RAMÓN SUÁREZ PICALLO, DEPUTADO

Francisco Rodríguez
1.-A singularidade de Suárez Pícallo
Resulta revelador o proceso polo que algúns mozos nados a fins do século XIX, entre 1885 e 1900, na transición finisecular, acabaron por facérense nacionalistas. En todos eles dáse unha experiencia biográfico-social que, unida cun esforzo autodidacta conducente ao contacto coa cultura nacional agachada, acaba por revelarlles Galiza como un país con historia, aspirante a expresarse con vontade política. Vicente Risco (1884-1963), Otero Pedraio (1888-1976 ), Castelao (1886-1950), chegan ao nacionalismo após viaxaren arredor de si, nunha especie de individualismo que, no caso risquiano, é mesmo egocentrismo. 

A súa formación académica, universitaria, non conducía á identificación co seu pobo negado, coas clases populares marxinadas e desprezadas, nen menos a acreditaren na capacidade e potencialidade da lingua e cultura nacionais. Porén as súas distintas formas de inadaptación ao modelo burgués, español, dominante, mesmo o seu universalismo cultural, o seu cosmopolitismo máis ou menos decadente, acabaron por desembocar no descubrimento do propio país, da súa lingua e da súa cultura. A extracción de clase –popular, en Castelao, fidalga e pequeno-burguesa, nos casos de Otero e Risco, respectivamente- posibilitaba aínda comunicación e simpatía emocional cos labregos, cos mariñeiros e cos artesáns. Tardaron en reaxir, pero fixérono, en maior ou menor grao , por motivacións diversas, con posturas práticas non totalmente coincidentes. Os anos chave sitúanse entre 1914-1918, os da primeira grande guerra, os da axitación social labrega e obreira, os das Irmandades da Fala, os da esperanza no albor das nacionalidades, os da convulsión anti-imperialista, anti-militarista e pacifista. Son os membros da xeración de 1916, a das Irmandades da Fala, o Segundo Renacemento da cultura galega. A reacción consciente no plano artístico, literario, non fai máis que anunciar praxe e ideoloxía política claramente nacionalista, substanciada no Manifesto da Asambleia Nazonalista de Lugo (1918), nun contexto internacional e estatal ( fin da guerra, inicio da descomposición da fraudulenta democracia da Restauración) que premían a unha urxente definición e aparición afirmando os dereitos de Galiza como nacionalidade, cun programa democrático, ao servizo das clases traballadoras do campo, reivindicador da autonomía integral, incluída a financeira, favorábel á confederación con Portugal e, por suposto, pacifista.
Risco, Castelao, Otero, fanse nacionalistas á volta dos trinta anos, após transitaren pola senda predeterminada do españolismo ou do cosmopolitismo na arte, na ideoloxía. A súa actividade artística madura e transfórmase no proceso de toma de consciencia nacional que os levará á militancia política aberta e á ruptura coa tradición española bipartita da Restauración. Otero, dentro do seu tradicionalismo, incluído o espírito católico, con perspectiva de futuro, opta sempre pola crenza na vitalidade da nación fronte ao esmagador peso do conservadurismo español anti-galego,. Risco converte o seu nacionalismo nun paso máis no camiño da procura do diferente, do esotérico e do anti-burgués, pero tamén do anti-proletario. Será o único que non permanecerá fiel aos postulados nacionalistas, a Galiza como fundamentación prioritaria da súa conduta política, cando os tempos obriguen a unha progresiva decantación. Castelao, nunca elitista, sempre próximo ás dores do pobo, paseniñamente máis consciente ideoloxicamente, verase abocado a cumprir, máis a cada paso, a función de líder político do nacionalismo galego, até a súa morte no exilio.
Ramón Suárez Pícallo (1894-1964) tiña dez anos menos que Risco, oito menos que Castelao e seis menos que Otero Pedraio. Forma parte dunha xeración, como diría Carvalho Calero, epigonal en relacións cos homes de Nós e as Irmandades da Fala, sen que debamos ver niso un matiz pexorativo, senón máis ben a súa función de fin dun ciclo. É coetáneo de Blanco Amor, nado en 1897, ambos coincidentes na súa orixe popular, se ben Pícallo máis nidiamente proletario, e na súa fuxida emigratoria (Eduardo con 21 anos en 1919, Ramón con 18, en 1912). Ningún dos dous tiña título universitario, pero acadaron unha grande formación intelectual como autodidactas, beneficiada no caso de Eduardo mozo polo seu contacto cos círculos literarios ourensáns, con Risco á cabeza, labrada na emigración, sobre unha base de educación elemental sólida, no caso de Ramón. O seu encontro en Buenos Aires dará pé a unha amizade de anos, a unha fraternidade e intimidade liberadora, e ao esforzo común na dinamización da organización cultural e política dos emigrantes galegos en chave galeguista. Certamente a necesidade empurrou a Suárez Pícallo á emigración, para alén de que puidese ter pesado certa consciencia da súa actitude afectivo-sexual, aspecto que si foi determinante no caso de Blanco Amor, como tamén o foi o de fuxir do servizo militar nos tempos da guerra de Marrocos (1910-1923).Hai que considerar o que podía significar no imaxinario dun mozo galego homosexual de comezos de século a “modernidade” e o “cosmopolitismo” dunha cidade como Buenos Aires: a esperanza, fundada ou non, de que un maior espazo de liberdade, de anonimato, posibilitaría unha vida menos afogada polo prexuízo e o medo nun ámbito tan importante como o da realización sexual. Estamos perante dous “outsiders”- por orixe social, por experiencia biográfica, por consideración dos máis próximos tamén, identificados cunha cultura xa de por si marxinal e desprezada. No caso de Ramón, abertamente comprometido e leal coa política nacionalista, desde 1931. Parece todo un síntoma que o regreso de Blanco Amor a Galiza se produza xustamente após a morte de Suárez Pícallo (14 de outubro de 1964), por máis que fose un obxectivo procurado durante moitos anos antes. Blanco Amor era un artista, máis diletante e egocéntrico, seguramente, moi consciente ideoloxicamente, pero con certas reticencias políticas respeito do nacionalismo. Ramón parece ser menos diletante, sen reticencias e de gran lealdade, pero máis vulnerábel psiquicamente polas súas contradicións humanas.
Non resulta estraño que un rapaz de extracción popular, emigrado na procura de traballo e liberdade, bondadoso e con afán de aprender, en plena orxía daquela fase globalizadora finisecular, que acabou no estoupido da primeira grande guerra mundial, acabase por facerse marxista, militase no comunismo e se convertese nun activo dirixente sindical. O proprio Suárez Pícallo explícao así, nunha carta a Casares Quiroga, datada en Madrid, agosto 31/1933, cando era deputado en Cortes, á que teremos que recorrer novamente:
Inicié mi vida espiritual y política en el movimiento socialista y en los sindicatos obreros de los oficios con los que , en la emigración, tuve que ganarme el pan, en un país que es mirador y antena vibrátil de todas las inquietudes políticas y sociales del mundo. Dividido aquel movimiento ante los problemas de la post-guerra, especialmente la Revolución Rusa y la resurrección de las pequeñas nacionalidades oprimidas o aletargadas, formé parte en las filas comunistas, rama desprendida del viejo tronco socialista, convencido de que terminaba el ciclo histórico del capitalismo y de su representación política, el Estado imperialista. La Revolución Rusa, primero haciendo una Federación de Repúblicas y luego una Unión de Repúblicas reivindicaba los viejos pueblos rusos ahogados por el zarismo (en Xavier Castro, pp. 873-874)
Esa esperanza histórica no cambio social vai animar sempre a súa escrita e a súa actividade socio-política, tinxindo tamén os seus soños vitais. Especialmente foi o contacto con Blanco Amor, xustamente no momento no que se implantaba no Estado español a ditadura de Primo de Rivera, o que, sen afastar a Ramón do activismo sindical, o levou a centrar os seus esforzos na causa da Galiza e na implantación dunha República federal en España, “tan ampliamente federal que sus Estados regionales gozarían de la máxima soberanía compatible con las bases de la Federación de todos los pueblos ibéricos” (ibidem) . Convertido en xornalista, dinamizador cultural da emigración galega, para facela consciente da súa condición nacional, acabará por representar á Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales e á ORGA da Arxentina na Asemblea da Coruña do 4 de xuño, convocada pola Federación Republicana Gallega, co gallo da instauración da República. Alí foi proposto como candidato a deputado pola esta provincia dunha forma certamente espontánea, non controlada, após intervir naquela asemblea impactando no auditorio en nome dos emigrados que expresaban as súas“esperanzas fervorosas en la República y en la autonomía” (ibidem). Así, crendo participar nunha opción republicana e galeguista, chegou Ramón a ser eleito deputado que formou, consecuentemente, parte da minoría parlamentar presidida por Casares Quiroga, con outros deputados, entre eles, Antón Vilar Ponte, tamén da ORGA, e, inicialmente, Otero Pedraio e Castelao, que se apresentaran tamén en candidaturas republicanas. Convencido de que o primeiro grande problema a resolver era o da autonomía da Galiza puido comprobar que non só Casares non o consideraba prioritario, senón que existía desdén en relación co tema no grupo co pretexto de que carecía de entusiasmo popular esta reivindicación, para alén de detectar xa, no debate constitucional, as tendencias anti-autonomistas de moitos dos seus membros. Unha vez fundado o Partido Galeguista, a fins de 1931, Suárez Pícallo tivo a cada paso máis claro que alí estaba o seu lugar. Nel ingresou coa condición de seguir adherido á minoría de Casares para os efectos parlamentares. Porén, no 31 de agosto de 1933, premido polo PG e perante tantas evidencias de anti-autonomismo e de práticas ideolóxicas que non compartía, abandonou a minoría:
La decisión que hoy adopto de separarme de ella , fue acordada por el Partido Galleguista hace varios meses. Postergué el cumplimiento de aquel acuerdo por la existencia de una obstrucción, a la que ni de cerca ni de lejos podía aparecer vinculado (…) El estado actual del problema autonomista- para mi, insisto en ello, el problema fundamental de Galicia- me obliga a no seguir más en la minoría. (ibidem)
O fracaso no intento de convocar o plebiscito do Estatuto de Autonomía, malia a Asemblea de Municipios en Santiago, modelo de democracia e de fervor republicano e autonomista para Ramón, desenmascaraba a auténtica posición dos partidos gobernamentais, e de forma particular a de Casares Quiroga, tan astuto para catapultarse á política estatal, desde unha plataforma galega, co pretexto da unidade de todo o republicanismo ao inicio do novo réxime, como obsesionado por ocupar unha carteira ministerial e tecer progresivamente unha alternativa republicana española na que el tivese o debido protagonismo, garantindo sempre o feudo eleitoral de Galiza. As, segundo Ramón, “excepcionais circunstancias” nas que fora eleito deputado, após 20 anos de ausencia da patria, comezaban a clarificárense: non se integrara nun partido político que comezase e rematase na Galiza, nen de conviccións autonomistas e federais. Agora podía comprender que era un estraño, unha excepción, dentro daquel republicanismo anti-galego, que o desacreditaba cos cualificativos de “aventurero”, “audaz” e mesmo “advenedizo”, unha excepción derivada do descontrolo entusiasta do asemblearismo inicial. O engano estaba ao descuberto.
Debemos ter presente, con todo, que a debilidade do nacionalismo galego á chegada da República obrigara a pactos e acordos variopintos coas forzas republicanas, segundo as circunscricións eleitorais. Castelao e Otero axiña optaron por figurar como independentes no grupo da minoría da Federación Republicana Gallega, claramente controlada pola ORGA. Antón Vilar Ponte, malia os seus desenganos e o seu papel precursor na definición ideolóxica do nacionalismo, tardou en afastarse do republicanismo casarista e non entrou no PG até principios de 1934. A posición de Suárez Pícallo cobra, neste contexto, todo o seu valor, e fala ás claras das súas fondas lealdades a unha alternativa nacionalista. De feito, desde comezos de 1932, deixa claro nos seus discursos parlamentares a súa militancia no PG, embora tarde un ano máis en deixar, como vimos, a minoría que comandaba Casares Quiroga. A xustificación foi non colaborar a un obstruccionismo parlamentar, tendo en conta as normas regulamentares do Congreso, que danase a estabilidade do goberno republicano. O proceso foi vivido no seo do PG de forma algo tortuosa, como demostra a carta de Suárez Pícallo a Bóveda, datada en Madrid o 31 de agosto de 1933, sobre o cumprimento do acordo do Consello do PG instándoo á súa separación da minoría casarista:
Xa o irmán Castelao lle comunicaría que o acordo foi cumprido antes de recibir o seu comunicado, polo que toca a miña situación económica tratarei de resolvela o antes posible, pese a miña situación angustiosa, agora agravada por enfermidade na familia.
(…)
Permita, agora, que me doia fondamente ante vostede e ante o Consello polos términos desconsiderados , duros, cuáseque insoportables das súas dúas cartas. Términos ben inxustos por certo. Examine vostede e os conselleiros, unha vez máis, a miña actuación política na Terra, con relación ao Partido, e verán como non son felón, nin treidor, nin desleal; e que esa amenaza de separarme do Partido- supoñendo sin motivo que non acataría a disciplina- non debeu ser escrita nin pensada. Ela queda, a xeito de espiña, clavada no meu esprito. Insisto en que non a merezo. ( Xavier Castro, p. 879)
Bóveda recoñécelle, na súa resposta (5, 9, 1933), na que cataloga a Casares Quiroga como “este home que podendo ser un redentor foi o pior político galego de todos os tempos” (ibidem, p. 880) que “procedemos, polo menos na forma, bastante mal”. O PG sempre contou con Suárez Pícallo como un valor político. Non deixa de chamar a atención que Castelao, compañeiro de escano e de Partido, vivindo xuntos o camiño do exilio, en contacto directo ou indirecto, e sempre formalmente fraterno, durante tantos anos, desde 1931 até 1950, non o cite nunca no seu Sempre en Galiza. Hoxe temos a certeza que a fidelidade ideolóxica de Suárez Pícallo á causa nacionalista foi clara e chegou até os últimos días da súa vida. Sen dúbida, tiña as súas opinións sobre tácticas concretas e, xa no exilio, durante a súa longa estadía en Chile e máis tarde en Buenos Aires, non deixaría de padecer temores e feblezas persoais, por mor da súa situación económica e dun certo desamparo sentimental, sen chegar nunca á deslealdade ou á traizón política.

2.-A súa actividade parlamentar: unha concepción nacionalista de fundamentación marxista.

Nas Cortes constituíntes de 1931-1933 Suárez Pícallo interveu en 45 asuntos, formulou 9 rogos por escrito e presentou tres emendas. Esta información numérica non resulta por si mesma significativa, se non coñecemos o seu contido, o contexto no que se produciron as intervencións, e o labor do resto dos deputados eleitos por Galiza. Cabe afirmar, en primeiro lugar, como dixo
Xosé Lois Garcia, na súa escolma (1978) dos discursos parlamentares de Castelao, Otero, Suárez Pícallo e Villar Ponte que “os deputados da minoría galeguista foron a vox populi que por primeira vegada na historia do povo galego , fixeron ouvir as súas voces nun Parlamento a vegadas xordo” (p.9). Nesta aspecto non hai lugar a reticencias: Galiza existía grazas a eles. Polos demais, os mecanismos regulamentarios non favorecían a actuación directa de deputados xa no inicio encaixados nunha minoría parlamentaria,e progresivamente considerados independentes, pero sen poderen conformar grupo parlamentar proprio. Lémbrese que Castelao e Otero abandonaron a minoría parlamentar da Federación Republicana Gallega xa a comezos de 1932, por decisión do Consello Executivo do PG, que Suárez Pícallo o fixo após o verán de 1933 e que Antón Villar Ponte, fundador da ORGA, mantivo a fidelidade a este partido, malia sentirse incómodo coa traxectoria seguida de hostilidade co autonomía de Galiza, enfrontándose aos seus compañeiros que só argumentaban coa defensa dos “intereses nacionais” e automarxinándose cada vez máis, como subliña Xavier Castro (1985, p. 562). Este historiador, na súa documentada e interesante obra O galeguismo na encrucillada republicana (1985), chega a unha conclusión que, partindo dalgúns dados parciais certos, non resume xusta, matizada e verdadeiramente a conduta, a actuación, o significado e o valor dos deputados sometidos á disciplina do PG:
Digamos, ao cabo, que os deputados galeguistas eran máis intelectuais que políticos, e iso notábase. Desagradáballes terse que enfrontar con outros políticos e sofrían cos ataques que lles facían desde a prensa. Actuaban pouco e amilanábanse ao falar, temendo ser interrumpidos polos diputados duros e agresivos, que chegaban as veces a ser soeces, denominados “xabaríns”, entre os que era figura prominente o socialista Rodríguez Soriano, capaz de ridiculizar coas súas burlas e chocalladas os párrafos oratorios máis inspirados. Por todo elo Otero Pedraio procuraba ir o menos posible a Madrid, e Castelao ía ben amolado. Pícallo, que era o máis político dos tres, sentíase acomplexado pola súa condición de bachiller e estudante de dereito, cando tiña que medirse cun Parlamento no que tiña asento o máis granado da intelectualidade española. Se as cousas non resultaron pior foi debido á ríxida disciplina a que os sometía o Consello Executivo do PG e moi especialmente ás presións e recriminacións de Bóveda ( ibidem, p. 564)
Francamente, é moi posíbel que non se topasen cómodos nunha atmosfera de hostilidade ou menosprezo por unha ínfima minoría galega, regulamentariamente marxinal. Tamén o é que a súa educación preferise unha dialéctica máis dialogante e con resultados práticos, sen tantos boicotes, isto é, sen tanta xordeira do Goberno. Pero non se pode falar de que “se amilanaban”. Nada hai no Diario de Sesións que o corrobore. Sempre serenos, imaxinativos, firmes e irónicos perante interrupcións ou provocacións. Polo demais, non eran eles os únicos intelectuais, como recoñece explicitamente Xavier Castro. A españolidade estaba alí representada polo máis “granado” ( Unamuno, Sánchez Albornoz, Fernando de los Ríos, Ortega, Jiménez de Asúa, o mesmo Azaña…). Non hai resto algún de complexo nos discursos, na forma de proceder nos debates, por parte de Castelao, Otero e Pícallo. Todo o máis, unha educación esmerada. Certamente, Suárez Pícallo era o máis activista dos tres, experimentado na oratoria pública mesmo en contextos conflitivos, como sindicalista. Cousa distinta é que a españolidade clasista tiver un recurso na situación académica de Suárez Pícallo para intentar ferilo, como resposta precisamente á súa incuestionábel valía oratoria ao servizo da causa galega. Non era a dinámica parlamentar de entón a de hoxe. Nen na producción cuantitativa, nen no número de sesións nen na duración das mesmas era o mesmo. A zunía xorda, o desprezo ou o afán de menosprezar estiveron entón ambientalmente presentes como moitas veces están hoxe. Os deputados galeguistas puideron constatalo, sentirse afectados por iso, pero non o interiorizaron ao extremo de se acovardar ao falaren. Foron claros e contundentes.
É máis. O máis prolífico foi o que tiña menos estudos: Ramón Suárez Pícallo. E aparece desde o comezo defendendo o seu pensamento nacionalista e marxista, interpretando a realidade galega, desde esta perspectiva. Aproveita a súa intervención sobre o proxecto de constitución ( Diario de Sesións,nº 44, 24-9-31) para explicar o nacemento democrático e revolucionario da reivindicación galega, os sucesos de Carral de 1846. Desde entón houbo sempre na Galiza unha arela autonomista, que a chegada da República non fixo máis que avivar. O preito autonómico non é, pois, só un preito catalán ou vasco. Aclara que Galiza ten o seu Estatuto elaborado e advirte:
No lo hemos querido traer hasta hoy a estas Constituyentes, porque entendíamos que era de buena política esperar a que quedase planeada la estructura del Título Preliminar y I de la Constitución para encajar el Estatuto en las posibilidades que allí se consignasen.(ibidem)
E informa que vai votar a emenda presentada, “porque el pórtico de las aspiraciones regionales queda más amplio y definitivamente abierto”. A posición de Pícallo consiste en afirmar a personalidade de Galiza, destruída polas organizacións teologais e monárquicas españolas. Os que traballaron pola República fixérono con tres alentos principais: o problema social, o problema civil da liberdade e o problema das nacionalidades ibéricas, segundo el. Amosa a súa credulidade na ORGA e fai unha interpretación histórica do seu significado e do seu proceder que expresa as esperanzas nela depositadas:
…la ORGA y la Federación Republicana Gallega, que conseguían por primera vez en España el hecho magnífico de tener un representante, como tal representante gallego, en el Pacto de San Sebastián, primero, en el Comité Revolucionario, después, y hoy en el Gobierno de la República (ibidem)
Cais eran os problemas socio-económicos que a República debía solucionar? Ramón Suárez Pícallo concrétaos desde unha óptica galega, intentando demostrar que os intereses de Galiza eran os intereses de España porque sempre se argumentaba en nome do interese xeral na elaboración de leis, inadecuadas por non contemplaren a nosa especificidade, a nosa singularidade. Os problemas que merecen a súa atención máis especial son: a crise da industria conserveira, a necesidade de construción de portos de refuxio para as embarcacións mariñeiras, a situación angustiosa do campo galego ( aranceis sobre o millo, contribucións, contrabando de gando, inadecuación da reforma agraria, foros, falta de ensino profesional …), o paro obreiro en xeral e concretamente o provocado pola crise do naval na ría de Ferrol…Nunha palabra, os intereses da clases traballadora do campo, como a máis relevante do país, e os da industria característica, a naval militar e a conserveira. Porén, este tratamento da problemática social e económica que afecta as clases populares galegas faise sempre desde análises non xenéricas, abstractas, ou simplemente clasistas. Incardínase dentro dun contexto nacional galego e do papel que cumpre Galiza dentro do Estado, isto é, do trato que recibimos, da incomprensión que padecemos, precisamente por non atenderen a especificidade ou por seren insensíbeis aos nosos problemas , ás veces con solucións antitéticas a outros intereses dominantes no Estado. Achamos así a un deputado que alía na súa dialéctica nacionalismo e marxismo, non como unha dualidade dicotómica senón como unha síntese necesaria para entender a realidade. Isto é, dota de fundamento material a causa nacional galega que aparece entremeada coa loita de clases. A alternativa autonómica é un requisito para enfrontar os problemas das clases populares galegas.
O cerre progresivo dos mercados americanos para a industria conserveira galega, por mor do aumentos dos aranceis ás nosa latas de conservas, facía perigar unha industria da que “viven, con sus correspondientes familias, alrededor de 150.000 familias”( Diario de Sesións,nº 95, 7-1-1932), para alén de provocar a diminución de vendas nos pescadores e a conseguinte miseria en 30.000 familias. Pícallo propón ao Goberno que, tendo en conta o novo criterio americano, arxentino en concreto, de “comprar a quien nos compra”, importe millo de Arxentina, tan necesario para a gadaría e o consumo popular, a cambio de nos compraren conservas. E acaba, dirixíndose ao Ministro de Traballo e Previsión, por pedir a adaptación da Lei de Seguro de Maternidade ás mulleres da industria conserveira de Galiza. Partilla que haxa previsión social, pero critica a súa inadecuación para mulleres que maioritariamente traballaban tres meses ao ano na industria e o resto no campo como labregas. As súas argumentacións foron interrompidas constantemente desde as bancadas socialistas, sempre despectivas cos matices diferencias que enunciaba o noso deputado, que se viu obrigado a espetar, após ouvir unha ignorante impertinencia ( “hay que enterarse antes de los problemas”): “y conocer los países para los que se legisla, en sus más íntimas peculiaridades. Y eso es lo que no ocurre mientras Galicia no tenga autonomía” (ibidem). Perante a interrupción de que a industria galega “ se está transformando, como la de todas partes”, repuxo:
La industria de Galicia se está transformando y se ha de transformar no en el sentido capitalista común, que es el punto de referencia de SS.SS. cuando se refieren a la legislación social, sino en el sentido colectivista (Rumores) y ha de ser en un sentido netamente gallego, de colectivismo gallego, con vieja y legendaria tradición en nuestra costa, con características netamente gallegas, con procedimientos gallegos, y si fuera posible, incluso con una legislación gallega. (Nuevos rumores) (ibidem)
A necesidade de construción de portos de refuxio para a flota litoral, vital para os pescadores poderen guarecer as súas pequenas embarcacións das marusías e temporais, que puñan en perigo mesmo ás súas casas, vincúlaa Ramón ao problema do paro obreiro, sabedor de que o Goberno da República realizaba esforzos por resolvelo mediante obra pública. Mais Galiza non era obxectivo prioritario. A construción destes pequenos portos de interese local constaba xa con estudos e proxectos feitos e co compromiso de contribución económica (25%) dos concellos. Debía ser sacada a poxa para iniciárense as obras, tal é a petición de Ramón. No debate (Diario de sesións,nº 97,12-1-1932) participou o Ministro de Obras Públicas, Indalecio Prieto, quen expresou criterios moi expresivos dunha mentalidade centralista e de desenvolvemento desigual. Sen requilorios defendeu o criterio de que a distribución das cantidades destinadas a plan de obras públicas non se facía “en razón a las comarcas donde mayor crisis de trabajo haya”, sino de la eficacia:
Es decir, que, a mi juicio, el Gobierno no debe llevar el dinero a las comarcas más necesitadas por una mayor crisis de trabajo, sino que debe llevarlo a aquellas obras que sean más eficaces y de una inversión más renditiva, haciendo, si es preciso, el traslado de los contingentes de trabajadores…(ibidem)
Para o Ministro había que fuxir do que consideraba presión localista para levar a maior cantidade de diñeiro posíbel para a respectiva “región”. Porén, o que el estaba a facer era xustificar, en nome dunha discutíbel “perentoriedad y reproductividad de las obras”, unha emigración interna no Estado inasumíbel desde unha perspectiva social xusta e moitos menos desde unha perspectiva nacionalista. Pícallo replicou ,consecuentemente, que o sector pesqueiro tiña grande interese económico e potencial de desenvolvemento.
A situación angustiosa do campo galego foi obxecto de repetidas iniciativas por parte de Ramón. O debate parlamentar poría ao descuberto continuamente a contradición de intereses na Cámara e a falla de incardinación dos de Galiza no que se consideraba o interese xeral de España. No caso dos “aranceles del maíz” (Diario de sesións, nº 97, 12, 1, 1932) estaban detrás os intereses dos “señores terratenientes del centro”: “…se intenta combatir la introducción del maíz para colocar en Galicia el salvado y subproductos del trigo, para alimentar con ellos nuestros ganados” (ibidem). A aseveración enfática de Pícallo de que, neste problema de aranceis, “quizá nos conviniera más , Sres. Diputados, que Galicia no fuera España”, provocou rumores de pasmo e escándalo. A ignorancia interesada sobre Galiza levaba mesmo a algún deputado, como Díaz Alonso, a afirmar que o millo non se utilizaba como pan, o que tiña que ser rebatida con estas palabras:
Desgraciadamente, señores diputados, en mi país, en casi todas las comarcas labriegas, el maíz es, no solamente un articulo necesario para alimentar y criar nuestro ganado, sino que es un articulo indispensable para el consumo de la población. Se come el pan de borona y todos los días y en todas las casas labriegas de Galicia hay el desayuno típico, que se llama “papas de maíz”, que es algo así como la polenta italiana, que Marx señalaba como la alimentación de los pueblos más depauperados. Yo, que soy hijo de un hogar labriego y marinero, he comido pan de borona, de ocho días, encima de la barquilla pesquera. Puedo, púes, hablar del tema. (ibidem)
O proceso discursivo acaba levando ao noso deputado á tese do beneficioso que sería para Galiza un réxime de librecambio, á constatación da perda do mercado inglés e francés para a carne galega por mor dos aranceis proteccionistas para as industrias españolas, nunca as de aquí. Nesta ocasión, os intentos de paralisar o decreto gobernativo, que rectificaba a política arancelaria respeito da importación do millo, representados polo voto particular do deputado Díaz Alonso contra o ditame, non triunfaron. O relator da Comisión, Sr Morón, aliñouse con Suárez Pícallo e denunciou que o voto particular defendía os acaparadores, responsábeis das subas do cereal, non aos produtores de millo nen aos pequenos agricultores. Subliñou a conveniencia de protexer os intereses da riqueza gandeira, para el unha posibilidade nada desprezábel na España. Lembrou que, nesta cuestión, a reforma arancelaria beneficiaba tamén a Andalucía. Díaz Alonso acabou recuando na súa paixón desenmascarada facendo uso dun ton que pretendeu aliar ironía e lexitimidade da posición dos asinantes do voto particular. Efectivamente, após advertir que Suárez Pícallo traía o seu discurso “magnífico y elocuente” preparado, en contraste co del improvisado por ter que substituír a outro deputado, aseverou que “también hay que defender el trigo”, acabando coa consabida ladaíña:
Y no hay otra cosa, Sr. Suárez Picallo, ni hay por qué poner unas regiones frente a otras, sino hermanarlas a todas ellas para que juntas constituyan una España grande dentro de la República española (ibidem)
Intervindo en relación cos proxectos gobernativos de nova tributación ( Diario de Sesións,nº 123, 25-2-1932), identifícase co obxectivo de que comecen a pagar moitos que non o facían ou facíano de forma pouco equitativa. Porén oponse á nova tributación por rústica no referido á pequena propiedade rural. As razóns pivotan nas seguintes argumentacións: a) para os labregos pequenos propietarios, a imensa maioría da poboación galega, a terra non é unha riqueza senón simplesmente un instrumento de traballo; b) os custos da produción agraria na Galiza están por enriba dos beneficios para o traballador da terra; c) o Estado en concepto de fisco e os concellos en concepto de utilidades cobran cantidades desorbitadas por hectárea (España, 5 pts por hectárea; Galiza, 71 pts); d) a maioría dos propietarios rurais galegos posúen menos dunha hectárea; e) a emigración é unha consecuencia lóxica dun estado de dependencia física e espiritual á terra que o absorbe todo:
… la tragedia de la emigración que yo siempre, cada vez que me levanto a hablar de Galicia, no puedo dejar de mencionar porque yo he sentido en mi estómago el roer del hambre en la emigración, la tremenda angustia de ser hijo de una tierra rica , fértil, que me arrojaba a tierra extraña para entregarle mi trabajo, porque mi tierra no me daba el pan y otras cosas tan necesarias como el pan, que es la cultura del espíritu ( ibidem)
A produción agraria galega non é para o mercado; é basicamente para o consumo. O signo monetario ten na Galiza maior valor. O déficit monetario das familias procúrase enxugar na emigración dos homes novos ás cidades ou ás Américas. En definitiva, os dous elementos que máis inflúen na emigración son os tributos e os foros. Aproveita o tema e a ocasión para expresar unha solución en nome xa dos deputados do Partido Galeguista:
…los Diputados que estamos enrolados en el Partido Galleguista tenemos una solución para este grave problema, y en este sentido hemos presentado a las Cortes una proposición de lei eximiendo a la pequeña propiedad , a aquello que constituye una unidad mínima labriega, de toda tributación; eximiéndola, además, del embargo , consagrándola así jurídicamente como instrumento de trabajo (ibidem)
Este era o problema económico fundamental da Galiza, un país de case dous millóns e medio de habitantes dos que só 200.000 eran claramente urbanos. Por iso ocupou o campo galego, as nosas clases traballadoras cuantitativamente máis importantes, boa parte da actividade parlamentar de Pícallo e da análise económica do PG. Aproveitando a intervención de Otero Pedraio, compañeiro de partido, en relación co proxecto de lei de Reforma agraria (Diario de Sesións,nº 167, 18,5,1932), necesita completar o cadro. Parte dalgúns principios xerais que del se desprenden (a terra como instrumento de traballo; función social da terra; a terra para quen a traballa) para afirmar que a terra de Galiza reúne esas tres condicións. Endebén, o problema, máis unha vez, consiste en que ningunha lei xeral do Estado español pode contemplar os problemas peculiares. Encara así a súa intervención camiño da discusión sobre o concepto de unidade en España:
…al revés de lo que aquí se ha dicho el otro día de que España marcha a la unidad, sostenemos que marcha a la federación y para eses fin trabajaremos, dando todo, incluso la vida; porque el marchar España hacia la unidad sería la inmensa desgracia de volver al pasado, y a eso no podemos volver a pretexto de ninguna doctrina jurídica, ninguna soberanía ni de cosa alguna que no sea lo que realmente vive y late en el pueblo español, porque España no es, a nuestro entender, una unidad, sino un conjunto de unidades que se armonizan entre si. Por eso, los que tenemos profunda fe en que en un futuro próximo España será federal (…) sostenemos la conveniencia de que con ocasión de esta ley tan importante y también de otras leyes, se contemple la situación de las regiones y se deje abierta la posibilidad de que sean ellas las que den forma, solución a los problemas que les son peculiares (ibidem)
Ramón expresaba entón a súa esperanza de que dentro de moi pouco tempo Galiza traería o seu Estatuto coas competencias plenas en agricultura. Volvendo ao rego da problemática agraria concreta, referiuse á necesidade de crédito agrícola para a transformación dos nosos cultivos para que rendan (prados e gando, froita…), a ensinanza profesional dos nosos labregos, a creación de organizacións cooperativas capaces de industrializar os nosos produtos agropecuarios…Como Otero tiña aludido ao individualismo negativo dos nosos labregos, Ramón aclara que existe desde que “Galicia dejó de ser Galicia” no século XV, pero engade:
Del espíritu comunista de nuestra estirpe celta quedan aún hoy en Galicia vivos vestigios: el trabajo a trueque día, la permuta entre productos del mar y de la tierra. Este espíritu tiene hoy una orientación: el cooperativismo ( ibidem)
Polo tanto, Suárez Pícallo, como o PG, aceitaban os principios xerais da lei de Reforma agraria no que se refería a sentar o criterio de que a terra é para quen a traballa e de quen a traballa, dentro dunha tradición galega que –lembraba- se expresaba contundente no Manifesto da Asembleia Nazonalista de Lugo (1918). Pero para este principio humano e redentor se aplicar correctamente, había que contemplar os problemas específicos, neste caso os galegos. Acabou por defender, noutra ocasión (Diario de sesións, 7-9-1932), unha base adicional na que se pedía que as rexións autónomas, as mancomunidades e as provincias onde o réxime de agricultura fose o do minifundio, podan estudar, de acordo co Instituto de Reforma Agraria y previa consulta ás Corporacións parroquiais e municipais de campesiños , os puntos cardinais dunha reforma agraria adecuada: concentración parcelar, crédito agrícola gandeiro ; cooperativas de produción; industrialización e distribución de produtos agropecuarios; transformación de cultivos; escolas de economía rural e orientación campesiña, e hixiene e estética da vivenda rural. O problema dos foros e a cuestión fiscal merecían proposicións de lei específicas, que xa presentaran deputados galegos, el, entre outros. Co gallo do debate sobre os orzamentos de Agricultura para 1933 (Diario de sesións,nº 277, 16-12-1932), volveu repetir que os problemas dunha economía rural minifundista como a galega se resolverían adecuadamente só cando Galiza for autónoma. Repetía esta tese consciente de que era a véspera da xunta dos Concellos do país en Santiago de Compostela para daren o primeiro trámite legal á carta autonómica galega. Devecía por contar coas competencias en agricultura. Explicou cal era a contribución fiscal da terra galega ao Estado e o que lle adicaba o Ministerio nos Orzamentos. A diferencia era abismal ( case sesenta veces menor), e ademais os gastos eran preponderantemente burocráticos, ineficaces ou contraproducentes. Debullou un sennúmero de problemas que non achaban ningunha preocupación na actuación da burocracia, algúns aínda hoxe vixentes.
Unha vez votada a Lei de Reforma agraria nas Cortes, Ramón aproveitou para tratar o problema dos foros, xa que unha das súas bases establecía que quedaban abolidas todas as pretensións de orixe señorial, sexan en diñeiro ou sexan en especie. Pero na Galiza había que someterse a un trámite xudicial para saber se o foro era de orixe señorial, o que resultaba moi problemático, infundía medo e era burlado pola negativa a ensinar documentos acreditativos da procedencia dos foros por parte dos seus cobradores. Propuxo que, de inmediato, se os cobradores non ensinaban o documento sobre a orixe do foro, os labregos non tivesen a obriga legal de pagalo. Advertía que xa antes da República moitos labregos tiñan redimido algunhas rendas forais a custa de sacrificios enormes e que, agora, os funcionarios de Facenda intentaban cobraren aos labregos o gravame que o cobrador do foro pagaba como renda. A terra quedaba sen liberar de novo, en contra do labrego. Á espera de que se aprobase unha lei específica sobre os foros, propuña que se suspendese a tramitación de todos os xuízos por falta de pago dos mesmos.
A altura do 4-4-1933 (Diario de sesións, nº322) Suárez Pícallo interviña con desacougo e escepticismo, denunciando o desinterese, o silencio do Goberno perante os problemas agrarios de Galiza, o vacío en que caían as súas palabras.Resultáballe máis lamentábel tendo en conta a súa admiración polo Ministro Marcelino Domingo. Había que repetir as mesmas demandas, as mesmas queixas, os mesmos problemas, aos que viña engadirse un convenio con Uruguai en trámite parlamentar, gravemente lesivo para os intereses da Galiza. O quid consistía en que se aplicaba unha lexislación que non encadraba na especificidade galega. Agora era o temor concreto, após constatar só aplicacións negativas da Lei de Reforma agraria na Galiza, a unha lei de arrendos pensada para Andalucía, Extremadura e Castela. E volvía a reparar:
Pero en Galicia la propiedad rural, que es un medio de producción y un instrumento de trabajo, en vez de estar concretada entre una décima parte de la población , está dividida entre las nueve décimas partes. Es decir, que mientras en otras partes es patrimonio de renta de un número privilegiado, en Galicia esta propiedad rural y su valor tenemos que defenderla , porque no es un patrimonio de un núcleo de privilegiados, sino que es el único patrimonio y la única riqueza de las nueve décimas partes de la población rural (ibidem).
Nesta diferencia cifraba Suárez Pícallo e o PG a esperanza en lograr que Galiza fose unha “exemplar democracia social”. Debeu aturar a interrupción continua doutro deputado, o Sr. Lorenzo.
A decepción dos deputados nacionalistas co Goberno plasmouse nunha cascata revisora de todos os problemas tratados até entón, que non se fixera nada para resolvelos. Baixo a forma de interpelación ao Goberno, co título “Problemas de Galicia”, interveu primeiro Castelao (23-5-1933) e ao día seguinte (24-5-1933), Otero Pedraio e Suárez Pícallo. A Ramón tocoulle falar de temas “duros”, de tipo económico e social. É consciente de que se vivía unha etapa convulsiva, de cambio social a nivel mundial. Novamente cita a Marx para afirmar que os movementos revolucionarios perseguían que os medios de produción, os instrumentos de traballo sexan posuídos pola maioría da sociedade. Na Galiza, estando estes instrumentos en maos das nove décimas partes da súa poboación, cómo é posíbel que comece a haber síntomas de carácter revolucionario? Como é posíbel a decantación progresiva de moitas organizacións agrarias que comezaran a súa actividade na bandeira antiforal , hoxe constituídas por pequenos propietarios, cara a CNT ou a UGT, proprias do proletariado industrial ou dos xornaleiros? Sen dúbida é a sensación real de explotación. Suárez Pícallo aclara que, en puridade, a loita de clases tomaba a seguinte formulación na Galiza:
Y en Galicia, Sres. Diputados, si hay alguna lucha perfectamente explicada , perfectamente delimitada, perfectamente clara, no es una lucha de clases entre explotado y explotador; es una lucha de todos los trabajadores de Galicia, o de su mayoría, contra el Estado (…) contra el Estado cobrador de tributos y gendarme, que es lo que fue hasta hoy el Estado en Galicia (ibidem)
A sensación de crise, de convulsión social, está agudizada polo feito de que xa non chega de América, como antes, case o 50 por cento da circulación monetaria de Galiza, pero chegan “barcos cargados de desocupados, de derrotados, que aumentan el número de nuestros obreros sin trabajo” (ibidem). Con este panorama, o goberno da República aumenta as contribucións, mantén os aranceis sobre o millo, protexe a siderurxia vasca, a industria téxtil catalana, o carbón asturiano, o trigo castelán, pagándoo a economía galega ( a conserva, o sector agropecuario…). Ramón asevera:
Por la geografía, por la economía, por la peculiaridad de sus problemas, Galicia es en España un país separatista. Aún no habiendo en Galicia espíritu separatista ni ideales seaparatistas- que los habrá y fuertes cuando Galicia se dé cuenta de que su no separatismo es una pura perdida para ella- el separatismo económico late vivo ahora mismo (ibidem)
As importacións de carne conxelada, en nome da “economía nacional”, mesmo antes de entrar en vixencia o Tratado comercial con Uruguai, contribúe a maior indefensión da industria gandeira galega. Ao negociar tratados internacionais o Goberno acórdase do que considera “economía nacional” (aceite andaluz, laranxa valenciana…). Nese concepto non entra nen a industria conserveira-pesqueira galega, pese a representar o 75% do total de España. O discurso de agravios foi tan longo que o deputado foi interrompido pola Presidencia para continuar ao día seguinte (Diario de sesións, nº 344, 25-5-1933). A enumeración continuou: importacións de madeira a prezo de dumping, falta de repoboación forestal, contrabando de gando pola fronteira con Portugal, desatención na aplicación de aspectos positivos da Reforma agraria, desprezo e desatención coa Misión Biolóxica de Galicia, carencia total de ensinanzas agrarias e pesqueiras, espera pola prometida lei de foros, falta de vixilancia mariña, carencia de portos de abrigo. E rematou con Ferrol. A ansiedade dos 3000 traballadores da Constructora Naval que podían ir ao paro por falta de traballo. Era unha empresa privada, pero vivía do traballo para o Estado: a construción de buques de guerra. Suárez Pícallo, como xa fixera con anterioridade, en outro debate ( Diario de sesións, nº 135,15-3-1932), expresou o desexo de que Ferrol non permanecese atado á construción de naves de guerra. O ensoño era que aquelas instalacións e capacidade técnica dos traballadores valesen para organizar un vasto plano galego de industrialización. Precisamente no devandito debate afirmara:
El Diputado que habla , toda su vida, ha actuado en un sentido profundamente pacifista, más aún, profundamente antimilitarista, y la agrupación política a la que pertenezco, el partido galleguista, proclama, por su parte, como uno de los principios fun damentales, el federalismo internacional, el antiimperialismo y el pacifismo (ibidem)
Agora ben, tacticamente, o PG debía defender os obreiros afectados dunha cidade creada polo Estado para o seu interese, que agora non podían ser botados na vía pública. Igual que os militares sobrantes do Exército foron compensados con outro medio de vida, os obreiros sobrantes da Constructora non debían ser condenados nen á fame nen á emigración, porque foran creados polo Estado e o serviran. Conste que a defensa máis acesa e fundamentada dos obreiros ferroláns e a definición máis acertada do valor daquela cidade e a súa comarca, correu nas Cortes Constituíntes por boca de Ramón Suárez Pícallo.

3.-Colofón

Nas Cortes de 1936, após os traballos axitativos durante o bienio negro a prol do Estatuto non conseguido, a militancia activa no PG e o remate dos seus estudos de Dereito, volvía o noso deputado, recentemente eleito de novo, agora en representación do PG, dentro das candidaturas da Fronte Popular, á carga. Pero os acontecementos encamiñarano progresivamente cara ao exilio. Antes puido asistir á sesión de Cortes celebrada o día 1º de febreiro do 1938 en Montserrat na que o Estatuto Galego tomou estado parlamentario, grazas sobre todo á teimosía de Castelao. Posteriormente lembrará en artigos para revistas e xornais a histórica xornada plebiscitaria de xuño do 1936, a entrega das actas notariais nas Cortes o 15 de xullo de 1936, na que participou, as retencións na tramitación que padeceu, as Cortes de Montserrat e a sesión celebrada en México, xa en 1944, onde se nomeou a comisión parlamentar encargada de ditaminalo.
Nunha entrevista, con 67 anos, concedida aos seus alumnos dun curso de xornalismo, á pregunta de que fixo na Galiza desde 1931, responde: “Elegido diputado en 1931 a las Cortes Constituyentes de la República por Coruña, intervine en el Parlamento con sesenta y dos discursos sobre Galicia en dos años…” (“Ramón Suárez Pícallo, escolma de textos en galego”, 2008,p 174). Nen unha palabra sobre a guerra nen os sufrimentos do exilio. Curiosamente sae a relucir a guerra para xustificar a súa soltaría…Ramón lembraba o seu activismo, as súas intervencións, nada acomplexadas, e as máis diversificadas dos deputados nacionalistas. Nós admiramos hoxe a súa oratoria precisa, clara, exenta de excesivas retóricas, directa, de bo xornalista. E podemos constatar como as súas análises, expresión do traballo colectivo organizado polo PG, especialmente sobre o campo galego e o papel da economía galega dentro do Estado español, serviron de partida aos estudos posteriores que realizaron Xosé Manuel Beiras ou Ramón López Suevos, empeñados en aplicaren de forma non dogmática o marxismo á realidade nacional galega, ou si se quixer, en vincular nacionalismo e marxismo. Vinculación que hoxe sustenta unha parte esencial do movemento nacionalista galego.


Bibliografía:
Castro, Xavier: O galeguismo na encrucillada republicana, 2 v, Deputación Provincial Ourense, 1985.
Diario de Sesións, Cortes Constituíntes, 1931-1933, Cortes de 1936
García, Xosé Lois: Discursos parlamentarios (1931-1933), escolma de discursos de Castelao, Otero, Suárez Pícallo e A. Vilar Ponte, Ed.. do Castro, Sada, 1978
Paz Andrade, Valentín: Castelao na luz e na sombra, Ed.. do Castro, 1982
Suárez Pícallo, R: Escolma de textos en galego, Concello de Sada, Consello da Cultura Galega, 2008
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *