A FEIRA DE ED-MUNDO. ECOS DA REPÚBLICA

Edmundo Moure Rojas
Na casona de La Cisterna, ao sur de Santiago del Nuevo Extremo, os sábados á tarde, o meu pai galego adoitaba escoitar a súa música preferida, mestura variada na que figuraban o tango, vellos cuplés, flamenco sevillano, doces fados na voz de Amalia Batista, sardanas e pandeiretadas galegas… De cotío, a sesión musical terminaba co Himno de Riego, peza conmemorativa que, como se sabe, integra sons militares, ao estilo da Marsellesa, con acentos de pasodobre, e que fora o himno nacional de España durante o breve trienio liberal (1820-1823) e nos oito anos da Segunda
República (1931-1839)… O galego subía o volume da victrola e abría as fiestras á quinta, como se convocase afastados camaradas que defendesen as trincheiras ao berro de “¡No pasarán!”

O meu pai, nostálxico aínda que non soturno, porque a súa exultante vitalidade impelíalle a disfrutar e compartir goces hedonísticos, era para min a encarnación simbólica -ségueo a ser- do auténtico republicano: demócrata, librepensador, progresista nun sentido máis amplo que ao que hoxe se outorga ao termo, entusiasta de iniciativas de ben social, inimigo declarado de fetiches sociopolíticos, fosen estes de índole clerical ou materialista a ultranza… Falábanos con paixón dolorosa dos grandes creadores, intelectuais e dirixentes da II República, ese soño que el vivira fora de Galicia, vítima do exilio emigrante, nun longo país da fin do mundo, onde prodigou a súa semente. Coñecemos da súa boca o que foi a Institución Libre de Enseñanza, creación educativa á que lle encomiaba os logros, xunto á lectura -feita pola miña nai- de poemas de Antonio Machado, Miguel Hernández, García Lorca e, sobre todo, das xeniais apostilas e glosas de Juan de Mairena… Logo viría o achegamento ao noso gran republicano, Alfonso Rodríguez Castelao, a través dese marabilloso libro, Sempre en Galiza”, que adquirira en Buenos Aires, exemplar da primeira edición que aínda conservo.

Os meus pais casaron o 1 de outubro do 1938, un mes máis tarde do arribo do goberno republicano de Pedro Aguirre Cerda, que tiña por lema “gobernar es educar”, electo pola coalición do Frente Popular, liderada polo Partido Radical, co apoio de socialistas, comunistas e socialcristiáns de esquerda, mandato que inauguraría tres períodos consecutivos de goberno laico, cos seus logros máis destacables na consolidación do ensino público e o desenvolvemento industrial chileno con sentido estatal de protexer as riquezas básicas da patria, evitando que caesen nas mans do ávido capitalismo.

Foi aquel o noso ambiente vital, onde nos desenvolvemos -prole numerosa de oito fillos-, aprendendo desde cedo o valor da liberdade de pensamento, da procura das verdades humanas accesibles para nós, no espírito imperecedoiro de fillos da República. Por aqueles días de finais da década dos 40′, Ramón Suárez Picallo culminaba entre nós a escrita do seu milleiro de crónicas de La Feria del Mundo. O meu pai referíase con admiración e cariño á obra xornalística do fillo de Sada, e, sobre todo, destacaba a súa irrenunciable vocación republicana, prurito que se tornara en Suárez Picallo un auténtico apostolado.

Xa non escoito o Himno de Riego, pero a brisa vespertina adoita tornarme, en días de afáns, frustracións e porfiados soños, a voz do meu pai, en sílabas certeiras de galaico acento que seguen soando para min como ecos inesquecibles desa República que algún día volverá nacer entre nós.
Marzo 2011
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *