RSP e César Alvajar mantiveron unha intensa correspondencia no exilio (en Buenos Aires o primeiro e en Francia o segundo), con motivo da integración de Alvajar no Consello de Galiza como delegado en Francia. O propio fillo de Alvajar, Javier, ten escrito varios artigos ao respecto, publicados no Anuario Brigantino. Máis recentemente, Alfredo Erias publicou un estudo sobre esta correspondencia no volume colectivo Ramón Suárez Picallo. A voz esquecida do galeguismo. Consello de Galiza Bs Aires Abril 25/1958 Sr. Dn. César Alvajar Rue D’Asas 78- París XI Querido Alvajar: Recibimos a túa moi interesante carta. Estamos todos felices polo restablecemento da túa saude e asimesmo pol-o xeito como levas os teus traballos. Estamos seguros que todo sairá ben. Estamos traballando pra axudarche en todol-os sentidos. […] Onte tuvemos unha reunión conxunta, vascos, galegos e cataláns, convocada pol-o Delegado do Goberno vasco. Trátase de orgaizar eiquí un gran aito público, de conxunto, pra eisaminar a situación na Península dende o noso punto de vista e pra facer unha afirmación rotunda e definitiva. Esta: A España centralista-castellana, fracasou como Estado, como comunidade de pobos, como comunidade xurídica. Ensaiou todas as modalidades de monarquía –cesarista, absolutista e semidemocratica- todos os xeitos de dictaduras civiles e militares e tamén dúas Repúblicas. ¿Causas? Un Estado artificial superposto enriba dos pobos ibéricos i-as suas ricas variedades: Un Estado de arriba pra baixo do centro pra periferia. Hai que declarar caduco todo eso e darlle volta a todo. Non se deben volver a ensaiar cousas xa fracasadas. Todo canto se faga pro futuro ha de ser sobor da base da plenitude das vellas nacionalidades, voluntariamente axuntadas por virtude da súa autodetermiñación. A data que asinala este fracaso total, co asesinato da derradeira posibilidade e o 18 de Xulio de 1936. O aito pois será eiquí o 18 de Xulio.Os discursos, 3 en total, un vasco, un catalán i-un galego, discurirán dentro das eispresadas ideias. Xa se empezou a traballar na orgaización. Carteles, volantes, radios, prensa e demais pra que resulte “impresionante”. O traballo de aportar a maior parte da xente corre por conta dos galegos. ¿Que che parece? Publicaráse un manifesto-resúmen a xetio de conclusións que será “universalmente” difundido. Falamos cos cataláns encol do “caso” Sauret en forma amabel. Quedaron de escribirlle. O delegado vasco díxonos que o Presidente Aguirre agarda a túa visita. O antes que nos sexa posibel faremos o “depósito de fondos” de que falas que, coidamos coma ti, que e indispensabel. E nada mais que se vai o correo. Cando recibamos as noticias que nos prometes seremos mais eistensos. Apertas de todos e moi especiales do teu amigo |
AREAL. Revista Cultural de Sada. AC Irmáns Suárez Picallo
Revista dixital da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo de Sada