias. É de resaltar o tratamento que se lle dá polo autor ó mar, ó mar de Brétema, o da nosa terra, que máis que coma paixase xeográfico funciona coma paixase moral, un elemento máis da educación sentimental dos nosos heroes, que deseguida deprenden que del pode vir o peor, pero tamén o mellor.
Todo é silencio, é un libro que paga a pena de ser lido, inda non tendo a fondura dalgunha das novelas anteriores do autor. En calquera caso garantízoche un bo anaco de boa literatura.
P.S: Unha vez escrita esta reseña entérome de que está en marcha unha versión cinematográfica da novela, dirixida seica por Jose Luis Cuerda. Sexa así, ou non, eu non vou dicir aquelo de “xa o dicía eu”.