Caderno de Estudos Locais 12

Nº 12. Xullo de 2012

CADERNOS DE ESTUDOS LOCAIS Nº 12

RICARDO FLORES. SEMPRE EN SADA
(1903-2002)

Notas biográficas
Ricardo Flórez Pérez nace en Sada de Arriba, nas inmediacións da vila de Sada, un 1º de maio de 1903. Era un dos oito fillos dun fogar campesiño e mariñeiro. Con oito anos comeza a ir á escola, e algún tempo despois pasará a cursar estudos nocturnos para compatibilizalos co traballo. Desde neno, axudará nas tarefas do campo, e axiña comezará a traballar na forxa dun familiar. É neses anos da infancia cando ten un primeiro achegamento á cultura galega escrita, como el afirmaba:


O meu galeguismo é um sentimento, pode-se dizer de toda a minha vida. A sua génese vem de quando eu andava na escola […]. No nosso rueiro havia um velho muito amigo de meus pais, o tio Joám de Meilám, e quando me via lacaçanear polos currais, chamava-me e punha-me nas maos A Virgem do Cristal, requerindo-me que lhe lera nas suas páginas […]. Aquelas saborosas leituras que o velho patrício escuitava com muita devoçom, gerárom em mim um atraaimento por todo o que tivesse que ver com o acervo galego, espertando-me encendidas inquedanças de ler na nossa lingua […] (Rivera, J. M.: Ricardo Flores, um bom e generoso).


Durante o seu servizo militar en Ferrol presenciou representacións de teatro galego. En Sada, estreará varias obras propias.


O 31 de agosto de 1929 tomará o camiño da emigración. Facía o que a maioría dos veciños da súa idade, como el mesmo relataba:


En Fontán, todos os homes eran de cincuenta anos para arriba, e de vinte para abaixo. Os demais todos emigraban. Non había homes para ir o mar. […] En Carnoedo, unha aldea de pescadores, era o sitio onde máis luto se vestía, e máis viúvas había, dos homes que ían a Nova York, e morrían alá, ou viñan enfermos a morrer na terra (en Samuelle, C.: La emigración gallega al Río de la Plata, Xunta de Galicia, 2000).


Ricardo emigraba por razóns económicas e, ao tempo, cumprindo coa palabra dada á súa noiva, que se establecera en Buenos Aires. Porén, remataría casando cunha muller arxentina –Elvira–, coa que tería un fillo morto ao pouco de nacer.

A adaptación á cidade porteña será difícil:


Había veces, cando ía para casa, me lembraba cando na terra saía do taller, e ía chorando. Non me adaptaba. Extrañaba todo, hasta as pedras dos camiños (id.).


Mais, ao pouco de chegar, integrarase nas organizacións da colectividade galega e comezará a desenvolver unha intensa actividade cultural e política.


A nivel profesional, Ricardo Flores procurará continuar cun oficio similar ao de ferreiro, polo que se dedicará ao traballo do bronce. Iniciarase como empregado dunha fábrica de lámpadas de araña para, despois de 17 anos, montar unha sociedade cun italiano. Finalmente establecerá un negocio na súa casa, obtendo a xubilación no 1964.


En recoñecemento á súa traxectoria, será nomeado fillo predilecto do Concello de Sada no ano 1981. Nos seus últimos anos non renunciaría a seguir participando activamente nos actos da colectividade galega. Ricardo Flores falecería o 24 de xullo de 2002, logo de cumprir os 99 anos.


Compromiso coa lingua
Ao se establecer Ricardo Flores en Buenos Aires observará como en moitos galegos existía un rexeitamento da cultura e da lingua propias:


Cando cheguei a este país, alô polo mes de Setembro do ano 1929, o movimento galeguista em Bos Aires era frouxo […]. Pois o alardeamento de ser galego, nom se fazia comum nos nossos emigrados, supondo, pouco menos do que um.a afouteza, um.a ousadia, manifestar publicamente sê-lo, e queasemente equivaler a um delito, o expresar-se na nossa lingua (“Algo sobre o movimento galeguista em Bos Ares”, texto mecanografado).


En consecuencia, encamiñará as súas actividades a combater os preconceptos contra a lingua galega e a promover o seu uso. O seu obxectivo será esparexer o aprezo polo idioma e a cultura de Galicia máis alá das elites intelectuais vinculadas ao galeguismo. E, en boa medida, conseguirao. Esa evolución, produto do traballo abnegado de persoas como Ricardo Flores, constatábaa Ramón Suárez Picallo no 1959:


Hai corenta anos […] empezábamos a falar galego con sentido heroico. Tiñamos daquela case que pedir permiso e explicar porqué falábamos galego. Hoxe, nun acto galego, ten que pedir permiso e dar explicacións de porqué o fai o que non fale en galego (Palabras de despedida a Otero Pedrayo, 15/08/1959, gravación sonora, Arquivo Sonoro de Galicia).


Ricardo empregará o teatro ou a música como medios de promoción da lingua. No ano 1934 escribirá un artigo dirixido a un grupo teatral formado en Sada exhortando aos seus compoñentes a representaren obras en galego:


Cando fai pouco chegou ao meu coñecimento a nova de se haber constituído unha sociedade de caráiter artístico na Vila de Sada, o chán idolatrado onde se abalou o meu berce, esprimentei un inmenso xúbilo […]. Mais socedeu, que as miñas coidas resultaron golas, xa que as suas afeizóns artísticas, circunscrebíronas â ineterpretazón de obras de teatro castelán […]. Trocade de rumo inquedos mozos sadenses […]. Sede leiaes â causa galega; praiticade teatro galego, na seguranza de que co’elo faredes proselitismo galego (“Contradizôns dorosas”, A Fouce, 02/1934).


Unha das súas maiores teimas estribaría na defensa da opción ortográfica reintegracionista, apostando por un achegamento ao portugués. De feito, será un dos precursores desta corrente, impulsándoa a través das páxinas da revisa A Fouce desde o 1935. Nos seus últimos anos formará parte do consello directivo da Asociación Civil de Amigos do Idioma Galego, centrada no fomento do reintegracionismo. Practicamente ata os seus derradeiros días, a súa vocación por aprender levarao a participar como alumno nos cursos de lingua galega que impartía o profesor Higinio Martínez na Federación de Sociedades Gallegas.


Representación de Un ovo de dúas xemas, de Ricardo Flores.
Fotografía cedida por Carmen Moreno




Compromiso político
Ao longo de toda a súa vida, Ricardo Flores mantívose fiel ás súas ideas, que xiraban en torno á defensa do autogoberno para Galicia, definíndose inequivocamente como nacionalista.


Ao pouco de se instalar en Buenos Aires integrarase na Sociedade Nazonalista Pondal, ocupando diversos cargos directivos. A Pondal era unha organización independentista cun órgano de prensa propio: A Fouce. Así a lembraba Ricardo:


Buscabamos que a xente se definira. Xurdimos como unha reacción de desesperación […]. O pondalián estaba consagrado á defensa do seu país. […] Un pondalián non aceptaba que o tratasen como español. Eramos utopistas, porque era unha utopía o que nós sostiñamos naquel entón. […] Os da Pondal eramos nacionalistas e os outros autonomistas. […] Tanto autonomistas como separatistas eramos bos galegos. Berrabamos moito, pero non era para pelexar, senón para nos escoitasen falar en galego (en Samuelle, C.: op. cit).


A sublevación militar de xullo de 1936 motivará a disolución da Pondal en 1938, na procura de unificar ao galeguismo para apoiar á República. Ricardo Flores rematará por se integrar na Irmandade Galega, creada por Castelao como continuación no exilio do Partido Galeguista. Tamén baixo o auspicio de Castelao participará na creación do Centro Provincial Coruñés, do que será presidente nos anos 50.


Ricardo Flores formará parte do Consello de Galiza, institución que exercía como depositaria da soberanía popular, dado que agrupaba a varios deputados elixidos nas últimas eleccións democráticas (febreiro de 1936), entre eles Ramón Suárez Picallo. Ricardo será durante algún tempo o secretario de actas.


O seu compromiso político con Galicia nunca esmorecerá. Aínda con 95 anos, no 1997, formará parte dunha xuntanza de apoio á candidatura do BNG, con Xosé Manuel Beiras como cabeza, á presidencia da Xunta de Galicia.


Obra escrita: teatro
Ricardo Flores foi, con Varela Buxán e Blanco Amor, o autor máis representado do teatro da emigración. A súa relación coa arte dramática iníciase na xuventude. En Sada crea a mediados dos anos 20 unha «Agrupación Artística». No Pabellón Moragra e no Salón Suízo da vila estrearán as primeiras pezas da súa autoría: Un fillo de bendición (1926), Consellos do Tío Xan (1927) e Querer de Comenencia (1928).


Xa emigrado na Arxentina, queimaría estas primeiras obras. Coa finalidade de eliminar os complexos culturais e lingüísticos dos galegos, optaría por transformar o seu teatro nun «meio proselitista», de marcada vocación educativa e reivindicativa. En Buenos Aires estrearía as pezas Nai e filla (1932), Un ovo de dúas xemas (1938), Enguedello (1939), Para isso som teu amigo (1951) e Ugío (1953). Publicará tamén Catro estampas de beira-mar (1961), O afiador, Um remédio malfadado ou A nossa Terra é nossa (1992). Luis Pérez ten definido as características destas obras: 


o seu teatro reflexa á Galicia da súa infancia e mocidade. Máis en concreto, o cotián vivir das xentes da beira de Sada e das Mariñas de Betanzos. Os personaxes son un producto deste ambiente e a súa sicoloxía está presente na acción e nos diálogos. A linguaxe, viva e popular, serve de canle a esta realidade campesiña e mariñeira, que se resolve en situacións graciosas de humor popular. Estas pezas realistas están enlevedadas pola ética e escritas desde a autenticidade. 


[…] O teatro de R. Flores sería moi solicitado polas Entidades galegas da emigración, pois as súas obras transportaban os emigrantes os eidos natais. De aí as súas moitas representacións (Areal, nº 1).


Ademais, Ricardo crearía e dirixiría o grupo teatral Lugrís Freire, ligado ao Centro Coruñés. Compuñan o elenco de actores Carmen Moreno, Xosé Neira Vilas ou Lola G. de Lorenzo, entre outros.


Obra escrita: lírica
A recompilación da lírica popular de Galicia constituíu unha das principais dedicacións de Ricardo Flores. Diferentes coleccións de cantigas foron editadas por el mesmo en caderniños de factura artesanal que logo distribuía. En 1984 vería luz unha Escolma de cantigas galegas publicada por Caixa Ourense. José Mª Monterroso asinaba un prólogo que, por algún erro, non sería incluído no libro:


Se pôr umhas linhas aclaratórias neste libro de Ricardo Flores é para mim prazenteira honra, nom podo ocultar o simultâneo enrubecimento que me produz o descer a certas miudezas explicativas que puderam lixar a cristalina harmonia desta Escolma de Cantigas Galegas.


A cristalina expressom do génio poético popular, peneirado pola sensibilidade literária, e nom menos popular, dum home que, tam arredado fisicamente da nossa Galiza, a recriou dia trás dia, para si e para os outros, durante dúzias de anos.


E recriou-na nom só exercendo o jornalismo e escrevendo e dirigindo teatro, mas tamém colheitando estas pérolas líricas, muitas da sua memoria dos tempos moços […], muitas outras inéditas na Terra, como celme que estas som da saudade -ou morrinha- dumha parte tam importante do povo galego […].

Ricardo sería autor de diversas composicións poéticas, en gran parte tamén editadas por el. A súa poesía é de inspiración popular e, en moitoscasos, está concibida conxuntamente con música tamén da súa autoría. Trátase dunha poesía de cariz social na que pretende reflectir o seu pensamento e trasladalo ao lector. Gran parte dos seus poemas están centrados na defensa da lingua e da identidade de Galicia, na combate do centralismo e na reflexión acerca da opción ortográfica do galego. En 1995, a Associaçom Civil de Amigos do Idioma Galego editaba o poemario Reflexos da doma (cantigas galegas), que xiraba en torno a todos estes temas.


Obra escrita: prosa
Os textos en prosa completan a faceta literaria de Ricardo Flores. Se ben é o campo no que a súa produción, en volume, é menor, consérvanse relatos de interese.


Baixo o epígrafe “Contos de calquer rueiro” ten publicado varias narracións ambientadas na súa Sada natal e tiradas das lembranzas da súa xuventude. Constitúen, máis que relatos cunha trama determinada, estampas nas que se pretende reflectir un momento concreto con gran emotividade.


Ademais, Ricardo Flores exerceu o xornalismo en diferentes revistas e periódicos da colectividade galega de Buenos Aires. Numerosos artigos seus viron luz en A Fouce, Galicia, Pátria galega ou ADIGAL. A defensa do idioma, da identidade cultural de Galicia e dos seus dereitos políticos constitúen os temas fundamentais.


A música: Herre Chiquelo
En paralelo ao seu quefacer na recollida da lírica popular, Ricardo tamén se interesou pola música. Compilaría multitude de melodías tradicionais para a súa interpretación por parte das entidades corais da colectividade. El mesmo presidiu a Sociedade Coral Os Rumorosos –que contaba tamén cun conxunto escénico–, formando parte do coro como cantante.


Ademais, será Ricardo autor de numerosas creacións musicais. Musicará tanto os seus poemas de inspiración popular como os de corte social, centrados na defensa da lingua e da opción ortográfica reintegracionista. Entendía a música tradicional como unha manifestación fundamental da cultura galega, en estreita maridaxe coa poesía. A cantiga, nacida para acompañar situacións de festa ou de traballo, era unha expresión dos “traços psicológicos que caracterizam ao galego”, desa “maneira de ser própria, exclusivamente sua”:


Galiza é um pais dado ao romantismo, notoriamente cantareiro. A sua gente possui um temperamento jocoso, humorístico e un tanto retranqueiro, adicta a expresar os seus sentimentos por meio de sons musicais, como se em aliage co sangue, correra polas suas veias um.a graúda dosse de esséncia lírica; servindo para dar avales de certidom, as toadas que soem surdir por onde quer dos nossos eidos, seja de dia, seja de noite (“A lírica popular galega em Buenos Aires”, charla do 11/06/1988).


Os irmáns Flórez
Emilio Flórez Pérez, ao igual que Ricardo, tamén decidiu tomar o camiño da emigración. No 1921 establecíase en New York, naquel entón destino maioritario dos sadenses. Durante décadas destacaríase como integrante da colectividade galega. No ano 1940 participa na fundación, baixo a influencia de Castelao, de Casa Galicia, a máis importante institución dos emigrados. Emilio Flórez exercerá o cargo de presidente ao longo dun total de 14 anos, en diferentes etapas entre 1944 e 1976. Será un baluarte na defensa da democracia e da cultura galega, impedindo o uso da bandeira franquista. O socio Manuel Zapata comentaba acerca do presidente máis emblemático que tivo Casa Galicia:


La colonia gallega está endeudada a Emilio Flórez, pues ha sido más tiempo el alma, el dinamo, el timonel principal de esta institución, la misma que le suavizó la transición y existencia a tantos inmigrantes gallegos (Zapata, M. (s/d): La historia de Casa Galicia).


Como o seu irmán Ricardo, Emilio tamén é fillo predilecto do Concello de Sada, no seu caso desde o ano 1982.


A diferenza dos seus irmáns, José e Avelino Flórez Pérez non desenvolverían as súas vidas na emigración. Ambos destacarían nos movementos sociais da súa vila natal.


No ano 1930 constituíase na súa casa de Sada de Arriba o Centro Cultural Obrero, con Avelino como tesoureiro e José como vocal. O presidente era José Monzo e os sucesivos secretarios Manuel L. Freire-Calvelo e Antón Suárez Picallo. Tratábase dunha institución recreativa e cultural que albergaría unha biblioteca e contaría cun coro e unha formación teatral, na que Avelino exercería como traspunte e José como actor.


Avelino, retirado do seu oficio de maquinista da Armada e exercendo de ferreiro en Sada, falecería no ano 1934 aos 37 anos. José, durante a República, tomaría parte do ambiente político e cultural de Sada. Nos entroidos de 1935 e 1936 estrearía dous «apropósitos» da súa autoría, pezas cómicas nas que se recollían os principais acontecementos do ano.  Ademais, militaría no Partido Galeguista. Décadas despois, no 1983, aínda concorrería ás eleccións municipais na candidatura de Esquerda Galega.


Sada na memoria
Ricardo Flores deixou a súa vila natal para partir cara a América con 26 anos, no 1929. Porén, ao longo da súa vida mantería unha relación emotiva moi estreita con Sada.


Desde o 1952, ano da súa voda, Ricardo cruzaría o Atlántico con certa frecuencia para visitar a súa familia. Nada máis chegar a Buenos Aires entraría a formar parte da sociedade Unidos de Sada, participando, con outros sadenses como Ramón Suárez Picallo, en actos nos que se evocaba á vila desde a distancia.


Os escenarios da súa infancia e xuventude conformarán a ambientación de gran parte da súa obra literiaria. Pezas teatrais como Un ovo de dúas xemas ou Catro estampas de beiramar localizan a súa trama en Sada, e serán frecuentes os textos en prosa nos que rescate acontecementos da súa memoria:


É pola hora do lusco-fusco no derradeiro día do mes de Maio, o mes máis frorido de todos. A un rueiro de Sada de arriba, parroquia de Sada, vén chegando xente, como non soía ver-se tanta a miúdo […].


Como todos teñen que se erguer cedo[…], pillan o camiño dos seus respeitivos fogares, levando cada quén […] no maxín, a leda imaxen da noite aquela e do rueiro aquele, a que, despois do longo treito de algo máis de meio século, queren lembrar estas liñas tracexadas con anoto de saudade.


Unha comida doCentro Provincial Coruñés de Buenos Aires no 1957.
No centro, sentado, Ramón Suárez Picallo. Á súa dereita, Ricardo Flores. Fotografía cedida por Marcela Castillo 




Hai unha década, o 24 de xullo de 2002 falecía na Arxentina o comediógrafo sadense Ricardo Flores.


Coincidindo con esta data, a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo organizará na Casa da Cultura Pintor Llorens unha exposición biográfica e unha mesa redonda con varias persoas que o coñeceron e trataron en Buenos Aires.


Nese contexto, edítase o presente caderno, no que se traza un breve percorrido polas diversas facetas dun home poliédrico que desempeñou un importante papel entre a colectividade dos galegos emigrados.

Partillar