Textos gañadores do certame de poesía

 (RE) INVENTANDO XELA ARIAS

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2021, o Concello de Sada convocou o certame de poesía (RE) Inventando Xela Arias. A partir dun verso da autora homenaxeada, as persoas participantes debían compor un poema. Na categoría de 18 anos ou máis, a gañadora foi Brenda González Fernández. Na de entre 14 e 17, obtivo o premio Lúa Figueroa Lago. O xurado estivo composto por Montse Pena Presas, Carlos Lorenzo Pérez, Miriam Couceiro Castro e Chus Álvarez.



 Saudade de nós 

           Lúa Figueroa lago

De certo, a vida ía en serio.

Mentíronnos,

non podía ser doutro xeito.

Desprezáronnos,

fixeron sombras nos nosos leitos.

Tentaron amainarnos,

facendo para seu proveito.

Mais cansámonos,

de todos estes seus desfeitos;

e pasamos, morrendo en silencio,

pouco a pouco,

e lento, moi lento…

Pero paseniño, paseniño rexurdimos.

Agora, o noso momento.

Defendermos,

honrarmos, a todos aqueles que sufriron

por nós, por eles, polo noso.

Non cambiamos,

seguimos a ser os mesmos;

non eses pobres mansos,

afeitos a obedecelos,

que tentan fuxir en silencio;

senón lobos, de ollos alumeados,

nos que brila o fouciño

i os nosos berros espertan.

De calarmos non obedeceremos,

i da nosa patria,

i do noso pensamento,

non imos desfacernos;

pero, de seguro, protexelos:

non encadeándoos,

ai luscofusco!

Ai brétemas do ceo!

Saberedes vós como facelo?

A crise das marabillas 

Brenda González fernández

 

De certo, a vida ía en serio

e agora eu abro os ollos ao corpo do vento,

á lámina sobre a que voa o reiseñor do verso de                                                                          [cristal

alumeado polo carrelo das palabras

que trenzaron coa herba a diadema do idioma.

 

Eu sei que a vida me naceu aló;

no canto melódico fundido na nota sensíbel

sobre a que medraron as roseiras do tempo

e a luz de mel cubriu o principio das ideas de mar,

coas ondas bañando a area da lembranza.

 

De certo, a vida ía en serio,

pero eu quixen adormecer sen sabelo,

esvarándome da man as burbullas da tarde

afeitas a buscala música da natureza

no fondo de toda canta soidade carga o día,

no íntimo dos sonos pintados de cor rubí,

na raíz das papoulas, no peito do paporrubio.

 

Soñeino así.

Soñeino a través da cortina esmeralda,

da ventá infinita da cal voaron as fadas irlandesas

levitando na partícula máis doce que boiaba no [silencio,

na inquedanza que de pronto se reverberou na [choiva.

 

E a auga lavou os rostros na mañá,

escribindo as partituras do verán nas árbores.

 

O río enterrouse na pálpebra do mediodía.

O piano soou alén da mancha do ruído

–cos anxos compoñendo cancións de identidades [estelares–

 

 

A tela de estrelas cubriu a pantalla da noite,

velando un pardal nado dos nosos pulmóns

con aire abondo para inchar a escuridade.

 

A cada perla debuxáronlle unha flor

–Tan iluminada coma o reloxo perdido no til da [poesía–.

 

Entón mirei o ceo e lin as lendas da Vía Láctea,

cavilando noutras formas posíbeis de amantar a [mitoloxía,

de calcular o leite cósmico que non bebeu o fillo [de Hera.

 

E montei en bicicleta sobre o espiñazo da noite.

E nadei na gargantilla do firmamento,

contando co dedo a piques de converterse en
[vagalume

as vértebras da columna que me mostraran os [bosquimáns.

 

Logo escribín a letra do ceo

antes de baixala mirada e fitalos xardóns

–O canto verde mollado no nervio do Tempo–

 

Unha nube converteuse nun tren para os paxariños.

O sono encaracolouse na poesía,

a nena moldeou a lúa na habitación,

coa fantasía que agarrou cada unha das súas horas…

…sen saber aínda que…

de certo, a vida ía en serio.

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *