A IMAXE COMENTADA

“Pescadores en el lanzamiento del aparejo llamado Boliche en la playa de Morazón”
Autor: Francisco Varela Posse (El Eco de Galicia, La Habana, 10/06/1930)
Traemos a este primeiro número unha fotografía de evidente interese histórico e etnográfico, que compensa a súa baixa calidade, dado que foi extraída da prensa da época.
Da imaxe interésannos, fundamentalmente, dous aspectos: a paisaxe na que foi tomada e a actividade humana que está a retratar.
A paisaxe corresponde, como ben indica o pe, á praia de Morazón, en Fontán, con marea baixa. Ao fondo aparece a Pena da Herba.

Acostumados a atopármonos con fotografías de hai certo tempo nas que apenas recoñecemos á Sada de hoxe, resulta curioso observar como neste caso apenas nada cambiou.
O centro do cadro compóñeno os homes, nenos e mulleres que ocupan o areal, dispoñéndose a lanzar o boliche, unha arte de arrastre bastante empregada na época. O boliche é unha xávega de pequenas dimensións, é dicir, un aparello composto por dúas franxas de rede que se ensanchan formando unha sorte de saco ao fondo que é arrastrado para atrapar o peixe. Normalmente, a operación realizábase desde unha praia, coa axuda de embarcacións que estendían a rede.
Na fotografía observamos como un cabo queda en terra mentres dispoñen o aparello no mar, para posteriormente facer chegar o outro cabo e tirar por ambos.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *