CON POLAINA E MEDIA, por M. LUGRÍS FREIRE

Na ridente parroquia de Mondego, preto da branca e limpa vila de Sada, vivía un velliño, cangado polos moitos anos e máis pola retranca, que andaba a pidir polas portas do mundo.

Nomeábase o Cazolo, e tiña un fillo, cativo e listo coma unha donosiña, a quen lle puxeron o alcume de Pucheiro, que vén sendo un cazolo pequeno.

O vello do noso conto caeu enfermo, e despois de ter recibido tódolos santos sacramentos —pois, según facía ver, o seu fillo era moi temeroso de Deus— rompeuse o fío da súa vida, librándose deste xeito de pasar angurias, nos bretemosos días da cruda invernía, cando pelingrinaba polos lameiros mariñás chamando ás portas dos caritativos corazós.

O Cazolo deixara, en boas moedas de prata, máis de doce mil reás, cantidade que foi medrando coma o leite no lume ao ire a noticia de viciño a viciño.

Pasaron moitos días. O Pucheiro non se dispoñía a facer cirimonia algunha polo descanso de seu pai; e o señor cura da freguesía, coidando
do bon réxime das almas, mandou chamar ao desleigado fillo.

—Viacó, Pucheiro, viacó. Chegou a meu conocemento que teu pai deixouche unha boa morea de cartos. Si has de cumprir coa túa obriga de bon cristiano e bon fillo, tes que facere algo polo descanso da súa alma.

—Pensarei neso, señor, pensarei neso.

—Non, Pucheiro, non; esas sagradas obrigaciós non se pensan,cúmprense.

—Señor cura, como eu son home equitativo, teño dinantes que midir o pro e mailo contra.

—¡Home equitativo! Xuncras me non leve se non es home perdido.

Algún boletín abafado revolveuche o miolo. ¿Ti a que partido perteneces?

—A Betanzos…

—Non, ho; quero dicir que política tes.

—¿Política? Ningunha. Os homes coma min, teñen dabondo con seren equitativos.

—Pois non che se conoce.

—Aténdame e verá. Supoñamos que meu pai, polos seus pecados, si é que os tivo, está ardendo nos infernos. ¿Pode saír daquel lugar?

—Non, Pucheiro; Deus é xusto, e se o Cazolo estivera naquel lugar de castigo, xa non tería remedio.

—¡Moi ben! Agora supoñamos que está na groria: ¿mellorará de condición porque lle fagamos honras?

—Tampouco: xa che dixen que Deus é xusto e misericordioso, e na groria daríalle o seu premio. Pero xa me estás amocando coas tuas
preguntas, dinas dun mal fillo e de pior cristiano. ¿E se teu pai está no Purgatorio, que é o mais seguro?

—Daquela, señor cura, que salla polo seu turno, que a min non me gusta facer mala partida a ninguén, pois xa lle dixen que eu son home equitativo.

—Serás, home, serás.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *