Xulio C. Corredoyra Maggi
Hoxe, con AREAL atopámonos con Manuel Couzo Bermúdez, presidente honorario e un dos fundadores do“Centro Español de Sada y sus Contornos”, de Bos Aires, Arxentina; alguén con quen os sadenses temos unadébeda, por levar o nome de Sada, tan lonxe e tan alto. Chega acompañado da súa filla, María de los Ángeles e para comezar, propoñémoslle nos fale da súa vida en Sada e as vivencias da emigración.
AREAL (A).- Vostede naceu na Rúa da Igrexa do barrio da Tenencia no 1933. ¿Cómo lembra aquela Sada da súa infancia?
MANUEL COUZO BERMÚDEZ (MCB).- Efectivamente, nacín na rúa da Igrexa nº 18, hoxe 24. O que lembro é unha Sada mariñeira, de moito sacrificio por parte dos mariñeiros e das súas familias… De alí casi todos á emigración polo mundo en busca doutros horizontes. Eu fun un de eles. Saímos da casa o 28 de abril de 1951 acompañado do meu pai; logo botamos dez días en Vigo e finalmente zarpamos de Vigo o 7 de maio de 1951. Neses días o que máis desexaba era que se fixera ao mar o barco, pola vida de sacrificio que deixábamos atrás (no meu oficio de mariñeiro). No barco fixemos a travesía un total de 850 pasaxeiros, que dormíamos en tres turnos, un leito por cada tres persoas. Alí lembro que vin a abundancia da mesa. Isto é un ben de Deus pensei… a fartura que alí tiñamos diante, abundante, non a tiñamos na nosa terra.
(A).- ¿Por qué razóns escolleu a Arxentina como lugar de destino?
(MCB).- Eu non quería servir ao réxime que tiñamos aquí (pola mili). Na casa éramos tres mariñeiros e seis irmáns. Á Arxentina porque o meu pai conseguiu o que pedían para poder emigrar: carta de reclamación, contrato de traballo, o pasaxe pagado e o libre desembarco, previa revisión médica, a raíz da tuberculose, endémica aquí.
Unha vez en Bos Aires comecei a traballar nunha fábrica metalúrxica durante seis meses e logo puiden ingresar en “La Continental”, Compañía de Seguros, onde traballei durante 49 anos. Aquí, có meu traballo e o da miña muller, Águeda Fernández Domínguez, oriunda de Meirás, trouxemos ao mundo e sacamos adiante tres fillos, José Manuel, María de los Ángeles e Eduardo Alberto.
(A).- A Bos Aires exiliáronse trala sublevación militar de xullo de 1936, varios sadenses comprometidos coa República. Tratou ou coñeceu vostede a algún?
(MCB).- Sí por certo, coñecín a Casimiro Suarez, a Ramón Suárez Picallo, a Manuel Regueira…. Tamén viviron na emigración outros fillos predilectos de Sada, Manuel Lugrís Freire, Casal, Antonio Sanjurjo Badía…
(A).- Un conveciño ilustre ao que coñeceu foi Ramón Suárez Picallo. ¿Cómo foi ese encontro?
(MCB).- Ramón Suárez Picallo foi moi amigo do meu pai, coñecíao como republicano de Sada. Cando o meu pai soubo de RSP, que viña de estudar a pesca en Chile, no ano 1953, mandoume ata un hotel no barrio de Chacarita, (por certo, preto do cemiterio onde logo do seu pasamento en 1964 descansara, ata a repatriación das súas cinzas fai dous anos e a instalación definitiva no Cemiterio de Fiunchedo, como era o seu desexo). Alí, nese modesto hotel da zona de Chacarita foi onde o coñecín e lle levei a invitación do meu pai para que nos visitara na nosa casa, na rúa Coronel Esteban Bonorino entre Saraza e Balbastro, no barrio do
Baixo Flores. Súarez Picallo era unha luz, era fascinante escoitalo. Meu pai fíxolle unha caldeirada. Recordo as palabras do meu pai: “Ramón, está vostede na súa casa…” e as de RSP: “Compañeiros, é o mellor xantar que me poidestes facer… pescada á galega” (“merluza” de 6 ou 7 kgs, mercada na feira da rúa Santander)…, “que como con inmensa satisfacción na compaña dos meus veciños de Sada…” Volvín velo aproximadamente en 1960, estaba desempeñándose no Centro Lucense, e vivindo nunha modesta pensión na rúa Monroe, de Bos Aires.
Morreu sen ter nada, aínda recordo as súas palabras pouco antes do seu pasamento:… “o que tiña xa o din… o que din non o teño…, só me queda o que din”.
(A).- Vostede participou na fundación do “Centro Español de Sada y sus Contornos”, ¿cómo lembra aquelo?
(MCB).- Viñen á terra en 1973, co meu fillo José Manuel, coa apertura á democracia na Arxentina.
Pouco tempo despois estivemos nun acto en Punta Chica (no norte do Gran Bos Aires, na zona de San Fernando) no campo de recreo da Federación de Centros Gallegos.
Alí déronse cita xentes de diferentes sociedades; había xente de Lubre, de Mondego, de Ouces, de Sada… A suxerencia de Manuel Mosquera Perez, que tiña un taller de electricidade do automóbil en Bos Aires, plantexouse facer unha nova sociedade. Dese encontro saímos coa misión de “patear” a rúa na busca das diferentes persoas da zona de Sada, e comezar a asociar xente, plantexándonos empezar cun mínimo de 50 persoas. A tarefa foi moi fructífera e chegamos á Primeira Asamblea Extraordinaria con 250 socios. Alí plantexouse cal sería o nome que debería ter a nova Agrupación ou Sociedade. Decidiúse dar a coñecela como “Centro de Sada y Contornos”, dado que Mosquera foi
á escola de Sada y sus Contornos, ao igual que Manuel Gomez Vazquez, o primeiro Tesoureiro da Asociación. Ao ano conformouse a Comisión Directiva e fixouse a sede na rúa Chacabuco nº 955 da Capital Federal, que é a sede da Federación de Sociedades Gallegas en Bos Aires.
Posteriormente, deuse a oportunidade de vincularnos cun clube da zona de San Fernando, o “Centro Español de San Fernando”, a través de José María Villaverde. Este clube, que estaba bastante languidecente e con escasísima actividade, buscaba asociarse con galegos, como unha maneira de reflotar e dinamizar as actividades do clube.
Así, no ano de 1982, realizouse unha Asamblea para unir ámbalas dúas entidades, e na Acta de Fusión adxudicóuselle o nome de “Centro Español de Sada y sus Contornos”.
A posteriori, no ano de 1998, impulsados pola necesidade de ter a sede na Capital Federal, decidiuse vender a propiedade de San Fernando e adquirir a actual sede na rúa Pasco nº 557, da Cidade Autónoma de Bos Aires. Alí funcionamos ata hoxe, temos a Secretaría, facemos as nosas actividades e reunións da Comisión Directiva na cal o meu fillo, José Manuel Couzo Fernández leva catro anos como Presidente.
(A).- Con anterioridade, desde o ano 1919 funcionara en Bos Aires a asociación Unidos de Sada. ¿Qué sabe vostede acerca
desta institución?. ¿Coñeceu a xente que estivera vinculada a ela?
(MCB).- Coñecín a algúns directivos; tiñan a Secretaría no Centro Betanzos, na rúa México 1660 de Bos Aires, e existiú ata o ano 1953 ou 1954. Por certo, o Centro de Betanzos é un lugar donde Ramón Suarez Picallo foi moi querido e especialmente respeitado.
De alí mandaron a Sada una biblioteca, que incluía mobiliario de carballo e libros. A madeira noble aproveitouse e aínda queda algún mobiliario en Sada feito co ese carballo. Non tiveron a mesma sorte os libros, pois foron queimados… en fin…
(A).- Para rematar Sr. Couzo, ¿cales son as actividades
que acostuman realizar no “Centro Español de Sada y sus Contornos” de Bos Aires?
(MCB).- É básicamente un lugar de reunión e encontro para os asociados, e todos aqueles que teñan vinculación con Sada. Este é o espíritu co cal foi creado. Ademáis, cedemos e/ou alugamos o salón para actividades culturais, xuntanzas e agasallos familiares, e desde o ano pasado comezamos a desenvolver unha biblioteca pública. Esta actividade da biblioteca (coa intención de achegar ao barrio a nosa proposta e á vez dar a coñecer a terra da cal vimos, a Galicia e por suposto Sada), lévana adiante os máis novos, entre os que está o meu neto, Diego Alejandro Couzo Gianfrini, terceira xeración dos Couzo de Sada. Como vedes a presenza dos sadenses en Bos Aires, continúa… e o futuro de Sada está garantido…
(A).- Moitas gracias sr. Couzo, pola súa amabilidade.
(MCB).- Gracias a vostedes, no nome dos nosos paisanos, a ámbolos dous lados doAtlántico.-
Sada, 2010