75 ANOS DO ATENEO DE CULTURA POLÍTICA Y SOCIAL DE SADA

Onte a A. C. Irmáns Suárez Picallo conmemorou o 75 aniversario da constitución do Ateneo de Cultura Política y Social de Sada. Para iso, nada podía ser máis axeitado que contar coa presenza do recoñecido historiador Xoan Carlos Pereira Martínez nun acto no que tamén participou o tamén xoven historiador sadense e membro desta Asociación Cultural Manuel Pérez Lorenzo.


No local da Casa Municipal da Xuventude, recentemente rehabilitado polo Concello de Sada con gran funcionalidade, fixo a presentación Paco Pita, que tivo en primeiro lugar unha lembranza para Juan Carlos Medal. Posteriormente, e tras realizar un percorrido pola actividade e a obra de Carlos Pereira, deulle paso a este último.

Carlos Pereira disertou sobre A alternativa cultural obreira na comarca coruñesa na II República. Realizou unha ilustrativa e documentada introdución acerca do asociacionismo cultural vinculado co movemento obreiro, os seus porqués e formas de organizarse, para logo achegarse a exemplos máis concretos, cos casos locais da Coruña, Culleredo e Oleiros, estudados por el.

Rexina Basadre realizou a presentación do seu compañeiro e dilixente membro da Asociación, Manuel Pérez Lorenzo,”Lito” que falou sobre O Ateneo de Cultura Política y Social: unha experiencia societaria na Sada da II República, describindo o contexto da Sada dos anos 30, as organizacións culturais existentes e centrándose por último no Ateneo.

No acto, presentouse o primeiro número de “Cadernos de Estudos Locais” editado pola A.C. Irmáns Suárez Picallo adicado precisamente ao Ateneo de Sada e do que é autor o citado Manuel Pérez. Anunciouse ademáis, a intención de sacar adiante por parte desta Asociación, a publicación dunha revista sobre a historia e patrimonio sadenses, dos seus persoeiros, movementos e asociacións culturais, e o primeiro número sairá coincidindo coa celebración do pasamento de Ramón Suárez Picallo e segundo cabodano da traída das suas cinzas, o vindeiro 14 de outubro.

Ao remate de ámbalas dúas exposicións, deixouse un espazo para o coloquio, no que interviron algúns dos asistentes.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *