MEMORIA DE ACTIVIDADES

Marisa Naveiro López
No último semestre a nosa asociación mantivo unha grande actividade, desde o primeiro acto do día 14 de outubro cando lembramos o cabodano da morte e a traida dos restos de Ramón Suárez Picallo ata hoxe que cerramos a edición deste nº 2 da revista AREAL.

O acto no cemiterio de Fiunchedo consistiu nunha ofrenda floral e a lectura de textos de Isaac Díaz Pardo, Emilio Pita, Ramón Otero Pedrayo e Calviño de Castro.

O día 15 de outubro tivo lugar na Casa da Cultura “Pintor Llorens” o acto de presentación do documental Ramón Suárez Picallo. A viaxe derradeira, que produce Marcos Cenamor e patrocinan o Concello de Sada e a Deputación da Coruña, e de Areal. Revista cultural de Sada, que edita a A. C. Irmáns Suárez Piallo. Abriu o acto o alcalde de Sada, Abel López Soto, dando paso á proxección do documental, que tivo unha moi boa acollida. Posteriormente, Manuel Pérez Lorenzo presentou a revista Areal. O acto concluíu coa actuación musical de Tino Baz, que emocionou ao auditorio coas súas interpretacións. Substituía a Miro Casavella, que non compareceu por motivos de saúde.

O 22 de outubro tivo lugar na Casa Municipal da Xuventude de Sada unha charla sobre a represión franquista na comarca organizada pola nosa asociación e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Manuel Monge, presidente da CRMH, abordou o estado da cuestión no que toca ao estudo, políticas, lexislación e actividade xudicial acerca da represión franquista, e expuxo o proxecto de creación dun memorial ás vítimas da comarca da Coruña, do que é autor o integrante da nosa asociación Xosé Val Díaz. No acto presentouse tamén un novo exemplar (nº 5) dos Cadernos de Estudos Locais: “A represión franquista en Sada: as vítimas mortais”, da autoría de Manuel Pérez Lorenzo.

O 20 de novembro tivo lugar na Casa Municipal da Xuventude unha charla sobre O legado educativo dos nosos emigrantes, no que se falou acerca das sociedades de instrución creadas polos emigrantes galegos en América. No acto, presentado por Marisa Naveiro, interviron Ernesto López Naveiras, que trazou unha perpectiva xeral desta cuestión, Miguel Gayoso, que falou a cerca da sociedade Sada y sus Contornos de Nova York e presentou o nº 6 dos Cadenos de Estudos Locais do que é autor, e Jesús Castro Vidal, compañeiro da asociación e ex-alumno de Sada y sus Contornos na etapa anterior á Guerra Civil.

Unha nutrida representación da asociación estivo presente na inauguración, o 19 de decembro, do memorial ás vítimas da represión na comarca, que promoveu a CRMH.


Nos días do Nadal sae á rúa o nº 7 dos Cadernos de Estudos Locais, “Palabras de Nadal e Aninovo”, de Ramón Súarez Picallo.

Isaac díaz Pardo e as Cerámicas do Castro

O día 4 de marzo, a nosa asociación rendeulles unha homenaxe a Carmen Arias de Castro e Isaac Díaz Pardo. O evento, que tivo lugar no auditorio da Casa da Cultura “Pintor Llorens” con gran afluencia de público, abriuno o noso presidente, Francisco Pita, expoñendo os motivos para a realización do mesmo. Xosé Díaz, fillo dos homenaxeados, avanzou o contido do Nº extraordiario dos Cadernos de Estudos Locais do que é autor, baixo o título “Isaac Díaz Pardo e as Cerámicas do Castro”, e no que recolle a historia da fábrica nos seus inicios.

Na segunda parte tivo lugar unha mesa redonda na que participaron Abel López Soto, Xosé Ramón Fandiño e Xesús Alonso Montero. López Soto, alcalde de Sada, realizou unha emotiva intervención, anunciando que o Concello que preside dedicará unha avenida a Díaz Pardo. Fandiño, que foi colaborador de Isaac no Instituto Galego da Información, trazou un pormenorizado relato biográfico de Isaac.
Alonso Montero, deleitounos durante un bo anaco coas súas palabras acerca de Isaac e dos momentos difíciles polos que está a atravesar, apartado da dirección de Cerámicas do Castro e Sargadelos. Falou da dimensión humana de Isaac e do que representa co seu exemplo.

A última parte do acto consistiu na entrega a Isaac e Mimina dos diplomas de Socios de Honra da A. C. Irmáns Suárez Picallo. Tras recibir esta distinción, Isaac pronunciou unhas emotivas palabras relatando os seus inicios á fronte de Cerámicas do Castro e a orixe do situación actual, na que se atopa marxinado da dirección das empresas que creou. O público aplaudiouno con ímpeto, demostrándolle o seu apoio e o cariño da cidadanía de Sada.
Ao peche deste número de Areal, ten lugar, o 31 de marzo na Casa Municipal da Xuventude, a presentación do libro A historia secuestrada polo franquismo, polo seu autor, Manuel Monge, o editor Francisco Pillado, Manuel Pérez Lorenzo, desta asociación, e o alcalde de Sada, Abel López.


Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *