A IMAXE COMENTADA

Interior do Salón Moderno
(1956)
Baixo varias denominacións e con diferentes funcións (salón de baile, teatro e cine, sala de festas, discotea…), o edificio nº 4-6 da rúa Linares Rivas ten sido, desde a súa apertura no 1915, un dos lugares máis emblemáticos da vila de Sada ao longo do século XX. Asemade, acolleu no seu 1º piso as dependencias do Concello de Sada durante máis de 50 anos. A súa xestión nas diferentes etapas correu a cargo de José Pérez Pazos, Manuel Zapata Montero, Francisco Babío Pérez e Antonio Muíño Blas e os seus descendentes.
Traemos a este número de Areal unha fotografía da súa primeira época, como Salón Moderno.

Na imaxe, que corresponde ao casamento de Vida Monzo e José Lorenzo (1956), obsérvase a amplitude do salón, o escenario enmarcado cunha ancha moldura, as fornelas aos seus lados, a ornamentación do teito e o palco de madeira que envolvía o perímetro da sala ata a súa total remodelación nos anos 70. Nas dependencias dianteiras do edificio estaba instalada a cafetería.
Ademais de acoller a celebración dos bailes dos domingos, o Moderno tamén funcionou como sala de cine, teatro e, antes da Guerra Civil, como tribuna de mitins e lugar de asembleas políticas e veciñais, pasando polo seu escenario figuras como Santiago Casares Quiroga, Ángel Pestaña ou Ramón Suárez Picallo.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *