A obra cerámica de Isaac Díaz Pardo

 Teresa Pena Moreda – Fernando Arribas Arias

Reloxo representando a Cronos, candelabro e nú, pezas deseñadas
por Díaz Pardo nos primeiros anos de Cerámicas do Castro

Fotografías cedidas polos autores

O primeiro contacto de Isaac Díaz Pardo co mundo do deseño ten lugar sendo estudante de Belas Artes na escola de San Fernando, cando, no último ano de carreira, é seleccionado, xunto con outros estudantes de Belas Artes e Arquitectura, para participar na primeira experiencia sobre deseño industrial que se desenvolveu en España, dirixida por Carlos Sáenz de Tejada.

Non sabemos se xa por aquel entón tiña na mente a idea de ser capaz de recuperar algún día a actividade de Sargadelos ou se foron os novos coñecementos adquiridos durante esta formación os que lle espertaron a idea. O que é certo é que os intereses de Isaac iranse dirixindo cara a unha arte que se adaptaba moito máis ás súas inquedanzas sociais, unha disciplina artística moito máis democrática a través da cal podería contribuír a unha mellora da calidade de vida das persoas.

Rematados os estudos de Belas Artes, comezará unha meteórica carreira como pintor, gozando de grande aceptación entre a sociedade burguesa madrileña. As encargas permitiranlle o recoñecemento e a comodidade económica que todo pintor desexaría. Con todo, este era un mundo no que Isaac non se atopaba nada cómodo, aínda menos cando esta aceptación viña por parte do propio réxime.

Posiblemente o feito definitivo para que tomase a decisión de deixar a un lado a carreira como pintor foi a encarga que recibiu, por parte de Fernando Álvarez de Sotomayor, de realizar un fresco no Valle de los Caídos, encomenda que o decidiría a fuxir, definitivamente, daquel contorno oficialista. Pero seguramente na balanza desta elección tamén pesaba o feito de ter xa previsto, por aquel entón, un plan B: a intención de emprender un novo camiño artístico a través da cerámica. Unha idea que xa tería bastante madurada neste momento e á que se lle engadiría tamén outra idea máis a longo prazo: a de chegar a recuperar algún día a actividade de Sargadelos.

En 1948 ten lugar esta ruptura1. Interrompe a súa carreira como pintor e trasládase a Galicia xunto coa súa muller, Carmen Arias, Mimina, coa que casara dous anos antes. Ambos instálanse no Castro de Samoedo, en Sada, onde, nun pequeno obradoiro levantado xunto ao seu domicilio familiar, Isaac comezará a súa aventura cerámica.

As primeiras pezas que produce terán moito que ver coas súas pinturas, polo que, na periodización da súa obra que realizamos con motivo da exposición «A vangarda das formas. Obra cerámica de Isaac Díaz Pardo», denominamos a este período como etapa pictórica.

Trátase de artísticas figuras inspiradas nos personaxes dos seus cadros, coas mesmas liñas e cores que empregaba nos súas pinturas. Pezas moi persoais nas que o artista participará na totalidade da súa elaboración, tallando os moldes ou pintándoas á man.

Composicións cerámicas, figuras, candelabros, ánforas ou reloxos, entre as que destacan: As Parcas, Saturno devorando aos seus fillos, Adán e Eva, Mulleres xogando ou O nacemento de Venus e das que se realizarán moi poucas unidades. Así, de Saturno devorando aos seus fillos tan só se fan cinco e da maioría das outras tan só trinta.

Xunto a estas pezas artísticas de produción limitada comercializará un amplo catálogo de servizos de mesa: vaixelas e xogos de café ou té, nos que se pode apreciar a gran calidade da porcelana que se conseguiu facer. Unha porcelana moi fina e translúcida, que non tiña nada que envexar ás que se producían en Sèvres ou Limoges. Segundo se dicía no primeiro catálogo de O Castro «…das mellores que se fan no mundo e obtida por unha técnica revolucionaria».

O éxito fulgurante que xa tivera na súa carreira pictórica repítese nesta nova aventura. As cerámicas de Isaac terán unha grande aceptación e o pequeno obradoiro familiar, que se constituíra como empresa en 1949, converterase nunha factoría que irá crecendo rapidamente. En 1955 contaba xa cun cadro de persoal de cen traballadores e cun equipo de deseño ao que se incorporarán decoradores como Llerena, Toledano, Ignacio Veiga ou José Luis Montero, que irán deixando o seu sinal nos repertorios decorativos da empresa. Tamén Mimina, a súa muller, será responsable de moitas das decoracións que se comercializarán nestes anos.
 
Con esta importante produción de pezas de mesa, Isaac estaba a cumprir cun dos obxectivos polos que se decidira a optar pola cerámica: o de poder levar a arte aos obxectos de uso cotián. Non abandonará, non obstante, a creación de pezas artísticas máis persoais, de inspiración pictórica e de serie limitada. Como nas súas pinturas, podemos observar nestas como as formas cerámicas irán respondendo a formas cada vez máis expresionistas. Expresionismo que se observará tanto no trazo como na aplicación das manchas de cor. A temática destas tamén irá evolucionando e irá abandonando a temática mitolóxica para achegarse, xa, á arte galega, presentando unha colección de pezas coas que interpreta obras orixinais dos máis importantes artistas da arte galega: Castelao, Colmeiro, Laxeiro, Maside, Luis Seoane e Arturo Souto.
 
Chaman especialmente a atención a colección dos xerros de vicios e delitos, integrada por 18 pezas nas que se representan as fraquezas do xénero humano e nas que queda patente o expresionismo formal deste momento creativo.

 

O deseñador industrial

 

En decembro de 1955, Isaac viaxa por primeira vez a Bos Aires, co obxecto de pór en práctica a encarga de Núñez Búa de crear unha fábrica semellante á do Castro en Magdalena. Nace así Porcelanas de Magdalena.

Ata mediados dos anos sesenta, Isaac dirixe as dúas fábricas, facendo constantes viaxes transoceánicas e intercambiando ideas e técnicas entre as dúas factorías. A importancia das súas estadías na Arxentina é que lle permiten entrar en contacto cos intelectuais galegos alí exiliados, entre os que cómpre destacar a Luis Seoane, co que fragua unha profunda amizade. Da colaboración entre os dous sairá o Laboratorio de Formas.

Mentres tanto O Castro segue medrando, e en 1962 inaugúrase a súa nova planta, o que pon de manifesto a boa acollida que está tendo a súa produción. Durante estes anos, no Castro e en Magdalena darán a luz unha serie de pezas que na clasificación que temos proposta para a obra cerámica de Díaz Pardo incluímos dentro do período de deseño industrial; período no que xa se fai claramente patente o abandono das lembranzas pictóricas das súas primeiras cerámicas e no que se producirán pezas caracterizadas por formas máis depuradas e decoracións máis abstractas e xeométricas, coas que Isaac Díaz Pardo introduce os principios do deseño industrial na industria cerámica española.

Corresponden a este momento as formas cilíndrica, bimio ou María, así como unha enorme diversidade de decorados como o GS-1, LN-1, RZ-1. Como exemplo especialmente significativo deste momento creativo temos o xogo de café co decorado RZ-2 sobre a forma cilíndrica, deseño que constitúe todo un alarde de modernidade e que, aínda hoxe, resulta totalmente actual.

Como xa comentamos, froito da relación con Luis Seoane, créase en 1963 o Laboratorio de Formas, entidade teórica que será a encargada de deseñar, a partir dese momento, as directrices de actuación da empresa tanto a nivel formal como teórico. Comparable aos movementos das vangardas europeas, foi dotado, como estas, do seu propio manifesto, que supón unha declaración de intencións baseada no estudo das formas tradicionais galegas para crear un sistema de expresión propio.

Será no Castro onde se produzan os primeiros deseños realizados ao abeiro do Laboratorio de Formas, que serán unha perfecta mestura entre modernidade e tradición. Deseños de vangarda pero inspirados na tradición cultural galega, especialmente do románico e do barroco, como son o Portomarínico, Monférico, Bonaválico ou Castrondouro.

Entre os obxectivos prioritarios do Laboratorio de Formas, e como xa se recolle no seu manifesto fundacional, figura a recuperación das antigas fábricas de Sargadelos, para o cal se crea no Castro, no ano 1967, o Laboratorio da Quinta Etapa de Sargadelos, desde o que se lle irán dando forma aos deseños do futuro Sargadelos.

A RECUPERACIÓN DE SARGADELOS

 

Di Isaac que «…cuando en el año 48 empieza la operación de cerámica en O Castro de Samoedo, la operación Sargadelos utilizando estos caolines ya estaba en el horizonte, pero entonces era impensable y lo de O Castro sirvió como operación intermedia, experimentos para que un día sirviesen de plataforma desde la que realizar la de la costa lucense»2.

Como podemos comprobar nesta cita, un dos principais desexos de Díaz Pardo e, posteriormente, do Laboratorio de Formas foi a recuperación da antiga fábrica de louza que, a comezos do século XIX, fundara Antonio Raymundo Ibáñez na localidade de Sargadelos, no actual concello de Cervo3.

Este anhelado proxecto materializaríase en 1970, coa inauguración da planta circular, proxectada por Andrés Fernández-Albalat, arquitecto que acabaría integrándose, tamén, no Laboratorio de Formas. Situado a escasa distancia do vello complexo siderúrxico e de louza de Ibáñez, o novo complexo de Sargadelos non só pretende recuperar a produción das vellas fábricas, senón tamén o ideario de Ibáñez, quen pretendía desenvolver unha industria para satisfacer necesidades e non para enriquecerse.

A produción do novo Sargadelos recolle da das Reales Fábricas un único elemento formal: o emprego do azul cobalto na decoración das pezas. Ata aquí chegan os parecidos estéticos, xa que, mentres que o Sargadelos antigo se baseaba na reprodución de motivos importados das louzas inglesas, o Sargadelos de Isaac Díaz Pardo e de Luis Seoane será un centro de deseño de referencia internacional, creador de formas únicas e innovadoras.

As pezas que sairán do novo Sargadelos son formas moi vangardistas que superaban, con creces, o que se estaba facendo na cerámica española. Pezas totalmente innovadoras cuxa decoración entra en relación co noso pasado cultural, con modelos inspirados na cerámica popular galega e en formas da nosa arte.

É importante, tamén, resaltar a investigación con novos materiais (materiais refractarios, cristal…) que se leva a cabo en Sargadelos, experimentacións que darán lugar a novas posibilidades técnicas e artísticas e que se traducen en pezas orixinais que non teñen paralelismo con outras producións cerámicas. Queremos chamar a atención, especialmente, sobre as pezas modulares e articuladas, verdadeiros alardes técnicos e que supoñen toda unha innovación no panorama da industria cerámica española. Entre elas podemos citar: O galo, Muller que está feita a perder sempre ou Espantallo, nas que figuran un bo número de elementos na súa composición.

Cómpre destacar, por outra parte, a importancia da repercusión social desta nova etapa de Sargadelos, asumida pola sociedade galega, e de fóra de Galicia tamén, como unha cerámica de prestixio, identitaria da nosa terra. Isaac conseguiu facer desta fábrica un emblema de Galicia. Neste aspecto, case podemos afirmar, sen lugar a equivocarnos, que non hai en Galicia un fogar no que non exista unha peza do Sargadelos, feito que pon de manifesto a boa acollida que tivo a produción desta nova fábrica de Cervo.

O Sargadelos de Díaz Pardo e Seoane vai representar, tamén, un proxecto cultural, social e artístico caracterizado pola recuperación do noso frustrado pasado e da nosa memoria colectiva que nos caracteriza como pobo diferenciado. Detrás de todo isto está, tamén, a inxente loita de Díaz Pardo pola xestión dos nosos recursos fronte ás industrias foráneas, sobre todo de Alemaña,,ávidas das nosas materias primas.

 

O recoñecemento da obra de Díaz Pardo

 

Lamentablemente, o afastamento de Isaac Díaz Pardo da dirección do Grupo Sargadelos puxo fin a un proxecto industrial en Galicia que tiña por base o principio ético de compromiso coa nosa terra e o seu desenvolvemento cultural. Unha vez máis, intereses alleos a estes principios frustraron este proxecto.

Afortunadamente, o seu importante legado foi recoñecido coa declaración como Ben de Interese Cultural, coa categoría de Monumento, da actual fábrica de Sargadelos, mediante o Decreto 171/2014, de 26 de decembro, da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia. Con esta declaración, ademais de velar pola súa protección e conservación, preténdese distinguir un singular proxecto industrial e cultural, único en Galicia polas súas características, cunha gran significación arquitectónica, artística, científica, técnica e cultural.

Coidamos que, xunto con Castelao, Díaz Pardo é unha das figuras máis importantes da Galicia do século XX. Figura irrepetible e polifacética que destacou en todos os aspectos nos que traballou. Neste ano en que se celebra o centenario do seu nacemento, son moitas as homenaxes que está a recibir. A exposición As miradas de Isaac é un bo exemplo, xa que pon de manifesto a súa inxente obra, caracterizada sempre pola súa honestidade e función ética, pois, na súa opinión, sen unha ética empresarial só hai especulación.

 

1 Ruptura que non será definitiva, xa que ao longo da súa prolífica carreira retomará ocasionalmente esta actividade.

2 Díaz Pardo, I. (2004): Galicia hoy y el resto del mundo, La Voz de Galicia, p. 131-132.

3 A iniciativa do Laboratorio de Formas, os restos do antigo complexo industrial de Ibáñez, serán declarados Ben de Interese Cultural en 1972.

 

1920-2020 | ANO ISAAC DÍAZ PARDO

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *