Presentado o libro RAMÓN SUÁREZ PICALLO. A VOZ ESQUECIDA DO GALEGUISMO

No día de onte, 16 de outubro, presentouse na Casa da Cultura “Pintor Llorens” de Sada un volume no que, ademais de abundante material gráfico e documental, recóllense as aportacións de diferentes investigadores acerca da figura excepcional de Ramón Suárez Picallo.

O libro, editado pola Comisión Irmáns Suárez Picallo co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña, conta coas colaboracións de Justo Beramendi, Hernán Díaz, Alfredo Erias, Mercedes Fernández-Couto, Emilio Grandío Seoane, Esperanza Mariño, Edmundo Moure Rojas, Francisco Rodríguez, Xesús Torres Regueiro, Ramón Villares, Francisco Pita Fernández, Rexina Basadre Orozco e Manuel Pérez Lorenzo.
O seu deseño gráfico e maquetación correu a cargo de Xosé Díaz (Imago Mundi).
Na presentación interviron, ademais dos representantes da Comisión Irmáns Suárez Picallo (Francisco Pita e Manuel Pérez), a Deputada provincial Silvia Seixas e o Alcalde Abel López Soto, que entregou á Comisión valiosa documentación sobre Ramón Suárez Picallo.
[…] Queremos que a finalidade primordial desta publicación sexa falarvos de Ramón Suárez Picallo, quebrar definitivamente o silenzo que se cinguiu durante décadas en torno á súa figura, para que todos podamos servirnos do seu maxisterio e reivindicar un vínculo que nos une co pasado. Falarvos, en definitiva, dese “nós” colectivo en nome do que se erixía Ramón, e que engloba a todos os desherdados, a todos os que, como o seu irmán Xohán Antón, asasinado polos fascistas no 1936, foron vítimas da barbarie e da inxustiza por teren gastado os seus esforzos en causas xenerosas, en beneficio do ben común.
COMISIÓN IRMÁNS SUÁREZ PICALLO – PRESENTACIÓN
Por Ramón Suárez Picallo pasou gran parte da Galicia do século XX, a da terra europea e a ergueita en terras americanas. Así, a súa figura sérvenos de fío condutor para facer un percorrido pola Galicia de aquí e de “acolá” durante o século pasado. Daquelas terras e daquel tempo foi actor e partícipe sobranceiro. Ao noso protagonista poderíanselle dedicar as palabras que adornan toda gran biografía: orixe humilde, un home que se fixo a si mesmo, a vida foi a súa escola. E con seren máximas adoito repetidas, son características que lle acaen ben a aquel home que veu ao mundo en Veloi, un lugar da parroquia de Sada, en 1894. […]

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *