Caderno de Estudos Locais 3



Nº 2. Agosto de 2010

CADERNOS DE ESTUDOS LOCAIS Nº 3

AGOSTO DE 2010
FESTAS PATRONAIS DE SADA

AS LETRAS E AS FESTAS

SADA EN FESTAS
Ezequiel Rocha Llobregat
AS FESTAS NAS MARIÑAS DE SADA
Manuel L. Freire-Calvelo
EVOCACIÓN EMOCIONAL DAS FESTAS DE AGOSTO NA VILA DE SADA
Ramón Suárez Picallo
PARA CONFECCIÓN DUN BO PROGRAMA DE FESTAS
Xohán Antón Suárez Picallo


SADA EN FESTAS

Ezequiel Rocha Llobregat
Primeira xornada
Desde o outeiro onde a igrexa parroquial se asenta, dispáranse ao amencer unha salva de bombas, anunciando o comezo dos festexos. Pouco máis tarde, a banda de música de Arca, contratada para amenizar os populares e tradicionais festexos, percorre as rúas, tocando alegres dianas e alboradas. A aldeíña, adornado con profusión de bandeirolas,
presenta regular aspecto.

Celébrase a misa solemne á hora sinalada. Pola tarde, a concorrencia de forasteiros é numerosa. Na praia, aproveitando a baixamar, xoga o Sporting Sada, e o Unión Sportiva. Vence aquel por 1 a 0. Bailes, fogos de aires, cines. E chegamos á

Segunda xornada.– Día de San Roque
Loado sexa quen tan bo momento me proporciona! Nada menos –nin nada máis– foi un exemplar asnal –hoxe é día de feira e moitos van a ela– ornea fronte á nosa casa, cando lle é posible, e consegue espertarnos.

Horas despois, o disparo de vinte e unha bombas atrona o espazo e a banda de Arca percorre o pobo. Obséquiasenos cun minuto de alborada e “dispárannos” unha bomba.

Á hora fixada, celébrase a misa na capela do glorioso Santo e sae a procesión que percorre o pobo e resulta moi lucida e ordenada. Foi presidida polo Concello en Corporación, o axudante de Mariña, o suboficial de Carabineiros e algunha forza, así como da Garda civil.

Pola tarde, partido de fútbol no mesmo sitio do día anterior. Xogaron o equipo local e o de Oleiros. No primeiro tempo, fixo o Sada tres tantos. Os de Oleiros, parece dixeron que o último non era válido. Os de aquí, que si debía contarse. Suspendeuse o xogo –que xa non terminou– e houbo unhas labazadas. Se é certo o que así nos contaron e queda apuntado, é moi digna de encomio a corrección duns e outros.

¡Ah! Os bailes e cines moi concorridos. O alumado, deficiente. Hai, desde a tarde de hoxe, un amplo servizo de tranvías. Incidentes, ningún ata agora, doce da noite en que termino estas notas, aínda que os festexos continúan.

La Voz de Galicia, 18/08/1926

Procesión pola Praza de San Roque durante as festas. Fotografía de Manuel Lugrís Freire. Cedida por Manuel Lugrís Rodríguez
AS FESTAS DAS MARIÑAS EN SADA
Manuel L. Freire-Calvelo

Sada, vila alegre e progresiva das mariñas coruñesas, engalanouse para festexar estes días ao seu patrón San Roque.

As amplas avenidas do Progreso e Barrié de la Maza e demais rúas da “Perla das Mariñas”, así como tamén a Praza de San Roque, estarán artisticamente engalanadas con gallardetes e bandeirolas, lucindo durante as noites extraordinario alumado eléctrico. En dous palcos situados un na Alameda do Progreso e outro na Praza de San Roque, situáronse bandas de música.

Sada é un pobo contaxiado do bulicio dos populosos na súa graza, na animación das súas rúas, dos seus salóns de baile, cine e varietés.

Estamos xa dentro da xolda tradicional das festas patronais. O tempo promete ben, o programa é atractivo; hai, pois, seguridade de que o pobo e os que a el veñan, divertiranse.

Ademais dos números tradicionais, dinos o alcalde señor Hernández, que hai un nestas festas digno de especial mención. Unha gran regata marítima de balandros e volas, baixo a dirección e cooperación do Club Náutico da Coruña.

Entre as súas manifestacións florecentes de vitalidade que a enaltecen, mencionaremos o seu casino restaurant, emprazado nun dos lugares máis fermosos da vila, a beiras da poética ría e dominando unha fermosa paisaxe.

Teremos nestas festas grandes bailes no teatro “Moderno” e “La Terraza”, cine e varietés nos salóns “Moragra” e “Gran Cine”, regatas marítimas co concurso do Club Náutico da Coruña, vistosas coleccións de fogos de artificio, etc., etc.

É tal o movemento e puxanza da vila de Sada que ademais dos vinte e tantos trens eléctricos que diariamente circulan entre esta vila e A Coruña e as tres viaxes diarias que a empresa de ómnibus “La Esperanza” (Agra) fai desde Betanzos a Coruña, pasando por Bergondo, Sada e Santa Cruz, merece facerse constar que en Sada entran e saen diariamente en viaxes regulares, sen contar os extraordinarios, uns cincuenta camións e automóbiles.

La Voz de Galicia, 15/08/1928

A Terraza no 1930. Fotografía de Manuel L. Freire-Calvelo. El Eco de Galicia, 07/03/1930
EVOCACIÓN EMOCIONAL DAS FESTAS DE AGOSTO NA VILA DE SADA

Ramón Suárez Picallo

Evocación
Sada! Vila branca e pescantina, debruzada sobre o espello verdecente da ría encantada, baixo o amparo da cruz cristalina da igrexa parroquial e as ruínas pétreas do castelo de Curbeiroa. Rúa do Pedregal, Praza de San Roque; Praciña do Conde, arteria por onde corre o sangue mariñán, callado en froitos de mar e de agro. Barrios pesqueiros da Tenencia e a Obra; areal estendido como un mantel do albo liño sobre a humilde mesa mariñeira. Ramplas de Fontán, onde recala en amorradas o heroico esforzo pescador. Hortas de Pazos, de Sada de Arriba e de Souto: campo de Samoedo; vales de Osedo, de Mosteirón, de Mondego, de Meirás e de Carnoedo, perfumados agora polas candeas dos castiñeiros e as milleiras
en flor. Estrada branca do Tarabelo e a Chaburra, camiño da fermosura aldeá, prados e milleiras de Riobao e Veloi, do meu humilde e querido Veloi. Lendas anellas do Quenlle e monte de Lixandre, e os piñeirais dos Cotos. Visión lonxana da nenez, afastada de nós por moitos anos e por moitas leguas, fai o milagre de vir esta noite ao noso corazón e aos nosos ollos, para avivar o lume sagrado do noso amor pola terra que nos viu nacer e polos seres queridos que este día de Festa Maior, teñen a lembranza viva na alma para os seres desterrados. Con palabra trémula de emoción evocámoste, visión lonxana e querida.

Vésperas
O mesmo que o formigueiro carrexador, polos camiños vese un ir e vir ledo de mulleres e homes que volven de prados e da labranza, das mallas e os xestes sobre os que destaca o ramo de loureiro triunfante da colleita do verán. No campo de Samoedo e de Riobao os mellores becerros caseiros, coidados celosamente e mimados, brindaron a súa carne para facer máis suculenta a festa.
Para se perder no azul do ceo, das chemineas abrochan columnas de fume con cheiro mesturado, a loureiro, ás empanadas e ás bólas de azucre. E co estoupido dos foguetes e os repiques das campás, péchase o anuncio a vésperas. Ninguén durme esa noite. Escoita todo o mundo o canto lene dos reiseñores que xurde en hora matinal na beira do mar.

Alborada
Reflicten nas milleiras florecidas e coroadas de doelas do orballo, os primeiros raios do sol. Pola estrada branca, polos vieiros humildes, polos rueiros aldeáns vai debullando os seus ecos a alborada de tons agradábeis. Himno da Raza Galega ao sol e á luz, á terra e ao mar. O “Panchón”, a banda de Arca e o “Capitán” de Mondego coa súa gaita, van percorrendo porta por porta, casa por casa, deixando nas nosas eiras, tremendo no ar e nas almas, o saúdo da Alborada, que ri e que canta, impulsados os seus ecos polos foguetes de forte estrondo.

A banda de Panchón. Mariñana, 15/06/1925

Procesión
Rematou no vello templo parroquial, adobiado con flores dos xardíns e as pradarías mariñás, a misa cantada. O “Ircanatus” vibrou glorioso, no clarinete máxico do “Panchón”. Sobre as cabezas inclinadas, resoou o “Item misa est”.

O adro sobre o casarío branco da vila e a ría callada de barcas pesqueiras en repouso, é unha estampa de rara policromía, de roupas flamantes e camisas brancas.

As campás repican gloriosas; soben intentando chegar até o sol as bombas de palenque, e pola porta maior, a ombros de catro rapaces, aparece a imaxe marmórea da Raíña dos Anxos, a patroa secular, que aparecera unha noite de tempestade flotando sobre as ondas furiosas. Uns pescadores de Sada recollérona e foi entón que cesou a tormenta e as lanchas volveron, vento en popa, á nosa praia de Sada.

Desde entón, recibe a venerada imaxe o acatamento, entre galante e devoto, de pescadores e labregos, e as pregarias de cen xeracións de nais. Ao enfilar o seu rostro augusto, coroado de estrelas prateadas sobre a súa ría e o seu val e as súas cinturas, semella que os seus beizos debuxan un sorriso de maternal dozura. Lembrémola coa tenra copla popular, en ocasión na que o pescador San Andrés lle fai visistas de cortesía:

Nosa Señora de Sada
ten os zapatiños brancos;
San Andrés de Carnoedo,
vaillos ver aos día-santos.
Ou con estoutra onde se di como a ven as almas piadosas das nosas xentes pola beira do mar, facendo colección de cunchas de ouro:

Nosa Señora de Sada
vai sempre pola ribeira,
collendo conchiñas d’ ouro
e gárdaas na faltriqueira.
Que así é de fermosa a nosa patroa, querida Santa, por muller e por nai. Dentro do seu camerino de filigrana marcha baixo o pleno sol ao paso procesional da música en medio do fervor das pregarias e dos cánticos de gloria, volvendo ao sitial perenne do altar maior, e quedando no sitial que ten no corazón de cada sadense.

Xantar
Arredor da mesa patriarcal, cuberta como un altar polo mantel de brancura eucarística, toman asento todos. Todos? Non. Por cada un de nós hai un lugar que ninguén ocupa. Sobre el caen todas as miradas e os pensamentos. E case sempre a exquisitez dos manxares atopa a boca amargada por unha bágoa. Inxente bágoa, salobre como o mar que nos separa…

Cucaña
Cravado na area está o pau ensebado da cucaña, coroado por unha bandeira, cuxa conquista vale cinco pesos. Os rapaces soben e caen e o cobizado trofeo segue ondeando. Dez, vinte, trinta deixaron pola metade o nobre empeño. De súpeto, unhas mans arrebatan a bandeira, e soan os aplausos aclamando o triunfador. E logo, resulta que o gañador fixo trampa; levou as mans e os pantalóns cheos de area para non esvarar. A pesar de todo leva os cinco pesos. Como en todos os nosos empeños: trinta derrotados por un triunfador. E este non sempre lexítimo.

Regata
Retumbar de remos e toletes na baía. Os rapaces pescadores, con alma pagá, queren desmentir que sexa doloroso gañar o pan co suor da súa fronte. A minueta que é obradoiro e fogar duro, e ás veces cadaleito, é tamén motivo de festa; de recia e viril festa de helénica graza. O heroico esforzo das traiñeiras esveltas e dos pescadores bravos, é premiado por un aplauso e por unha flor que deben colocar no ollal da chaqueta nova, unhas mans pescantinas brancas e lenes. Para iso só e para dar gusto á recia musculatura e para lle conquistar á súa lancha o título da máis mariñeira, ábrese na ría ese abano de rumor monorrítmico de estrobos, remos e toletes.

Danza
E eses mesmos pescadores, rudos e virís, son aqueles vestidos de branco e azul, baixo as ordes de “Fileu” ou do “Capitán” de Sada de Arriba, formaron o escuadrón que percorreu pola mañá as rúas da vila, tecendo un canabazo de puntos na típica danza de arcos. A nosa grega danza mariñá de esveltas flexións e ritmo milenario. Teceron e desteceron, ao compás da gaita, estrañas filigranas para non deixar saír do cerco dos seus arcos floridos, onde quedaron aprisionados, o cura, o alcalde e os vicarios despois da procesión. E é nesta regata e na danza, onde se xuntan a fortaleza e graza dos meus bravos pescadores.
Danza de arcos dos mariñeiros na Praza de San Roque. Fotografía de Manuel Lugrís Freire. Cedida por Manuel Lugrís Rodríguez

Foliada

Baixo os arcos de loureiro, o tremelar das colgaduras e o fulgor da lucería, vibra a foliada. Toda a mocidade mariñá envorcou a súa graza e a súa ledicia na Rúa do Pedregal, a Praza de San Roque e a Avenida da Mariña. Ao compás da música do “Panchón”, da Banda de Arca e da gaita, todo é un florecer de puntos e de ritmos. Un poema fraternal e agradábel de suprema beleza plástica e rítmica. O chío da roda que sempre toca; o pregón de vendedoras de amorodos e rosquillas; o tocar das músicas e o danzar dos rapaces, cesan de súpeto, e todos os ollos se concentran no centro da vella praza.

Alí está o fogueteiro milagroso e rústico artista aldeán, disposto ao dispendio das máis raras cores de luces extraordinarias. Primeiro as bombas de palenque despois, os fogos de luces, e por último o clásico serrador e a fina madamita que van voando anaco a anaco para callar, preto das estrelas nun enxame fantástico de cores iluminando o casarío, o val e a ría solitaria.

O globo fenómeno do último día, coa rosquilla de fogo e as figuras máis populares debuxadas con gracioso humor, planta louzá no noso horto mariñán, comeza a súa peregrinación sen rumbo fixo, pola noite adiante, levando os últimos ecos da festa.

De hoxe nun ano
Pola estradas e carreiros volven as xentes ao fogar. Pronto será de día, hora inicial da dura trasfega. Voan cancións de amor ou de burla, segundo houbese amores ou desdéns. Nas bifurcacións dos camiños, á porta das casas, ao bordo da senda murmura o seu presaxio esta frase:
“D’ hoxe nun ano”.

Con ela pechamos esta evocación, que dedicamos coa alma nos beizos:

A Sada e ás Mariñas. Aos seus labregos
e aos seus pescadores, e a cantos, nesta
noite, dean albergue ao noso espírito no
recuncho das lembranzas queridas.
De hoxe nun ano, todas e todos.

Transcrición da disertación pronunciada na celebración da sociedade Unidos de Sada de Buenos Aires con motivo das festas patronais de Sada, na noite do 16 de agosto do 1930. Arquivo da Real Academia Galega, Fondo Ramón Suárez Picallo.


PARA CONFECCIONAR UN BO PROGRAMA DE FESTAS

Xohán Antón Suárez Picallo

Designada e actuando a Comisión de festas patronais, o cronista, cumprindo un deber profesional e á súa vez honrado co cargo de asesor da mesma, sinala hoxe aquí o que, ao seu xuízo, se debe ter en conta ao confeccionar o programa que faga honra a unha vila culta e con miras a dar unha nota de orixinalidade entre os pobos da importancia de Sada.

Hai que desterrar dos programas esa serie de sandeces e cursileirías, como son algúns números exóticos que só agradan a espíritos despechados. En Sada, cunha magnífica praia, as regatas, deporte fermoso e nobre, deben ocupar un posto preeminente nas festas. Fútbol, outro deporte físico aceptable que regulamentado, para evitar incidentes, é un número imprescindible, polo menos dous días e dous partidos entre diferentes equipos. Festas ao aire libre e no campo, vinculando dese xeito a Sada á corrente excursionistas que toma como obxectivo ir ao campo non a ver cousas tan raras como pelexas, que en toda a comarca foron desterradas por un grao de cultura que hai que sinalar como se merece, senón a render culto á nai Natureza; adoitan nestas romarías organizarse bailes e nada máis ridículo que presenciar como unha charanga deleita ou intenta facelo, ás sinxelas xentes mariñeiras e labregas con foxtrots, tangos, chotis, e outros bailables que nos puntos de orixe serán moi aceptables, pero ante unha paisaxe galega da montaña ou das mariñas, son unha cousa absurda e antinatural. Nós sinalamos á Comisión a idea de establecer uns premios para as parellas que mellor bailen a muiñeira, con traxes rexionais, un dos bailes máis fermosos e máis elegantes da península, que a máis de contribuír ao rexurdimento das nosas tradicións, sería unha nota de orixinalidade que saberían agradecer os espíritos selectos da vila e forasteiros, que desexan ver sempre onde van, á beira do confort modernista, costumes e cousas típicas dos lugares que visitan.

Deixamos para o final, adrede, un número que debe ir en primeira. Son uns concertos musicais de doce a dúas, por exemplo, onde unha boa banda, que segundo os nosos informes estase a xestionar, amenice as festas na praza e mellor aínda na praia, cun programa no que non deben faltar obras galegas como Negra sombra, Alborada, e A Galicia, poden acompañarse con outras de calquera país, e aínda que así non fose deberan executarse por facer honra ao noso. Nestas horas, a Comisión debe prohibir totalmente o baile que algunhas veces dada a intensidade con que aquí se practica, chega a ser teima. Quedan algúns números que non citamos, pero os sinalados, poden efectuarse posto que ademais de orixinais, son de custo reducido, e máis fáciles de organizar que outros gastados polo uso e por seren anticuados ao ambiente.

Un dos que nós suxeriríamos á Comisión, sería unha serenata marítima na ría, de noite, onde as embarcacións iluminadas con faroliños e lumes de bengala, constituirían un soberbio espectáculo, e que ao mesmo tempo non é moi custoso. A ver se este ano se fai algo novo en festas que agrade á vista e deleite o espírito, atormentado pola loita diaria pola vida.
El Pueblo Gallego, 15/07/1934
As festas patronais foron desde moi atrás un acontecemento social singular, un lugar destacado no calendario de cada ano. Eran o espazo para o descanso da clase traballadora e para o lecer dos acomodados e visitantes que enchían a vila procedentes da Coruña e de alén das fronteiras galegas. Polo tanto, constituían e constitúen tamén un factor económico de gran relevancia para o comercio local. No presente caderno recollemos catro artigos publicados nos anos 20 e 30 e que tiñan o obxecto ou ben de relatar o que acontecía naqueles días de diversión para captar novos visitantes ou de procurar unha mellor organización dos festexos.

Manuel L. Freire-Calvelo, nado en Sada no 1902 e practicante de oficio, foi, como xornalista, un incansable defensor de causas xustas para o seu pobo (o porto de refuxio, a ponte do Pedrido…) e un verdadeiro propagandista das Mariñas.
Ezequiel Rocha Llobregat, nado en Pastoriza, exerceu nos anos 20 o cargo de Xuiz Municipal de Sada. Como xornalista, colaborou coa revista local Mariñana e foi correspondente de La Voz de Galicia en Sada, onde faleceu no 1927.
Ramón Suárez Picallo, nado en Sada no 1894 e emigrado a Buenos Aires aos 17 anos, exerceu o xornalismo de xeito prolífico. Na II República foi deputado en dúas ocasións, exiliándose no 1939 a América. Morreu en Buenos Aires no 1964.
Xohán Antón Suárez Picallo, nado en Sada no 1907, foi un activo dinamizador agrarista e dirixente galeguista. Exerceu como correspondente de varios xornais en Sada e foi asasinado logo da sublevación militar do 1936.

Partillar