En marzo do 1963, RSP publicaba este artigo sobre o seu conveciño Manuel Lugrís Freire, con motivo do 1º
centenario do seu nacemento.
Entre os poemas máis conoscidos e de máis forza simbólica que escribíu Lugrís Freire, figura ?Castro da Fragachán?, que se recitou durante a repúbrica en todas as escolas da bisbarra mariñana.
Por istes e outros méritos literarios foi nomeado Presidente da Academia Galega, até a sua morte.
Vida política
Dende fins do pasado século don Manoel enrolóuse decididamente nas correntes políticas galeguistas, repubricáns e democráticas. En 1908 formou parte de Solidaridade Galega, un movemento pangaleguista equivalente no pensamento e nos propósitos a Solidaridad Catalana, e que integraban os homes máis ilustres da política, das letras e do pensamento da Galiza dalquel intre; e que tiña como base esencial da sua laboura proselitista a redención, o despertamento, e a diñificación dos labradores de Galiza. Iste movemento había de rexurdir despois no famose Movimento Agrario de Galiza que insuflaran Basilio Álvarez, Portela Valladares, don Rodrigo Sanz e outras grandes figuras de primeiro prano na política militante galega.
Namentras, don Manoel Lugrís aituaba no partido repubricano federal, na sua seición da Cruña. En 1917 foi, con outros, fundador das Irmandades da Fala e ó procramarse a segunda repúbrica, en 1931, formou parte da Asamblea da Cruña pro estatuto galego, eisí como de todas as comisións que aituaban na capital de Galiza, preparando as eleicións das Cortes Costituientes i a esperada autonomía, que fora un xeito de ilusión maísima da vida diste patriarca. No chamado bienio negro e despois, nas eleicións do febreiro de 1936, e nas xornadas do Plebiscito, xa mui velliño aínda seguía sendo o gran orador, o escritor e o poeta sempre ó servicio de Galiza. o derradeiro aito da sua vida política foi o voto polo Estatuto, o 28 de San Xoán de 1936. Catro rapaces das mocedades galeguistas da Cruña, que podían ser seus bisnetos, foronno buscar á súa casa e levárono ó Colexio Eleitoral, facéndolle Garda de Honor. Despois de emitido o seu voto, botouse a chorar e dixo: ?Agora xa podo morrer?. I en efeito, morreu poucos días depois.
A sua vida afeitiva
Despois da súa familia, o seu gran amor, era o amor a Galiza, as suas paisaxes, a sua cultura, as súas tradicións, e sobor todo a súa lingua, á que lle foi fidelísimo, ó longo e ó ancho da sua obra política, literaria i espritoal. Estabelecido na Cruña como outo funcionario da traída de augas, iba tódalas semáns a facer unha visita á súa vila de Sada, nunca esquecida. Iba con particular devoción tódolos 15 de agosto, festa patronal baixo a advocación mariana da Raíña dos Ánxeles. Iste home, repubricán de sempre, non deixou nunca de ofrecerlle seu homaxe na sua diada maior á Patrona da parroquia donde fora bautismado. Leváballe froles e incrinábase, diante dela, nunha meditación sin verbas. Ista imaxen que é de pedra, de nobre estilo barroco do século XVII ten unha lenda miragrosa mui axeitada ó esprito mariñán de don Manoel. Aparesceu florando enriba das augas, no meio dunha grandísima tormenta, dunha suesta da pavorosa. Foi recollida por un dos mariñeiros que lle pediron que fixera calmar a mareira, e que a farían patrona do primeiro porto onde a barca peixeira fixera arribada. E arribou a Sada e alí quedou de patrona.
As visitas de don Manoel a Sada polas festas de agosto, creábanlle un gran probrema, pois tódalas familias da comarca querían ter o honor de sentalo á sua mesa na gran diada festeira. E don Manoel moitas veces, tuvo que pasar varios días pra non faltar a ningunha invitación.
Sada correspondíalle ó seu escritor e poeta na moeda de ouro da sua estimanza e do seu amor. Eisí imediatamente de procramada a Repúbrica, a avenida principal da vila foi bautismada co nome de Manoel Lugrís Freire, nome que naturalmente, foi borrado polos que viñeron despois pra poñerlle un nome absolutamente estrano.
Hoxe, na efeméride centenaria do seu natalicio, é cuasi que seguro que en Galiza non poida ser evocada nin festexada como se meresce a figura do gran patriarca. Mais a outra Galiza, a Galiza emigrada, que o amou a traveso dos seus escritos, da súa obra e da súa índole de patriota galego vertical e insobornábel, evócao dende lonxe e manda como mensaxe impalpábel, por enriba do mar, istas verbas a xeito de doce choiva pola sua lembranza, pola sua memoria e pola sua inmortalidade no tempo e no espacio.
Lugo, marzo de 1963.