UN POEMA-CARTA PARA ISAAC

Carmen Villar

querido isaac,

un día dixéchesme:

quixera saber máis cousas da esfinxe,

mais a esfinxe cuarteou

e levou o seu segredo.

 

ti tamén marchaches, 

isaac,

e levaches canda ti moitas respostas

a preguntas importantes,

preguntas que mesmo corren o risco

de deixaren de ser feitas.

 

nós tamén quixeramos saber máis,

isaac,

todo o que ti sabías.

ti sabías que para ter un futuro

había que ter un pasado,

ti sabías que para ter esperanza,

había que poñer traballo,

ti sabías que para cumprir os soños,

había que ter os ollos ben abertos,

coma as xentes dos teus cadros.

 

e ti sabías tamén,

isaac,

que hai que batallar,

que hai que insistir e loitar,

 

aínda que todos saibamos

que a guerra foi perdida de antemán.

 

sabías que hai que pasar

polo principio

para chegar ao final,

aínda que non sexa o desexado,

aínda que o soño saia mal.

 

pero por algúns dos teus fracasos,

isaac,

por algún dos teus fracasos,

que non habiamos de dar!

 

— 

«god´s in his heaven. all´s right with the world»

(robert browning)

 

1920-2020 | ANO ISAAC DÍAZ PARDO

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *