Editorial da Redacción

Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo       14 de outubro de 2010 nº 1 – Sada

Hoxe nace AREAL, revista cultural de Sada,
que publica a A. C. Irmáns Suárez Picallo. Comeza
unha ilusionante aventura semestral, coa
pretensión de achegar aos veciños o coñecemento
das realidades máis inmediatas e o legado dos
que nos precederon na habitación desta xeografía,
pois o pobo que descoñece o seu pasado camiña
sen referenzas cara o futuro.
Nesta revista, que pretende dotarse dun carácter
multidisciplinar, dentro das nosas posibilidades,
daranse cita todos aqueles colaboradores
que queiran aportar algo acerca da nosa historia,
do noso patrimonio etnográfico e natural,
das nosas letras…
Corren tempos nada fáciles para a lingua. Hoxe
en día estamos a vivir a desaparición de medios de
comunicación e revistas en galego, polo que escribir
e publicar na nosa fala é case unha aventura
que emprendemos con moito gusto.
Gratificámonos de termos quen nos acompaña,
apoia, e confía no noso proxecto, ora ofrecéndonos
os seus traballos en artigos e materiais gráficos,
ora patrocinándonos. Neste sentido, temos que
agradecer a colaboración do Concello de Sada e
dun grupo de hostaleiros e comerciantes sadenses
que permiten, ao se anunciaren, a publicación desta
revista que hoxe sae do prelo.
E sae baixo o título de Areal, cinco letras que
teñen o seu significado: Areal en atención á orixe
xeolóxica da nosa vila, e porque Areal significa
Sada nas obras que Emilia Pardo Bazán
ambientou nestas latitudes. E Areal, á fin, porque
é o lugar aberto a recibir e o punto de partida
desde o que se pode avanzar cara todas as
direccións.
Estruturamos a revista en varias seccións
fixas: Opinión e actualidade, na que terán cabida
entrevistas e artigos de opinión; Estudos locais,
que acollerá traballos actuais sobre diversas
cuestións de interese; e Documentos, onde recuperaremos
textos doutros tempos. Tamén contará
cunha Memoria de actividades, na que o lector
poderá achegarse ao quefacer da A. C. Irmáns
Suárez Picallo, así como cun apartado de
comentarios bibliográficos, O que limos. Co tempo
procuraremos introducir novos apartados e
dotar á publicación de diferentes contidos.
Serás ti lector ou lectora o que ao final
demandes e apoies ou rexeites indiferente esta
proposta cultural que nace en Sada lembrando a
importante pegada que deixou a revista Mariñana
hai 85 años. Agardamos que Areal sexa do teu
agrado e que dentro de seis meses poidamos reatoparnos
nun novo número.

Coordinación e maquetación Impresión
A. C. Irmáns Suárez Picallo · Sada Lugami, Artes Gráficas · Betanzos
Contacto
comisionsuarezpicallo@gmail.com / 665 801 557
www.blogoteca.com/acsuarezpicallo
Fotografía de portada: “Puesta de sol en la ría”, Deseño dos caracteres do título
por Germán Díaz Baliño, Mariñana, Sada, 02/1926 Calros R. Silvar
D. L. C 3217-2010

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *