MEMORIA DE ACTIVIDADES

Marisa Naveiro López
Durante o ano 2010 a asociación continua realizando diversos actos e actividades en torno á cultura local. 

Marisa Naveiro e Rexina Basadre, dúas integrantes da asociación, visitan Bos Aires, sendo recibidas no Centro Galego, na Federación de Sociedades Gallegas e no Centro Sada y sus Contornos, que demostra unha vez máis a súa hospitalidade.

Como todos os 14 de Abril a Asociación conmemora en torno ao monumento do paseo marítimo o aniversario da proclamación da II República, presentado por Jesús Castro (na fotografía) e coa lectura de textos para rematar cantando o himno galego.


A exposición itinerante dedicada aos Irmáns Suárez Picallo, está durante o mes de maio no IES de Arzúa, e alí é visitada polos alumnos e profesores do Centro.

O día 10 de xullo inagúrase a exposición en Redes. No acto de presentación na Asociación Cultural de Caamouco, o seu presidente, Ernesto López Naveiras, agradécenos a iniciativa en nome dos veciños. Lito e Marisa explican o contido incidindo no paralelismo dos dous pobos: Sada e Redes.

O 21 de xullo na casa da xuventude preséntase o nº 1 dos Cadernos de Estudos Locais, para conmemorar o 75 aniversario do Ateneo de Cultura Política y Social de Sada. O seu contido é o artigo elaborado por Manuel Pérez Lorenzo O Ateneo de Cultura Política y Social: unha experiencia societaria na Sada da II República. Falou ademais do autor o historiador Carlos Pereira Martínez, sobre a A alternativa cultural obreira na comarca coruñesa na II República.

Co motivo do 1ª Mercado Mariñeiro de Sada, que ten lugar os días últimos do mes de xullo, sacamos o nª 2 dos Cadernos de Estudos Locais. Titúlase As letras e o mar, conta con dous artigos: “Histórico. Das nosas costas ” (M. L. Freire-Calvelo) e
“Remembranza” (R. Suárez Picallo).

Nas festas patronais de Sada sae o nº 3: As letras e as festas: “Sada en festas” (E. Rocha Llobregat), “As festas nas Mariñas de Sada” (Freire- Calvelo), “Evocación emocional das festas de agosto na vila de Sada” (R.Suárez Picallo) e “Para confeccionar un bo programa de festas” (X.A.Suárez Picallo).

En agosto a exposicion vai a Ares; alí coa presenza do noso alcalde Abel e Julio Iglesias (alcalde de Ares), Lito e Marisa ten lugar o acto de presentación ao que asiste, recén chegado de Bos Aires, Manuel Couzo. En setembro e con Felipe Senén imos a Portas Ártabras, onde se presenta a exposición.
Están presentes Abel López Soto, Manuel Couzo e Paco Pita, o noso presidente. Entre o público atópase José María Monterroso Devesa, quen acaba de doarnos unha colección de libros. Trátase da edición en facsímil en trece tomos de A NOSA TERRA, (1916-1972) aparte dun importante número de libros de temática galega. Xeneroso agasallo que agradecemos.

O día 16 de setembro ten lugar un acto de homenaxe a Manuel Couzo Bermúdez. Os sadenses tiñamos unha débeda con él, por levar o nome de Sada tan lonxe e tan alto. No acto ve a luz o nº4 dos Cadernos de Estudos Locais, Manuel Couzo e o Centro Sada y sus Contornos, o contido: “Manuel Couzo Bermúdez” (A. López Soto) e “O asociacionismo sadense na diáspora. Un último capitulo” (M. Pérez Lorenzo).
A publicación do 1º número da revista AREAL, nos actos do aniversario da morte e traida de restos de Ramón Suárez Picallo, vai por o punto final a esta crónica.


Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *