O 25 de agosto de 1935, o Pósito Marítimo de Sada editaba o folleto que agora recuperamos dixitalizado. O Pósito Marítimo Terrestre del Trozo de Sada nacera no ano 1926. Estaba integrado por armadores e mariñeiros, pero tamén por industriais, comerciantes, propietarios e o párroco. A construción dun porto de refuxio para a flota pesqueira de Sada, desamparada ante as inclemencias meteorolóxicas, será unha das súas principais reivindicacións.
No ano 1930, un grupo de veciños, opositores á ditadura, creaban o Centro Cultural Obrero, que tamén faría da construción do porto unha prioridade. Orixinarase un conflito co Pósito Marítimo, que reivindicará os seus méritos na procura da ,licitación da obra. Ante eses embates, o Centro Cultural Obrero chamaba á cordura e á unión de todos os veciños na empresa reivindicativa,ao tempo que recordaba cómo antes de se constituír o Pósito xa existiran outras iniciativas co mesmo fin, lideradas polo xornalista Manuel L. Freire-Calvelo.
En realidade esta disputa tiña un fondo político, pois o Pósito estaba dirixido por algúns elementos conservadores, mentres que o Centro Cultural Obrero contaba na súa directiva con anarquistas, republicanos e galeguistas. Defeito, do seo do Centro Cultura Obrero nacería, no 1931, o Sindicato de Oficios Varios de Sada, adscrito á CNT. O Sindicato tamén traballará arreo por conseguir a tan necesaria infraestrutura para Sada. Tamén o fará, noutros foros, o sadense Ramón Suárez Picallo. Como deputado a Cortes, será o máis firme e constante defensor das aspiracións dos mariñeiros de melloraren as súas condicións de vida. A construción do porto será o tema central de varias das súas intervencións. Por fin, no ano 1935 o Consello de Ministros aprobaba a nova obra. O 25 de agosto era o día sinalado para colocación da primeira pedra.
A “Comisión pro puerto de refugio” do Pósito, encabezada polo párroco Juan Villanueva e militantes da CEDA local como Avelino Cancelo e Manuel Zapata, empregará este acto festivo para facer campaña política en favor dos deputados cedistas, sen recoñecer en ningún momento o contributo do ex-deputado Ramón Suárez Picallo, do Sindicato anarquista ou do incansable xornalista Freire-Calvelo. O inicio daquelas obras, deixando á marxe polémicas do momento, foi, en todo caso, o produto dun inmenso esforzo colectivo. A sublevación militar de xullo de 1936 motivaría a paralización das obras por máis dunha década.