5O ANOS DE MEMORIAS DUN NENO LABREGO

 Nestes días cúmprese o 50 aniversario da primeira vez que viu luz o libro de Xosé Neira Vilas “Memorias dun
neno labrego”. Con esta obra a literatura galega chegou a todos os públicos, converténdose nunha das máis vendidas e editadas da historia.

Hai tamén 50 anos, Ramón Suárez Picallo publicaba en Buenos Aires ó seguinte comentario -sendo a primeira reseña que se fixo do libro- que nós reproducimos agora, enviando os nosos parabéns e o noso agradecemento a Xosé Neira Vilas, colaborador desta asociación.



MEMORIAS DUN NENO LABREGO. Orixinal de Xosé Neira Vilas.

Por Ramón Suárez Picallo

Estamos diante dun texto galego, inxel e absolutamente auténtico. Pepe Neira Vilas que xa se tiña revelando denantes coma un bon poeta, arrequenta agora con este libro a sua condición de gran prosista do noso idioma vernáculo.
Neira Vilas, que tendo como ten agora 32 anos, casado con Anisia Miranda, tamén poeta i escritora cubana de estirpe galega, sitúase na condición dun neno aldeán da comarca ribeireña do Patrucial Río Ulla, pra narrar as inquedanzas, as aventuras, as preocupacións e as angurias dun neno labrego que se chama Balbino.
Balbino é ?un neno probe que está a mirarnos con ollos tristes, mentras nos vai contando os seus anceios e desventuras. Nasceu labrego nun país de leiras cativas e amos fachendosos. Ten un padriño sabio e un irmán na América. Conosce os trafegos da terra porque se criou entre angazos e forcadas. Sabe de restrebas, sementeiras e segas?A vida é un novelo. O mundo está acugulado de inxusticias das que son vítimas os iñorantes e os probes. As palabras sirven pra decir a verdade ou pra fuxir dela. E Balbino cavila todo esto. Maís alá do Xudío, ou de Eladia, ou de Pachín, está o xuramento feito no adro. Soña de día e de noite, pero herdou a fonda e vella sabidencia aldeán, e as ilusións non lle impiden ollar a realidade que o envolve. Non cree no destino. Di que as cousas acontecen asegún nós queiramos. Mais un día o Landeiro ponlle diante as ?Memorias do Capitán Smith?; e outro, a pique de morrer afogado, atopa a Lelo, o seu amigo, que máis tarde emigra e lle escribe dende o Brasil, Balbino non é un rapaz coma todos. Doille que non o comprendan. Síntese atafegado na aldeia. Quere elevarse, fuxir dos seres que soio pensan na maseira. E teima ser ?alguén?. Non morrer de todo ?cando morra?.
Entendérase, diante deste anunciado que o libro de Neira é un verdadeiro mensaxe; un mensaxe conmovedor para cantos fomos na nosa infancia, nenos labregos ou mariñeiros de Galicia, que rezábamos pra que Deus nos permitira fuxir da nosa propia terra. Da súa pobreza física, da sua soedade espritual e todo elo por causa dun antergo e catricentenario asoballamento. Balbino o narrador, e noso irmán, noso compañeiro, noso vello amigo, coa cachola chea de ilusión e anceios de fuxida. O gran drama de Galicia, do que os nenos pensan todos en arredarse.
O ámeto espritual de Balbino, é moi limitado; ten un límite aldeán nas ribeiras do Ulla máis por estensión é un ámeto que subxuga a todolos nenos de Galicia, con anceio e cobiza de hourizontes ultramariños.
Hai no libro de Neira Vilas, ademáis de todo esto un empeño de estética e de arte, moi rara entre os autores que escriben pra nenos e que non queren ser nenos. Escribir pra nenos é sentirse neno a vegada, require un outo sentimento artístico de ternura e de amor. E facer esto nun lenguaxe auténtico, inxel, e insobornabélmente galego, é certamente, unha gran obra de arte, que logrou na sua narración, de aparencia intrascendente, pero de fondura sicolóxica e nacional galega, o noso prosista Xosé Neira Vilas.
Os nenos de Galicia teñen un pensamento propio, un lingoaxe de seu, un xeito de espresarse facendo comparanzas, incruso coas letras do alfabeto; eisí a ?ele? é o legón da labranza; a ?o? é a roda do carro; e a ?b? é o anzó dos mariñeiros. A ?Ll? é o feixe de herba e a ?n? é o símbolo de decir: non. Calor, neste sinificado das letras e a das verbas é a función?tiña que ser, mellor dito, a función?dos pedagogos. Os pedagogos non saben desti nin unha soia verba. En troques sabe moito, e vese na sua obra, Xosé Neira Vilas, situado na condición dun neno labrego de Galicia.
Saudamos nas ?MEMORIAS DUN NENO LABREGO? de Xosé Neira Vilas, unha obra maestra límpida prosa galega, de sicoloxía infantil, e de sentido mensaxe prós nenos de Galicia de onte, de hoxe e de mañán. E tamén para os grandes que, cicais pro non saber entender os nenos do seu propio fogar e da su propia patria i estirpe críen fillos que, o longo, lles serán infideles; nemigos.
Saudamos tamén neste documento a aparisción de un grande e puro prosista do noso idioma galego, en xerarquía de suprema obra de arte popular.

Buenos Aires.- ?LUGO? febreiro de 1961.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *