UN ARTIGO DE RAMÓN SUÁREZ PICALLO SOBRE AS FROITAS DAS MARIÑAS

Reproducimos aquí un interesante artigo de Ramón Suárez Picallo (1894-1964) no que o xornalista, escritor e político galeguista sadense evoca, cunha linguaxe empírica, diversos tipos de froita característicos das Mariñas. Cando o escrebe, no Buenos Aires do ano 60, xa na súa vellez, faino desde a distancia infranqueable do exilio, recuperando recordos e sensacións da súa infancia.
Non é este texto en absoluto unha rareza, dado que foron moitas as páxinas que Suárez Picallo dedicou ás cuestións culinarias e á alimentación, nomeadamente na súa estadía en Chile, cando recibiu o encargo do goberno chileno de realizar un campaña para difundir o consumo do peixe. Outra faceta por descubrir dunha personaxe poliédrica .

TOPONIMIA FROITAL DAS MARIÑAS DE BETANZOS



“Aínda que son das Mariñas,
das Marinas de Betanzos;
aínda que son das Marinas
non che como garabanzos”.


Poucas terras hai no mundo tan xocundas tan fecundas e tan pródigas como as terras das nosas Mariñas de Betanzos. As nosas mariñas de Betanzos están formadas polos axuntamentos de Betanzos, Abegondo, Bergondo, Sada e
Oleiros e rematan na punta acantilada e brava da Marola.


Terras de panlevar e de pandar de milleirales, de patacales, de trigales e de centeales. Terras que dan tres colleitas o ano cos froitos primixenios das patacas e dos chícharos; xa o di o
refrán: “19 de Marzo patacas novas en Betanzos”.
Terras que daban as mellores cebolas pequenas do mundo, que os ingleses viñan a buscar a Betanzos en “queches” e “macandros” para facer con elas os seus famosos pikles.
Mais aparte de todo esto, queremos falar das gloriosas, golosas e cobizadas froitas da comarca.


AFRECES E CEREIXAS DE BERGONDO

Bergondo é un axuntamento que está entre Betanzos e Sada, i é famoso, entre outras cousas, polas súas afreces e as súas cereixas.
As afreces véndense dentro de Galicia por San Antonio e Corpus nos feiraies e nos romaxes como golosina cobizada de todos os rapaces. As cereixas son esportadas a Madrid e a Barcelona i a outras grandes cibdades da península, e fan fondo económico da vida rural de Bergondo.


Bergondo é ademáis, un Municipio de onde sairon e aínda siguen saindo todos os plateiros do mundo. En Madride, en Barcelona, en Nova York todos os plateiros son Bergondáns, ínterin non se demostre o contrario.


As cereixas de Bergondo son de cinco especies: pedrolas, gordas i amarelas e mui carnudas e xugosas; negras, as vegadas con bermens dentro, pero tremendamente sabrosas;
guindas con moito zume, que no vran aledan como postre os millores banquetes; a cereixa silvestre, sin inxertar con un pico de amargo e as derradeiras cereixas que, ademais de froita, dan unha gloriosa madeira para facer mobles internos nos vellos logares petruciales de Galicia.


PERAS URRACAS E BARBORIÑAS DE SADA

A pera urraca é unha especie única de Galicia. Saben como se fosen un terrón de mel. Teñen a pelexa da cor de borra de vino, e son inxertadas sobre espinos silvestres. No Castro de Samoedo, lugar aledaño a Sada, estanse facendo esperimentos para evitar o esgotamento de esta magnífica especie froital. As barboriñas son peras aneiras que dan froito un ano si e outro non. A pera barboriña é orixinal e típica de Sada e do seu Axuntamento; ten a particularidade de que cando cai do arbre madurecida, é unha pera fariñenta. En troques cando se recolle verde e se pon entre pallas no madureiro, é unha pera de auga pura, sabrosa e perfumada, como as mellores peras do mundo.


MAZÁS DE SAN PANTALEÓN DAS VIÑAS

San Pantaleón das Viñas é un lugariño cheo de írondosidade na ría de Betanzos pola sua banda este. As primeiras mazáns de Galicia danse alí co nome de mazáns Santiaguesas e de mazáns Agostiñas. Estas derradeiras mui cobizadas polos ingleses para facer as súas celebérrimas mermeladas. A mazán é dende os orixens do mundo (Adán i Eva no paradiso) a froita das grandes tentacións.


Nós, sendo rapaces, cando tendíamos as redes da traíña nos xunqueirales de Miodelo, cruzábamos o río nadando, para llas a roubar nos seus propios arbres.


DÚAS FESTAS FROITALES

Nosa Señora dos Remedios a veira do Río do Mandeo e San Paio, eran centro de esposición e de venda de estos lediciosos produtos froitales. Alí, ademais das froitas lembradas estaban as peras de manteiga, as peras da libra, as de media libra; as mazáns pellizas e camoesas, e xunto coas rosquillas, eran a cobiza dos que íamos ofrecidos ó famoso santuario.


OFRENDA

Estas evocaciós i estas lembranzas son para nós, que xa somentes vivimos de recordos, un remanso espritoal.
Ofrecémosllas devotamente á memoria de Ramón Beade Méndez, labrego de San Martiño de Tiobre nos aledaños da Cibdade de Betanzos dos Cabaleiros. Diputado, galego vertical, e amigo exemplar.


Dos tempos en que Galicia i as súas xentes, vivían, traballaban e cantaban un himno de esperanza de liberdade, de xusticia e de democracia.


Todo aquelo parece ser que está morto e que ninguén lembra aquelas xornadas nas que se esperaba que Galicia vivira de por si mesma, con un xeito propio e con un xenio de vellas
reigambres populares.


Mais, todo aquelo revivirá, remozado, ó conxuro dos versos do bardo ilustre:


“Poderán as cadeas
agrilloar os peitos.
Encol dos rexos corpos
gravitarán os ferros;
mais as outas ideas
e os sagros pensamentos
ninguén pode coitalos;
nin cinguilos
¡Nin Deus mesmo!”

Revista Betanzos, Buenos Aires, 1960
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *