Emilia Pardo Bazán: Realidade e mito

 María Pilar García Negro

(A Carlos Babío, pioneiro: todo ten o seu comezo) 

Aquel tendero, Nicolás Fortea, vino a establecerse en Areal haría más de treinta años, y su bazar, unha innovación, dio mucho que decir en pro y en contra. Traía elementos de lujo, del lujo falso, chabacano, de esta época en que todos queremos ser iguales a todos (de «El invento», publicado orixinalmente en Blanco y Negro, nº 957, 4/9/1909, e incluído en Cuentos de la tierra [1922]).

Sexan as primeiras palabras deste artigo para felicitar, como merece, a traxectoria e resultados de máis dun decenio desta revista, tan atenta á realidade cultural galega e tan acolledora e plural. O seu nome, Areal, é precisamente a denominación literaria escollida por Emilia Pardo Bazán para Sada (como Marineda é A Coruña; Vilamorta, O Carballiño ou Cebre, Cea), e esta vila mariñeira e pesqueira é escenario de varias das súas pezas narrativas. Celebro, pois, que a Areal galega e moderna –que se distinguiu desde sempre na reivindicación de espazo público galego para as Torres de Meirás– teña interese en valorar a personalidade e a obra dunha escritora como a mencionada, autora dunha obra descomunal en varios xéneros literarios e, como tentaremos demostrar neste artigo, peza fundamental na construción literaria e política dunha imaxe da Galiza que será xustamente contrariada polo movemento patriótico galego do século XIX. Noutras palabras, e definíndomos xa o concreto círculo concéntrico nuclear, adiantamos a tese seguinte: é a Galiza unha nación cuxos destinos, presente e futuro, cuxo papel na historia, están representados naquela crucial centuria por senllas mulleres, ambas escritoras e intervinientes públicas, a significaren opostos absolutos, a tese e a antítese. Son Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. Ora ben, para soster esta tese, cómpre coñecer a entidade, función e transcendencia dunha obra literaria e dunha actuación pública como as da escritora citada en segundo lugar. Abordemos algunhas aclaracións necesarias.

 Portada da revista La Ilustración Artística 09/02/1891

1.- Emilia Pardo Bazán é unha escritora central da literatura española, tanto polo idioma utilizado en toda a súa produción escrita como, sintomaticamente, pola súa posición de clase e nacional a respeito da realidade galega. A escolla da lingua non é en absoluto formal: implica edificar unha representación da Galiza que xustifique e reforce a súa eleición. Esta imaxe-proxección da Galiza será a súa coartada e enche de contido a utilización como fantástica canteira literaria da súa terra natal: paisaxes, personaxes, creación de ambientes, composición dun universo irredento (por atraso, cacicato, barbarie, primitivismo das clases populares…) que só ingresaría na historia civilizada con doses máis altas de españolización-europeización.
2.- Los Pazos de Ulloa, La madre naturaleza e moitas outras pezas narrativas (novelas, contos) son elocuentes ao máximo dun confronto como o que coñecen outras literaturas de países en situación colonial. É o confronto civilización / barbarie, que pasa por pintar unha realidade da maioría social galega, da súa clase traballadora, non só clasista senón caricaturizada. A cuestión é que esta imaxe vén ser redundante (e amplificada) dunha previa: a existente, desde moito tempo atrás, na literatura española, como mínimo desde o denominado «Siglo de Oro», tanto en obras de teatro, como en vilancicos, novelas, sainetes, zarzuelas, literatura costumista e, por suposto, tamén, en ensaios ou prosa discursiva. Ora, a diferenza de Lope de Vega, Quevedo, Góngora, Mesonero Romanos, e até o noventayochismo e posteriores (Ortega y Gasset, por exemplo, e aínda nos nosos días), a escritora que nos ocupa é galega de nacemento e, por tanto, dotada dun plus de autoridade para reflectir unha realidade que coñece empiricamente. O vello preconceito anti-galego vese así asistido dun novo arsenal xustificatorio, unha sorte de acta notarial onde se dá por ratificada e amplificada a visión xibarizada e, ao cabo, racista. Constrúese unha verdade sobre a Galiza que encaixa, en círculo vicioso, coa lóxica que xustifica e mantén a súa discriminación, a súa marxinación. Se este é un país de selvaxes, bárbaros animalizados, seres atados á terra e ás súas leis…, daquela a solución só pode residir en domeala, na esperanza duns poderes civilizatorios e superiores que a ordenen e introduzan no universo da educación, a limpeza e necesaria instrución do mundo moderno. Por isto é tan frecuente a morte violenta como desenlace ou ben os seus sucedáneos-complementos: suicidio, emigración, vida conventual (fóra, xa que logo, do mundanal ruído e ao amparo da institución que non se discute: a Igrexa Católica). Só unha mentalidade previamente anestesiada nos leitores galegos pode dar por realista ou fotográfica esta visión des-humanizada. Non se trata de que existan ou non os sucesos ficcionalizados: é que eles están carentes de contraste, co que a negrura inicial contamina a trama e explica o desenlace.
3.- Esta operación modelizadora vai acompañada da necesaria caricatura lingüística. O galego non é unha lingua: é un patois, unha fala reducida a dialecto social, cuxos modismos contribúen a caracterizar as personaxes da clase servil e mesmo reforzan a idea española previa de ser o galego un castellano mal falado e pior cortado. Os exemplos cóntanse por centos e resulta realmente rechamante que a maioritaria crítica galega non advirta este facto clamoroso e se limite a inventariar galeguismos incrustados na lingua-verité, a española. A maior abondamento, este proceder literario é sincrónico da creación dunha literatura nacional galega, a que renace xustamente no ecuador do século XIX, nun lento proceso iniciado no albor da centuria e que vai posuír dúas faces significativas: demostrar que somos un povo con historia específica e distintiva (Neira de Mosquera, Vicetto, Murguía…) e unha lingua de noso capaz das máis variadas e elevadas empresas literarias. Ábrese xa aquí e agora –por moito que o dilema non se plantexase nos termos en que se asentou con posterioridade– unha dicotomía reveladora: como ha de existir a Galiza culturalmente e, en concreto, na súa literatura? Ha de existir utilizando a súa propria lingua como vehículo, ao servizo dunha representación da abaixada ou inexistente realidade galega, ou ben ha de ser conceptuada como un contributo local á única literatura merecente de existencia, a española? Somos, en definitiva, unha nación ou somos un lugar? As leitoras e os leitores destas liñas coñecen ben a transcendencia da decisión autorial, os seus froitos e os seus resultados. No XIX inaugúrase, de certo, unha nova diacronía para a cultura da Galiza, interrompida na súa expresión letrada desde moito tempo atrás, privada da necesaria institucionalización, e, sobre todo, rendendo servizos non menores á lingua oficial da monarquía castellana e, despois, ao Estado español dela nacida.
Dª Emilia Pardo Bazán non é, en absoluto, un caso singular ou único na súa práctica españolizadora. É continuísta dun avultado ronsel de políticos, clérigos, militares, ministros… nados na Galiza e biograficamente entregados ao servizo e engrandecemento de España. A súa salvación como individuos e como clase social é o anverso do abandono político da Galiza, sen clases dirixentes que se signifiquen como tais: eis o reverso da moeda. O tan reiterado cacicato galego definido como typical Galician é, na realidade –como Castelao diagnosticou lucidamente–, o instrumento que o Estado precisa para manter e garantir o seu dominio, sexa eleitoral, sexa económico-social. Asistimos así a unha dupla sangría: a emigración masiva, por abaixo; a deserción intelectual-política, na cima. Ora ben, o caso de Pardo Bazán é rechamante pola súa extremosidade ou, mellor, pola súa elocuencia: ela, como xa dixemos, constrúe todo un imaxinario galego que combinará: a) o retrato dunha fidalguía en franca decadencia e descomposición, que nen sequer se respeita a si mesma, abocada á mesma degradación que os seus servidores; b) uns paisanos fundidos nunha natureza devoradora, moralmente servos de todos os vicios e sevicias, a monte en todos os sentidos da expresión; c) unhas mulleres populares entregadas ao consumo sexual dos señores, en comercio animalizado cos seus pares ou ben servindo de iniciación sexual aos elementos civilizados da burguesía-aristocracia: como personaxes autónomas non existen; d) unha condena explícita do fracaso das tentativas de ascenso social: son patético remedo do bon gosto, da elegancia natural da clase superior; a aristocracia –malia todos os seus defeitos: frivolidade, parasitismo…– é a única clase apta para rexer moral e politicamente a sociedade; e) a necesariedade da monarquía española, no sentido profundo do termo, isto é, na clásica alianza Altar-Trono, é a cúpula que debe presidir toda política, nunha simbiose desexábel entre a vella e a nova España; a Galiza é provincia que debe confiar nos bons designios da política española.
* * *
Todos os elementos descritos pensamos que fan parte dunha realidade textual documentábel e demostrábel. Ten Emilia Pardo Bazán méritos literarios sobrados para a considerar nesta dimensión. Carecen de fundamento, en troca, roupaxes míticas, unha sorte de ouropel falso, con que se quer vestir a súa personalidade, a súa obra, a súa ideoloxía e, sobre todo, a súa concepción da Galiza. A esta operación estamos asistindo con profusión neste ano 2021 en que se conmemora o centenario do seu falecemento. O seu pregoado e auto-declarado feminismo, como mínimo, haberá que o poñer en diálogo-contraste co seu clasismo e co seu españolismo. A súa obra está fortemente vinculada a un triunfo persoal que ela perseguiu, e acadou en gran medida. A resposta irada que mereceron moitos dos seus pronunciamentos ou das súas aspiracións cómpre contextualizalos na rancia misoxinia e no mantemento dun rochoso repertorio sexista típico e definidor da España do seu tempo. A súa ollada sobre a Galiza, en fin, exterior e superior, condiciona a fortiori a ideación, trama e desenlace de toda a obra de temática ou ambiente galego.
Envío.- Hanme disimular as amábeis leitoras e leitores desta revista a forzada síntese que estas liñas realizaron. Máis aínda, que me permita a remisión a un meu libro de recente publicación –Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán– a quen desexar ampliar a información aquí en exceso comprimida ou a quen esixir, como é lóxico, comprobación documental do aquí exposto.

Emilia Pardo Bazán na súa casa de Madrid no ano 1921 | Mondariz, 20/07/1921

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *