Xohán Antón Suárez Picallo

Nacido en Veloi (Sada) no 1907, protagonizou numerosas iniciativas no campo político, sindical e cultural dentro da súa vila e da comarca mariñá.

A primeira noticia que temos sobre el, deixóunola o seu irmán no 1926, cando integraba a agrupación nacionalista Mareiras, de Sada. Durante a II República actuaría coma vicepresidente do grupo local do PG, conselleiro comarcal do PG e membro do Consello Nacional do partido (1935-1936), presidente do Ateneo de Cultura Política y Social de Sada (1935), secretario xeral da Alianza de Esquerdas-Fronte Popular de Sada (1935-36), delegado na comarca das Misións Biolóxicas, colaborador do Seminario de Estudos Galegos, correpondente e articulista en A Nosa Terra, El Pueblo Gallego, Ser e Eco de Galicia, directivo da Sociedad Cultural Artística (1934), etc.
Ante a sublevación militar, participou na defensa de Sada, enfrontándose verbalmente aos primeiros falanxista que chegaran desde Betanzos. Agochouse nun primeiro momento en Meirás, na compaña de Manuel Prego, Antonio Carballeira, José Mosquera e Gumersindo Montero. Posteriormente partiron a pe cara Coruña os tres primeiros, instalándose nunha casa da Agra do Orzán, onde serían localizados polos falanxistas. Tras seren brutalmente torturados, os seus cadáveres aparecerían o 12/VIII/1936 no monte de Abeleiras, en Veigue (Sada). Xohán Antón tiña 29 anos.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *