UNHA OUTRA VEZ, OS TEMPOS SON CHEGADOS

 Isabel Risco

Ouxetos Alleos no Ceo de Galicia (1984), grabado de Isaac Díaz Pardo

 Colección Afundación

 

Os tempos son chegados dos bardos das idades». Como tantas outras veces, este verso cheo de potencia druídica, que con outros moitos, coa mesma forza e significado libertador, compoñen unha alquimia que nos inza o peito de espírito purificador, a composición máxica que nos reafirma como pobo e do que agroma, sen filtros hibridizantes, unha cultura propia, chea de riqueza e interese; pois ben, eses tempos volven ser chegados, cómpre neste retrinco temporal, como medicina, como escudo de autoinmunidade, como apócema purificadora, que as labregas da linguaxe, os mariñeiros da plástica, as obreiras da comedia, as traballadoras das infindas melodías, e tantas outras e outros que escudriñan o mar bravo e salitroso, que sachan as fértiles terras da cultura, que esculcan o ceo dunha galaxia ilimitada de creación artística, teñan e dispoñan con liberdade das leiras, ferrados e ferrados delas, todas produtivas, na súa xusta medida, xa que así o ordena un sistema métrico propio que xorde da intelixencia popular, a máis sabia e xenerosa, que dispoñan das ondas salitrosas como as que rompen no Roncudo, nos Tres Aguillóns, na Costa da Vela, no cabo de Bares, e contra tantas outras composicións xeolóxicas que conforman un encaixe de costa potente, afouta e fartureira, que perfila un país no que principia o mesmo mar e no que a terra fica observándoo en harmonía natural, fite a fite, albiscando e enxergando as súas mensaxes cheas de lírica monumental; que poidan facer uso de fanegas inesgotábeis do material que precisen e que teñan ao seu dispor as ferramentas necesarias para moldear o tanxíbel ou o intanxíbel, o corpóreo ou incorpóreo, o espiritual ou o temporal, o orixinal por único ou o primitivo por ancestral.

Son moitas, mesmo infinitas; tal é así que se cadra collerían no espazo exterior, conformando galaxias coas súas propias constelacións, as representacións culturais, porque a cultura o é todo e está en todo, porque é sangue que se apresura polas veas do corpo colectivo, porque é a auga que fai agromar, florecer e medrar todo o orgánico e transforma o inorgánico en material que volve cobrar vida sen que cando se desbote sexa refugallo que xera toxicidade, porque é o alimento, o combustible, que fai prender e arrincar o motor do maxín, por tanto, da imaxinación, do pensamento, do entendemento, do intelecto, da argumentación, porque é apócema, remedio, menciña, fármaco para que non enferme nin o xuízo, nin o espírito, nin o corpo que os acolle, individual e colectivo. Ela, a cultura, a nosa, calquera, mais en nós e para nós, cómpre coidar e defender a que nos pertence por ser a nosa creación colectiva e que, a un tempo, e desta volta si, filtra, se enchoupa, alumea e inspira, da que vén doutros puntos xeográficos, doutras realidades nacionais, alén terra e alén mar, é terapia, cura, vacina e salvoconduto contra calquera bicharada, bacilo, xerme, material ou inmaterial, manipulado ou non en laboratorios no que as probetas e os funís son o medo, a alarma constante, e as xiringas inoculan parálise e inanición, fame inconsciente que se apouviga de xeito anfetamínico con altas doses de hertzios cargados de sensacionalismo.

Por todo iso a cultura e a arte, ambas as dúas, xorden da esencia máis pura, da artesanía, do popular, do cotiá, do oficio, do traballo, de todas e de todos nós; por iso están en todo e en todas partes, na terra, e nomeadamente no agro, ao que sempre acompaña de apelido, e no mar porque ao pescar a arte faise salitrosa, en nós e fóra de nós, na natureza e no artificial, no perceptíbel e no imperceptíbel. Polo tanto, non só é necesaria é imprescindíbel, e malia que o adverbio perda a intensidade do seu significado semántico, faise aínda máis necesaria cando a crise, tráiaa quen a traia, sexa quen sexa a entelequia que pretende subxugarnos, o medo que moitas veces mesmo pode abocar en caos, mais que se se manipula coas ferramentas da artesanía e a cultura, no seu significado máis extenso, pode transformarse en creación plástica inzada de respecto e agarimo, ese temor que procura introducir a nomeada entelequia, a que a un tempo nos fai crer que hai cousas necesarias, indispensábeis, como a cultura, que son prescindíbeis, aproveita a circunstancias para esganala un pouco máis, aperta as porcas, tensa as cordas, para intentar afogala, e non esquezamos que con ela, aló imos nós.

Neste tempos, é perceptíbel, de xeito claro, patente e palpábel, para as persoas que dun xeito ou doutro procuramos, cando menos intentamos, desenvolver algún oficio artesán, que coa colaboración da xente conseguimos botalo adiante, xa que son sempre o outro combustíbel, o aceite que mantén o motor, a paisaxe na que te inspiras. Pois ben, os nosos e as nosa conxéneres, compatriotas, o pobo, de maneira elegante e silandeira mais potente e firme, reclaman o aloumiño da cultura con insistencia e constancia, e iso é o que nos mantén en pé. Nós nos seríamos nada sen vós, e sodes vós a nosa almadía, o que nos mantén a flote, e isto, xunto coa iniciativa dalgunhas persoas que teñen responsabilidades públicas e saben e entenden das necesidades humanas, porque así tamén as senten e non teñen ningunha intención espuria de quitárnolas nin de prescindir delas, e que tamén colaboran co mantemento e coidado, coa inxección e arranque do motor da res-pública cultural, a nosa, para ofrecela tamén alén terra e alén mar, fai que a nave non afunda e con ela toda a tripulación, a que está na ponte, a que está nas máquinas e a que vai de pasaxeira.

Porén, en tempos semellantes ficou claro, ao longo da historia, que o desconcerto, a incerteza, a recesión, o medo, en definitiva a crise, que, e non debemos esquecer que estes padecementos sociais e existenciais, referíndonos á mesma existencia, seguen latexando de xeito dilatado no tempo, en moitos lugares do planeta, nomeadamente Palestina, Siria, o Sahara…, en maior ou menor medida, en moitos países do continente africano, ou do Medio Oriente etc., mais que por desgraza, e debido ao maltrato que receben a nivel tamén internacional, non temos acceso ao seu desenvolvemento cultural, así que de coñecelo como é debido teriamos exemplos contemporáneos; estas circunstancias fixeron xurdir movementos artísticos e culturais rebeldes, irreverentes, desobedientes, insubmisos, subversivos, provocadores, anovadores, experimentais, máis ou menos efémeros, que xorden da mesma loita, que cuestionan o statu quo, buscan transcender os límites do estabelecido polo sistema, do aceptado, que levan a xuízo o que nos queren transmitir, o que nos contan, a quen nolo conta. Son movementos ‘sísmicos’ de forza 8 na escala de Richter, que crearon imaxes icónicas e inesquecíbei, e cuestionaron con elas o que pretendía converter en verdades absolutas, e protestaron con elas contra as inxustizas, o caos e a falta de oportunidades e de futuro que xeraron, e que, malia que algunhas xurdiran dunha intención efémera, aí seguen como referentes; desde o váter de Duchamp, ata o Good Save the Queen dos Sex Pistols; desde Manuel Antonio e o seu Máis alá ata a negación dunha pipa de Magritte; desde A Sorpresa do Trigo de Maruxa Mallo ata A Ópera dos Tres Reás de Bertolt Brecht; desde unhas mulleres mariscando de Luis Seoane ata unha oda de longa duración ao movemento sandinista de The Clash; desde o irreverentemente hilarante dos Monty Phyton ata as Cousas da Vida des Castelao; desde a distopía ultraviolenta dunha laranxa mecánica, que de libro tornou filme, ata os Ouxetos Alleos no Ceo de Galicia de Isaac Díaz Pardo; desde unha espera interminábel a un tal Godot ata unha tractorada, porque isto tamén é unha creación artística, e poderiamos entrar nun bucle felizmente interminábel.

Pase o que pase non deixemos que pare a máquina. Non parou, por moito que o intentaron en tempos pretéritos non tan afastados, e fose onde fose ou for como for, nesa matriosca, das moitas que temos no noso país, que foron As Irmandades da Fala, que xa viñan de estar metidas noutra que as protexía, a ese grupo do que nestes días, este ano, celebramos o centenario da súa materialización en revista, o Grupo Nós, todos e todas elas, mesmo co perigo do xugo letal sobre os seus pescozos, aquí ou lonxe, non deixaron de manter o motor aceso e ninguén soltou o temón, e non houbo iceberg que afundira unha nave tan poderosa.

Viva a cultura, que está composta da mesma materia que os soños, a imaxinación, as ilusións, as esperanzas, que asenta as súas raíces ben fondo na terra e que se deixa bater polo mar, da cal nos nutrimos todas e todos NÓS, xeración tras xeración.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *