Ramón comezou a traballar na terra aos sete anos, e aos catorce acompañaba seu pai como mariñeiro.
“Emigrei aos catorce anos só. Cheguei a Bos Aires sen saber a quen me dirixir. O único amigo -un compañeiro meu de pesca-, de quen levaba o seu enderezo marchara da cidade. Un coche levoume a unha hospedaxe de mala morte a pasar a noite. O ruído da gran urbe non me deixou durmir. Ao outro día merquei un diario, lin os anuncios e botei a andar tras dun deles: pedían un rapaz galego recén chegado para unha farmacia. Alí empregueime como peón gañando 15 pesos por mes. Alí traballei once meses ata que, cando xa gañaba 60 pesos, enfermei. Non me prestaba a farmacia. Funme. O patrón -un italiano que só quería empregados galegos- díxome que me recomendaría para calquera traballo. Ao mes empregueime nunha oficina para escribir a máquina. Xamais tocara eu tal artefacto. Mais a necesidade agudiza o enxeño. Logo fun cobrador dunha casa maiorista cun grande salario. Mozo, con cartos, con pouco traballo, sen unha man que me guiara, fixen unha vida pouco regular: Deixei o emprego e comezou un viacrucis. Acabáronse os cartos e os amigos. Eu non nacín para esmolar, nin quixen nunca proteccións. Fun vender doces para un patrón borracho e analfabeto. Levaba na cabeza unha cesta que pesaba 60 quilos. Porta por porta nos arredores de Bos Aires ofrecía a mercadoría: “¡Alfajores Cordobeses, mandioca y dulce de leche!…”. Gañaba 70 pesos mensuais. Ata que caín enfermo de tifus e outras complicacións. Estiven seis meses nun hospital-lazareto de onde saían poucos. Había alí homes de todas as razas, entre eles un galego ao que lle cortaran as dúas pernas a causa dun estraño mal que contraerá no Brasil. Aquel home encariñouse comigo e definiu a vida do meu espírito. Era anarquista tolstoiano. Amosoume o amplo panorama das ideas sociais. Fun sempre un apaixonado pola lectura desde neno. Toda a miña instrucción oficial eran tres cursos de instrucción nocturna. Eu fun o maior de once irmáns e desde os sete anos tiven que traballar no mar e a terra”.
Ramón Suárez Picallo tivo unha activa participación na vida sindical e política arxentina. En 1917 a revolución rusa levouno a posicións máis radicais.
“Como membro dun Comité de organización gremial contribuín á organización de 50 organizacións sindicais. A crise que a guerra produciu no socialismo e os fulgores da revolución rusa repercutiron na Arxentina. A esquerda marxista e as mocidades iniciaron unha crítica fonda á obra dos dirixentes socialistas. Unha escisión e a creación do Partido Comunista. Do comunismo retireime para reingresar ao socialismo cando o PC se escindiu en catro grupos”.
En 1918 foi candidato a concelleiro na Capital Federal e un ano despois candidato a senador pola provincia de San Juan.
Picallo na súa histórica carta do 31 de agosto de 1933 a Santiago Casares Quiroga vólvenos relatar a súa vida política:
“Iniciei a miña vida espiritual e política no movemento socialista e nos sindicatos obreiros dos oficios cos que na emigración tiven que gañar o pan nun país que é mirador e antena vibrátil de todas as inquedanzas políticas e sociais do mundo. Dividido aquel movemento ante os problemas da posguerra, especialmente a revolución rusa e a resurrección das pequenas nacionalidades oprimidas ou aletargadas, formei parte nas filas comunistas, rama desprendida do vello tronco socialista, convencido de que remataba o ciclo histórico do capitalismo e da súa representación política, o estado imperialista. A revolución rusa primeiro facendo unha Federación de Repúblicas e logo unha Unión de Repúblicas reivindicaba os vellos pobos rusos afogados polo zarismo”.
Malia as súas posicións radicais, as divisións internas dentro do partido vano afastando da militancia comunista para se dedicar de cheo á vida sindical e gañar a vida en distintos oficios.
“Despois do trust non tiven máis remedio que ir traballar bordo. Entrei de lavacopas e cheguei a primeiro reposteiro co remoque de
Outra vez á
Daquela a Avenida de Maio, a avenida dos galegos, era a rúa predilecta dos intelectuais arxentinos para organizaren as súas tertulias. Xustamente nunha destas cafeterías de nome “La Armonía” reuníanse xornalistas e escritores da máis variada procedencia. Picallo ao pouco de frecuentar esta tertulia foi presentado a un compatriota emigrante coma el, que non sería outro que Eduardo Blanco Amor. Aquel encontro marcaría aos dous amigos para sempre. Blanco Amor será o encargado de introducir a Picallo no mundo do nacionalismo e a emigración galega, sendo Picallo un factor moi importante nas posicións de esquerda de Blanco Amor.
Picallo comentará así a súa etapa de ingreso á política galega desde a emigración:
“Fun ademais secretario de redacción do importante semanario “Correo de Galicia” de Bos Aires desde abril de 1926 ata o 16 de maio de 1931, data na que me embarquei”. “Paralelamente coa relación que lle relatei desenvolvín outra igualmente intensa con proxeccións sobre a terra patria de Galiza”.
En 1921 na colectividade galega de Bos Aires fan a súa aparición as doutrinas do nacionalismo galego. Prenden singularmente na xente nova imbuídas das ideas democráticas e universalistas en voga dotadas da sensibilidade máis exquisita. Os libros en galego, os estudios do Seminario de Estudos Galegos, as publicacións “Nós” e “A Nosa Terra”, as críticas sobre os nosos valores artísticos e intelectuais, son o pan espiritual das tertulias que congregan a nosa xente moza. Fundouse con 45 Sociedades Comarcais a Federación de Sociedades Galegas, Agrarias e Culturais cun programa republicano federal e socialista ao que agrega os postulados máis interesantes do nacionalismo galego partindo da autonomía integral da rexión. Actuou na entidade, concorreu aos seus Congresos, a todos, e nun extraordinario como vicepresidente. Lembro que ocupaba eu a presidencia cando os diarios da tarde daban a nova da morte de Pablo Iglesias. O Congreso suspendeu as súas tarefas, os delegados e a barra de pé gardando un minuto de silencio solemnísimo, despois do cal pronunciei o discurso máis sentido, máis emocionado da miña vida, sobre a vida e a obra de aquel galego insigne, apóstolo e patriarca do socialismo español. Aquela entidade foi durante todas as dictaduras a única tribuna española de Sudamérica onde se expresou o forte “non contento” da España que morría e a esperanza dunha nova España. Os máis claros intelectuais de América deportados das dictaduras falaron desde ela. Organizou centos de mitins contra a dictadura e en solidariedade cos intelectuais deportados e encarcerados. Organizou durante varios anos a “Semana Galega” en homenaxe a Pardo de Cela; durante cada unha delas pronunciáronse conferencias sobre arte, literatura, cuestións políticas e sociais, historia, xeografía e música galega. Estes actos mataron ante os ollos de América a lenda da inferioridade galega e o tópico do galeguismo da “morriña”, a “terriña”, a “gaitiña” e o lacón con grelos.
O galeguismo adquiriu unha categoría de espírito respectable por todos. A Federación editou “El Despertar Gallego”, órgano quincenal de batalla (hoxe “Semanario Galicia”), que merecía o honor de ser queimado en pira polos caciques rurais e polos paniaugados da UP. Deste xornal fun secretario de redacción e colaborador asiduo. Ademais”.( Alma Gallega).
O 30 de setembro de 1924 saíu á rúa o primeiro número da revista “Céltiga” impulsada por Domingo Rial Seijo e baixo a dirección colexiada de Ramón Suárez Picallo, Eduardo Blanco Amor e Eliseo Pulpeiro.
Como xa contara Suárez Picallo, o 18 de agosto de 1925 estreou a súa obra teatral “Marola” no Teatro Mayo de Bos Aires, a musicalización da mesma foi de Paz Hermo e tivo como asesor teatral a Eduardo Blanco Amor. A obra é de carácter patriótico tendo unha grande repercusión de público.
Suárez Picallo viaxa a Europa en 1926 para participar do congreso anual da Organización Internacional do Traballo que se realizou en Xenebra. Entre os seus cometidos estaba visitar Galiza como correspondente da revista galeguista “Céltiga” e contactar cos círculos políticos daquela época.
Picallo chegou a Galiza no mes de agosto dese ano. O 21 de agosto falou no Círculo de Artesáns da Coruña sobre o xurdimento do nacionalismo galego en América sendo presentado por Antón Vilar Ponte.
O día 29 as Irmandades da Fala ofrecéronlle un xantar en San Pedro de Nós, un día antes de coller o barco para a Arxentina. Durante a súa estadía en Galiza Picallo establecería unha fonda amizade política con Antón Vilar Ponte, un dos fundadores das Irmandades da Fala e posteriormente de ORGA.
A viaxe de Picallo a Galiza e a súa amizade con Antón Vilar Ponte foron decisivas para a fundación de ORGA en Bos Aires.
A Federación de Sociedades Galegas, Agrarias e Culturais de xeito conxunto con ORGA de Bos Aires resolveu enviar como delegados á Asemblea Republicana da Coruña a Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos e Sigüenza.
Suárez Picallo chegou a Galiza o 4 de xuño xusto para participar o día 5 da Asemblea Republicana que se realizou na Coruña nos salóns do Teatro Principal. Durante a asemblea ambos os delegados da emigración xogarían un papel moi activo. Alonso Ríos foi elixido presidente da mesma e Suárez Picallo foi proposto como candidato a deputado constituínte.
Ramón Suárez Picallo durante os días da campaña electoral percorreu unha chea de vilas e aldeas da Coruña. O 28 de xuño Picallo recibiu 55.054 votos sendo elixido deputado pola súa provincia.
En decembro de 1931 participou da fundación do Partido Galeguista, obxectivo este que se tiñan marcado desde a emigración. Rapidamente Picallo se converteu xunto a Castelao na imaxe pública deste partido, pasando a liderar dentro do mesmo a corrente de esquerda nacionalista. Foi a presión de Picallo a que definiu a política de alianzas progresista do Partido Galeguista cos partidos que posteriormente conformaron a Frente Popular.
Picallo tivo unha activa participación parlamentaria sendo elixido membro da comisión de Traballo e Previsión. Entre as intervencións máis destacadas de Picallo foron: Repatriación de emigrantes españois na República Arxentina; Proxecto de Constitución; Situación angustiosa de emigrantes españois en América, etc.
En 1933 disólvense as cortes e convócanse novas eleccións. A pesar do retroceso electoral obtivo 78.000 votos, os cales non lle chegaron para ser elixido deputado.
Esta nova circunstancia foi aproveitada por Picallo para facer o bacharelato no Instituto de Ensinanza Secubdaria de Lugo e posteriormente a carreira de avogacía na Universidade de Santiago de Compostela.
En 1934 detivérono e encarcerárono acusado de alentar a folga xeral de Asturias.
Durante estes anos Picallo foi o director de “A Nosa Terra”, dirixiu “SER” Semanario de esquerdas, foi o vicedirector de “Claridad” de Santiago de Compostela, e escribiu en “Vanguardia Gallega” de Lugo. Os seus artigos foron impresos por distintos xornais de cidades españolas como “El Sol” de Madrid, “Le Humanite” de Barcelona e “El Ideal Vasco”.
En setembro de 1935 Picallo licénciase como avogado con notas sobresalientes.
O triunfo da Frente Popular o 16 de febreiro significou para Picallo a obtención dunha acta de deputado en representación do Partido Galeguista pola provincia da Coruña, obtendo 162.000 votos.
Chegada a A Coruña dalgúns dos deputados galegos para asistir á Asamblea pro Estatuto de Galiza.
Durante a Campaña polo Si, Picallo fixo uso da palabra en máis de 170 mitins das catro provincias galegas. Co triunfo esmagador do plebiscito o 15 de xullo de 1936 foi levado a Madrid o Estatuto de Autonomía e entregado ao Parlamento español para ser aprobado en Cortes. O 18 de xullo o Xeneral Franco sublévase no África e comeza a guerra civil. A maioría dos membros da Comisión que levaron o Estatuto de Autonomía ao regresar aos seus lugares son sorprendidos polo alzamento, sendo na maioría dos casos detidos e fusilados. Foron asasinados o seu entrañable amigo Ánxel Casal como así tamén Alexandre Bóveda, Díaz Baliño e o seu propio irmán Antonio paseado en Sada. Picallo e os demais deputados salvaron as súas vidas debido ás súas responsabilidades parlamentarias que os retiveron en Madrid.
A finais de 1936 a maioría de intelectuais e político galeguistas trasládase a Cataluña. Xunto con Castelao foi o responsable de “Nova Galicia”, Boletín quincenal dos Escritores Galegos Antifascistas, xornal de difusión do galeguismo durante a contenda civil.
Derrotada a República Picallo esperou ata o último momento para partir ao desterro. Con Marcial Fernández dirixiuse ata Darnius, o cruce da fronteira francesa, e desde alí ata Perpignan. Logo trasladouse a Cherburgo, onde se embarcou no Queen Mary rumbo a Nova York.
En xullo de 1939 marcha á República Dominicana e alí exerceu o xornalismo como director do diario “La Nación”.
Neste país estivo un ano, téndoo que deixar debido ás presións políticas do goberno de Trujillo.
Suárez Picallo chegou a este país en outubro de 1940 fuxido e co posto.
En Chile comezou traballando no xornal “La Opinión”, para logo pasar a “La Hora”,órgano oficial do Partido Radical, “El Mercurio”, tamén colaborou en “El Sur” da cidade de Concepción de Chile, onde tiña unha columna denominada “La Feria del Mundo”.
O 15 de novembro de 1944 fundouse en Montevideo o Consello de Galiza coa sinatura de Alfonso Rodríguez Castelao, Elpidio Villaverde, Antón Alonso Ríos e Ramón Suárez Picallo.
En 1954 Picallo viaxou por vez primeira a Bos Aires logo de varios anos de exilio en Chile. O motivo da mesma foi participar como figura principal dos actos programados pola Comisión Intersocietaria con motivo do 18 aniversario do Plebiscito de Estatuto de Galiza.
Malia a grande recepción tida na Arxentina, o goberno do Xeneral Perón non simpatizaba coas ideas socialistas de Picallo, quen por cuestións de seguridade decidiu voltar a Chile.
En 1956 Suárez Picallo volve á Arxentina para participar do Primeiro Congreso da Emigración Galega, que se realizou desde o 24 ao 31 de xullo nos salóns do Centro Asturiano.
En 1959 Picallo fíxose cargo da Cátedra de Cultura Galega do Centro Lucense de Bos Aires.
En 1961 comezou tamén o seu primeiro curso de xornalismo que continuou impartindo ata 1962.
Picallo arrastrou durante os seus últimos años a enfermidade do esquecemento e a soidade. En distintas oportunidades foi internado pola súa doenza e abandono físico.
Ramón Suárez Picallo morre no Sanatorio do Centro Galego o 14 de outubro de 1964.
(Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/09/2000)