ACTIVIDADES DO 14 DE ABRIL EN SADA

Ofrenda floral



O día de onte, 14 de abril de 2011, foi unha xornada para non esquecer. Conmemorábase o 80 aniversario da proclamación daquel soño, daquela gran esperanza colectiva que fora a II República. Un réxime democrático que se sostiña, en palabras de Ramón Suárez Picallo, sobre os principios “de dignidad humana, de libertad, de progreso cultural, de progreso económico y de progreso espiritual”.

Desde a nosa Asociación tiñamos dous eventos a celebrar: a

ofrenda floral ante o monumento ás vítimas da represión franquista, como facemos sempre nesta data, e a presentación do número 2 da nosa revista, Areal, coincidindo que facía xa 6 meses que vira luz o número 1. Relataremos en detalle ambos acontecementos, que cobraron especial magnitude pola presenza dun moi numeroso público e dos colaboradores que nos acompañaron.


80 anos da República: unha ofrenda floral

Como en cada 14 de abril -e xa van 4 anos-, estaba programada a ofrenda floral no monumento ás vítimas da represión franquista, monolito que foi erguido polo tesón de Jesús Castro e a xenerosidade de Valdi en 2007.

Desde minutos antes da hora programada (as 19:30 h.) fórase achegando un ben nutrido público ata o punto dos xardíns do paseo marítimo de Sada onde está emprazado o monumento en que se homenaxea ás vítimas mortais da represión franquista en Sada, pero tamén -como ben dixo o compañeiro Jesús Castro– a todos os que, dunha forma o doutra, padeceron a ditadura. A bandeira galega e a tricolor adornaban o ambiente e os atuendos de moitos dos asistentes, entre os que se atopaba -en proba da súa enorme dignidade-Carmen Castro, a última viúva dun dos sadenses asasinados no 36, o sindicalista anarquista José Neira.

O acto iniciouse coa colocación á pe do monumento de dous ramos de flores que combianaban as cores da República. Un correspondía á ofrenda que realiza a nosa Asociación, e foi colocado polo compañeiro Jesús Castro, mentres que o outro foi aportado por dous compañeiros de Madrid e depositado por Carmen Castro.

Abriu o turno da palabra Jesús Castro, agradecendo ao público a súa presenza e explicando o significado do acto. Inverveu logo o compañeiro Amable Carballeira, que fixo un canto á dignidade que representan as persoas representadas na placa e ao que para eles supuxo a proclamación da República. A continuación, Manuel Pérez Lorenzo falou acerca dunha ensinanza fundamental que podemos extraer da experiencia republicana: o feito de se construir sobre a base dunha sociedade civil ampla, pensante, actvia, e organizada. O compañeiro Xaime Rodríguez fixo unha interesante alocución sobre o que representou a República no contexto daquela España. Uns amigos de Madrid alertaron do desplegue eclesiástico que se está a montar no Retiro con motivo da visita do Papa e da dramática situación das mullere baixo o franquismo, algo sobre o que falou a compañeira Marisa Naveiro, que leu un texto do Sindicato de Oficios Varios de Sada alentando á liberación da muller. José Mª Monterroso, colaborador de Areal, leu un texto de Antonio Machado sobre a proclamación da República en Segovia, e o acto pechouse co himno galego. Cada intervención concluiu cun “Viva a República!”.

Entre os asistentes que nos visitaban desde A Coruña atopábanase Manolo Monge -presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica-, Francisco Picallo -director de Edicións Laiovento-, Manuel Lugrís Rodríguez -presidente do Club del Mar- e os escritores José Mª Monterroso Luis Pérez Rodríguez, entre outros.

Foi, ademais dun acto entrañable -no que se reuniron familiares de represaliados, veciños e veciñas de Sada, representantes políticos e axentes sociais- un verdadeiro acto de civismo; unha festa da democracia, da liberdade de pensar e da liberdade de expresar o que se pensa.



Presentación do nº 2 de Areal e actuación de Miro Casabella

Minutos despois de rematar a ofrenda floral, e feito a pe o breve camiño que separa o monumento as vítimas da represión franquista en Sada da praza de San Roque, un cento de persoas fómonos concentrando no lugar de emprazamento do seguinte acto: a capela de San Roque, hoxe sala de exposicións e auditorio, que foi recentemente inaugurada polo Concello de Sada logo dunha intensa restauración. A sala axiña quedou pequena, e unha parte importante do público tivo que presenciar o acto de pe. Sen dúbida, o ambiente agradable e a magnífica sonoridade do edificio contribuiron notablemente ao éxito do acto.

Ás 20:30 h. deu comezo a presentación do segundo número da revista Areal, que publica a A. C. Irmáns Suárez Picallo con carácter semestral. Abriu o turno de intervencións o presidente Paco Pita, que presentou aos demais poñentes e realizou os agradecementos dos que esta asociación é debedora. Logo, Manuel Pérez Lorenzo desglosou o contido do presente número de Areal, composto das seguintes seccións e colaboracións:



Opinión e actualidade

Entrevista con Manuel Couzo Bermúdez
Xulio Corredoyra

Requiem, serodio e breve demais, por Ediciós do Castro
José Mª. Monterroso

A feira de Ed-Mundo: Ecos da República
Edmundo Moure


Estudos locais

Una gira sindical de Ramón Suárez Picallo en 1920
Hernán Díaz

Nomes propios: José María Montes
Manuel Pérez Lorenzo

A condesa nas súas Torres de Meirás
Xesús Torres Regueiro

Un achegamento á ornitofauna sadense
Carlos Silvar


Estudos xerais

O que xantamos
Xaime Rodríguez Rodríguez


Documentos

Un discurso de Lugrís Freire para a historia
Manuel Lugrís Rodríguez

Un artigo da Pardo Bazán sobre o potencial turístico das Mariñas
Ilustracións de Suárez de Concha

A imaxe comentada

Novas doutro tempo

Memoria de actividades
Marisa Naveiro López

O que limos
Xaime Rodríguez Rodríguez

Interviron logo varios dos autores, que comentaron as súas colaboracións: Xaime Rodríguez, José Mª Monterroso, Calros R. Silvar e Manuel Lugrís Rodríguez. No transcurso do acto tamén se leron os saúdos que, desde Buenos Aires e Santiago de Chile nos enviaron os tamén colaboradores deste número Hernán Díaz e Edmundo Moure, e que transcribimos a continuación:

Aunque no pueda estar presente en esta nueva aparición de la revista Areal, desde Buenos Aires quiero enviar un saludo enorme a todo el grupo que está haciendo el esfuerzo para que concluya felizmente esta aventura.
Sada ha prohijado grandes momentos de la cultura gallega: Lugrís Freire, Ramón Suárez Picallo, Ricardo Flores, las Ediciós do Castro y muchos más que ustedes conocen mejor que yo. Por eso es tan importante que esta ciudad tenga una revista cultural que pueda ser un foco de difusión y un ámbito de investigación para el mayor conocimiento de su pasado y de su presente.
En ese cometido, creo que Sada cuenta hoy con un grupo de entusiastas, nucleados en su momento en la Comisión de Homenaje a los Hermanos Suárez Picallo, que están desarrollando con mucha fe y enorme idoneidad el trabajo de recuperación de la memoria histórica.
Así como en este número aparece un pequeño trabajo mío sobre Ramón Suárez Picallo, que espero lo encuentren interesante, cuenten con mi colaboración en todo lo que esté a mi alcance para el éxito de los próximos números de Areal.
Un gran abrazo para todos en general, y mucha suerte en esta empresa, en la que estoy totalmente involucrado, aunque a la distancia, intelectual y afectivamente.
Hernán Díaz

REVELACIÓN
UN SAÚDO NOS OITENTA ANOS DA REPÚBLICA)
É a que tiven en Sada, cando atopei un ramallo de republicáns, ao xeito do meu señor pai, cando dicía que en calquera recuncho do mundo podes recibir o achádego dun demócrata de verdade, aínda que sexa español, nestes tempos –sinalaba- en que tantos dos nosos teiman por esquencer á República, ese facho creativo dos nosos mellores intelectuais que tivera curta vida política, malia a súa raizame secular nos soños de liberdade dos pobos das Españas… Eran os tempos escuros da posguerra incivil, ano 55’ quizabes, e artellábase en Bós Aires o Congreso da Emigración Galega. Ramón Suárez Picallo despedíase do seu longo periplo nas terras de Chile.
Así comezou a miña historia de vincallos ideolóxicos coa nosa Galiza lonxana. Tiña eu daquela catorce anos. Medio século máis tarde chegaría eu a Sada para apresentar “La Feria del Mundo”, opera magna dun dos máis grandes republicáns galegos e universais… Dera eu a miña testemuña de fidelidade á memoria do meu pai e ao legado de Ramón, fillo dilecto de Sada.
Hoxe, cando se cumpren oitenta anos da nosa Segunda República Española, saúdo e aperto aos meus camaradas e compañeiros de Sada: Francisco Pita, o mestre; Manuel Pérez Lorenzo, historiador; Abel López Soto, alcalde; Xosé Val Díaz, escultor; Amable Carballeira; Marisa Naveiro; Manolo Rodríguez Cotos… e tódolos amigos da vila mariñeira que é tesouro das paisaxes do meu corazón viaxeiro.
Unha fonda aperta para todos vós e boaventura para a República, Casa perenne da nosa Liberdade.
¡Saúde, compañeiros!
Edmundo Moure
Dende Santiago de Chile
14 de abril de 2011

Por último, o compañeiro Valdi realizou a presentación do verdadeiro protagonista da noite, o cantautor Miro Casabella, que xenerara moitas expectativas en Sada, onde conta con numerosos admiradores.

A actuación, de máis dunha hora de duración, emocionou ao público. Miro interpretou máis de dez temas do seu repertorio, combinando algunhas das súas pezas máis clásicas (“O meu país”, “Ti, Galiza”…), con outras de factura máis recente. A Asociación, pola súa parte, repartiu un folleto con algunhas das letras e unha breve reseña biográfica.

Ao remate, varios integrantes da A. C. Irmáns Suárez Picallo compartimos cea con colaboradores de Areal e con Miro Casabella, para culminar unha xornada inesquencible.






Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *