O QUE LIMOS

Xaime Rodríguez Rodríguez
EUGENIO R. SERRANO DE CASANOVA.
Un nedense universal

Autores: Prados Tizon, JUAN, Rodon Lluís, JAUME. Prologo de Guillermo Llorca Freire
Edita: Concello de Neda. Pp 213

Bastante máis habitual no mundo anglosaxón, os mesmos autores falan, citando o Cunqueiro de La cocina cristiana de Occidente, da obra de James Boswell, Vida de Samuel Johnson, coma a obra inaugural do xénero no seu sentido moderno, o xénero biográfico non abonda en ningunha das linguas do noso Estado. E se iso e certo en relación cas figuras podemos dicir máis relevantes canto máis o é cando se refire as menos coñecidas. Precisamente unha das grandes virtudes de este libro é a de rescatar do esquecemento a homes da andaina do personaxe obxeto de estudio. Estamos, coma acertadamente di o prologuista, ante a reparación dunha inxusticia, ante o intento de poñer no seu lugar a un home que tivo un papel sobranceiro nun dos fitos da historia contemporánea do Estado: A Exposición Universal de Barcelona de 1888.

A partires do seu nacemento na vila de Neda, cunha expresionista e documentada análise da vida económica e social da poboación, os autores fixan os rasgos dun home que, no seu afán de ser ”alguén” chegou a ser funcionario civil, militar (cunha directa e importante participación na terceira guerra carlista no bando antiliberal, o que en certo modo non deixa de representar unha contradición ca súa posterior cosmopolita experiencia) director de publicacións e con varias responsabilidades en diversas exposicións universais, axudado polo seu coñecemento de varios idiomas, e, por enriba de todo, “alma mater” da devandita exposición a pesares do seu esquecemento pola historia oficial . De todos os xeitos, os autores recalcan o seu impulso decisivo na realización dun evento.como a Exposición do 1888 que, por exemplo, para Barcelona significou un importante paso adiante, podemos dicir que un salto de calidade na súa evolución, feito que non pasou desapercibido para os coetáneos; os autores citan a Jaume Colell, destacado escritor catalán e cóengo da catedral de Vic, quen deixou escrito o seguinte “Pero ahora ya todo es otra cosa; la vara mágica del numen de la Exposición ha elevado Barcelona de la modesta categoria de ciudad “menestral”, poco arreglada, al rango de ciudad señora, que sin perder su tipo comercial, coge el aire de una población de primer orden”.

Non e ista unha testemuña casual nin despreciabel, dado que foi en Vic, no ano 1884, donde Serrano apresentou o proxecto da exposición, feito do que no seu tempo deu noticia o mesmo Colell. De iste xeito, a traves dos documentos da época. os autores dan cumprida conta de que este inicial proxecto de Serrano, que xa viña de facer unha croquis completa e polo miúdo da futura Exposición, foi o que finalmente se levou a cabo.xa baixo os auspicios do Concello da Ciudad Condal.

Maís tarde, xa como concesionario e director xeral, creara unha serie de Xuntas, Directiva, Técnica e do Padroado, nas que deu entrada a unha serie de persoeiros que permaneceran deica o peche da Exposición, entre eles, coma presidente de honra da xunta do Padroado, Francisco de Paula Rius i Taulet, o que foi en catro períodos alcalde de Barcelona, o derradeiro deles durante a Exposición.. Os autores nos explican polo miúdo as circunstancias que fixeron posible o alonxamento de Serrano dun proxecto que deixou de ser, ao menos oficialmente, seu para selo dos políticos e dos sectores da burguesía catalá que levaron da man a súa criatura, xa posta en pe e en disposición de facer andaina, ademais das honras pola súa maduración e culminación.

Estamos ante un libro que na súa modestia ven xa que logo a encher un baleiro importante, a rescatar do esquecemento a unha figura que podemos considerar arquetípica do “self made man”, tan cara a cultura norteamericana e por outro lado tan frecuente entre os nosos paisanos na emigración.. Porén, tamén estamos ante a figura dun perdedor. Dun home que remataría os seus días no olvido; seus restos enterrados na foxa común do cemiterio de Montjuic.

Elaborado a partires dun importante traballo de documentación, incluindo as testemuñas de alguns dos seus descendentes vivos, o libro esta escrito con gusto e unha certa intención de estilo. E, por enriba de outros, ten o merito de plantexar a vixencia dun xénero coma o biográfico, que cando se aborda con rigor, alonxado ao tempo das tentacións haxiográficas e hipercríticas, pode resultar sumamente útil para un mellor coñecemento do biografiado e o seu tempo.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *