Xesús Torres Regueiro
Foron nun principio Granxa de Meirás e casa señorial. Otero Pedrayo chámalle castelo na súa Guía de Galicia: “O castelo –de espléndido patio, forma polígono con tres torres, reedificado en 1893- é fundación de Ruy de Mondego, a fins do XVI e o maiorádego de Pedro Patiño de Bergondo. Na súa torre La Quimera, escribiu Dona Emilia Pardo Bazán moitas ilustres páxinas.” Certamente, dona Emilia, quen pasaba os invernos e primaveras na corte madrileña e os veráns e parte dos outonos en Galiza, (entre Meirás, as súas casonas familiares e o balneario de Mondariz), escribiu moito aquí.
Ramón Gómez de la Serna na biografía impresionista e un chisco irónica que trazou da “dama bispal da literatura española”, di que “no verán, no alto da Torre de Meirás soaba a súa máquina como o paspallás afónico” pois “alí preparaba a colleita de inverno que despois depositaba nos bargueños de Madrid”.
O presbítero Manuel Vidal Rodríguez estivo en Meirás entre 1914 e 1918 e escribíu en 1939 un libriño co título “Torres de Meirás: Vida de trabajo de la Condesa de Pardo Bazán y El Caudillo”. Daquela xa foran entregadas “a nuestro esclarecido Caudillo”. O libro acusa a literatura e estilo “patriótico” e fascista propio do momento.
Era Meirás entre os varios pazos e casonas da Condesa, o seu predilecto, por varias razóns e, sobre todo, pola súa proximidade á Coruña. A Pardo Bazán demoleu os restos do vello pazo dos antepasados e construíu as Torres nun mentido estilo medievalista e coroadas por ameas. A Torre de Levante (literariamente “La Vidal conta como era a vida “principesca” do pazo e as xornadas de dona Emilia, quen se erguía ás cinco da mañá diariamente e dedicaba oito horas á escrita e aos seus papeis ate a hora de xantar. Como unha funcionaria da escrita, case. Nas Torres traballaba para a Condesa unha chea de xente: maiordomo, cociñeiras, criadas, xardiñeiro, capelán e secretario persoal.
Mesmo tivo o seu pintor de cámara, Xaquín Vaamonde, que alí morreu prematuramente e está soterrado no cemiterio parroquial. Vaamonde pertence á chamada Xeración Doente, xunto con Parada Justel, Xenaro Carrero e Ovidio, o fillo de Rosalía e Murguía, todos mortos en plena xuventude.
De secretario persoal en Meirás fixo durante uns veráns o meu paisano Francisco Vales Villamarín, daquela estudante de Maxisterio en Compostela. Logo sería mestre da coruñesa escola dos Castros, secretario perpetuo da Academia Galega (dende 1949 ao seu pasamento en 1981) e cronista oficial de Betanzos. Don Paco Vales contou máis de medio século despois (“¡un soplo, Dios mío!”) como chegou ás Torres en xuño de 1913, a pé dende Betanzos, para desempeñar o traballo de “amanuense o auxiliar de oficina” -como el o describíu- por mediación do notario betanceiro Valderrama, medio parente da Condesa, quen daquela tiña xa sesenta e un anos.
As comidas en Meirás eran, como todo alí, opulentas. Xa se ve nos retratos que a Pardo Bazán estaba ben mantida. Dunha delas dá noticia Vales, que reproduce no seu artigo un menú de puño e letra da Condesa para o xantar do 20 de setembro de 1915 coa cabeceira da cartolina impresa coa vista das Torres: “Melón./ Sopa Picadillo./ Huevos Bechamel./ Tournedor./ Pastel de Ostras./ Coles de Bruselas./ Gallina en galantinas./ Torrado de café./ Dulces, frutas, queso./ Copa licor./ Rivero – Chaslei – Tostado.”
Todo isto escrito en vertical para impresionar máis. Non está mal para un luns (molesteime en miralo nun calendario perpetuo), aínda que en Meirás non debían facer moita diferencia entre diario e festivos. A Vales, que sempre foi enxuto e “esportman”, debíanlle sobrar varios pratos. A Condesa adoitaba supervisar persoalmente os menús, ademais de escribilos. O Ribeiro e o tostado eran de Banga, no Carballiño, onde dona Emilia tiña posesións. Aínda que o presbítero Vidal di, sen embargo, que “en aquella mesa principesca tres pratos e sobremesas. E iso porque o té historiado da merenda era “un verdadero lunch”.
É sabido que a Condesa morreu en Madrid en 1921. Dos seus tres fillos non quedou descendencia. Blanca, casada co Marqués de Cavalcanti (militar dúas veces golpista: con Primo de Rivera e con Franco), foi a derradeira da estirpe e herdeira e tivo o bo gosto de deixarlle a casona da coruñesa rúa das Tabernas á Academia Galega. Pola contra as Torres serían mercadas por obrigada “suscripción popular” para regalarllas ao Xeneralísimo Franco como “fundador del nuevo Imperio” e xefe do Estado en 1938.
Ademais varios viciños con terras que lindaban coas Torres foron expropiados para ampliar o espazo destas, que disque abrangue arredor das dez hectáreas, é dicir 230 ferrados das Mariñas.
Durante anos o Pazo de Meirás, xa denominado así, foi escenario de Consellos de Ministros, atraendo á Coruña toda a parafernalia do réxime franquista, unha especie de pequena corte, mentres os “roxos” fichados pola policía pasaban unha tempada a gastos pagos polo Estado na cadea. A Coruña republicana, vangardista, anarcosindicalista e galeguista transmutouse nunha urbe fascista.
Nunha guía de 1969 dise que o pazo de Meirás “ultimamente ten sido arrequecido con balaustradas e fontes barrocas aportadas doutros pazos galegos”.
Limos nalgures que algunha peza proviña do Pazo de Dodro. Mesmo dúas estatuas do Mestre Mateo procedentes da catedral de Santiago!
Xa logo da morte do Ditador, esta democracia transacionada co Franquismo permitiulle á familia Franco seguir usufrutuando Meirás, que o utilizou para os seus saraos e celebracións, producíndose en 1978 un extraño e sospeitoso incendio no seu interior que deu lugar a moitas especulacións sobre o seu patrimonio.
Os herdeiros de Franco obstaculizaron canto puideron a tramitación da Xunta de Galicia durante o goberno bipartito para declaralo Ben de Interese Cultural. Os propietarios terán agora que abrilo ao público catro días ao mes, logo de resolución xudicial, unha apertura que o actual goberno da Xunta está a demorar. A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña vai máis alá e ven reclamando a devolución de Meirás ao patrimonio público con concentracións reivindicativas diante dos seus muros. Sen dúbida, son moitedume as persoas que agardan poder visitalo, e preferiblemente sen a tutela dos Franco, aínda que a súa sombra, lamentablemente, seguirá pairando sobre este “sitio histórico”, como foi declarado oficialmente.
_____________________________________________
Este artigo foi escrito para a sección “Polos camiños da
Terra” que o autor mantiña en A Nosa Terra, estando
prevista a súa publicación en setembro de 2010, cando
a revista suspendeu a súa edición en papel.