REDEIRAS E REDEIROS

 Mercedes Leobalde

Homes cosendo nas redes no porto de Sada.  Fotografía cedida por Memoria de Sada

É ben sabido que Sada é vila tradicionalmente mariñeira, tan mariñeira que ten por escudo unha barca de vela entre dúas torres. Foi noutros tempos abondosa na pesca da sardiña, especie da que chegaban a porto toneladas e toneladas, amoreadas nas cubertas das numerosas embarcacións que compoñían a frota pesqueira sadense, para logo seren vendidas na lonxa local ou na da veciña Coruña. Hoxe, o número de barcos de pesca que resisten en Sada cóntase cos dedos da man e a lonxa non está xa operativa.

Hai cousa dun ano, cando ningún virus coroado fixera entrada aínda nas nosas vidas para nos confinar, enmascarar e lembrar acotío a nosa condición mortal, tivemos o privilexio de asistir polas rúas de Sada á primeira edición do Son do Mar, espectáculo teatralizado que, emulando o formato ruta do exitoso Son d’Aldea de Palas de Rei, reproducía mediante breves e amenas escenas cheas de encanto, facetas ben diversas e suxestivas da vida sadense —e, por extensión, galega—, de tempos pasados. As escenificacións, protagonizadas por actorado maiormente afeccionado e repartidas ao longo duns quince espazos diferentes da localidade, plasmaban momentos da vida cotiá de outrora, como, por exemplo, o desacougo do emigrante retornado das Américas ao atopar a súa casa natal case derruída e a vila irrecoñecible, a parola das mociñas que se xuntan pé da fonte cando van coas súas sellas buscar a auga da que as vivendas carecían aínda, o diálogo dos e das bañistas, persoas procedentes do interior que cada ano acoden, ben sexa por terapia ou por pracer, a tomar os baños de mar en Sada; tivemos, así mesmo, a oportunidade de participar nun animado baile popular ao ritmo das voces, gaitas e pandeiretas do grupo Nova Troula, de presenciar a escenificación dunha lendaria historia de furnas e seres misterioros en Morazón, na beiramar de Fontán, ou de poxar polo peixe —desta volta imaxinario— na lonxa do porto, na que a rula, quizais xa algo «enferruxada» malia ser moderna e dixital, volveu xirar para nós.

E foi precisamente na última das escenas do Son do Mar onde soubemos, non sen sorpresa, que en Sada non existían nin existiran nunca redeiras senón redeiros, factor que constitúe de certo unha singularidade da vila con respecto ao habitual nas localidades costeiras galegas.

Porén, a profesora María do Carme Ríos Panisse matiza a afirmación anterior na súa completísima tese de doutoramento titulada Vida mariñeira de Sada, que data de 1968 e posúe un máis que notable interese tanto do punto de vista lingüístico como sociolóxico e antropolóxico. Se ben neste estudo afirma nun principio de modo tallante que as encargadas de facer a rede en Sada eran as redeiras, ao analizar máis polo miúdo o día a día destas redeiras a partir do testemuño das persoas que lle serviron como informadoras (en particular da redeira Felisa Martínez, que contaba daquela 82 anos —nacera, por tanto, en 1886—), Ríos Panisse apunta o seguinte: as redeiras comezaban a traballar sendo moi novas e dedicábanse a arranxar avarías; íanas buscar ás casas para levalas ata as praias onde estaban os aparellos; seica cobraban aló polo ano 1908 un peso diario (isto é, cinco pesetas) e mais a comida, e desde Sada adoitaban desprazarse a lugares como Pontedeume, Betanzos ou Miño para faceren o seu traballo. Eran estas, por tanto, redeiras itinerantes. Aínda así, en ningún momento desmente a estudosa a súa afirmación inicial sobre o traballo real das redeiras (tamén) en Sada nin menciona a existencia de redeiros na época, omisión que resulta, como pouco, desconcertante.

Se o descrito por Ríos Panisse se correspondía coa realidade —e nada fai sospeitar o contrario dado o rigor do estudo— e as redeiras de Sada exercían o seu labor de reparación antigamente tanto nas vilas veciñas como na súa propia, algo mudou nos anos seguintes, ou iso parece indicar a existencia de fotos antigas con grupos de redeiros varóns, así como a flagrante ausencia de mulleres nelas. Algunhas destas imaxes pódense contemplar na web www.memoriadesada.com: unha delas, de 1972 (e vai xa case medio século disto), mostra un mariñeiro de pé repasando unha rede mentres un compañeiro terma dela polo outro lado; outra, de data descoñecida, plasma un grupo de pescadores no peirao, varios deles de pé e outros sentados reparando nas redes; nunha terceira, titulada «Mariñeiro cosendo as redes no porto de Sada (1993)» apúntase que con frecuencia se podían ver no porto mariñeiros reparando algunha avaría nas redes ou armando un novo aparello e que a foto fora tomada no «galpón dos redeiros», construído para que estes puidesen traballar a cuberto. Tanto a denominación «galpón dos redeiros» como a ausencia de testemuños gráficos e de alusións a muller ningunha apuntan na dirección da inexistencia de redeiras na vila.

Pero será isto proba concluínte de que as únicas redeiras que houbo en Sada traballaban de sempre só «para fóra» (parcialmente en contra do recollido por Ríos Panisse na súa tese), e nunca no peirao da localidade onde vivían? E nese caso, cal podería ser a causa de tal «anomalía»?

Preguntado sobre esta cuestión, o historiador sadense Manuel Pérez Lorenzo confirma que polo menos ao longo do século XX apenas existiron redeiras que exercesen a súa profesión en Sada (si as houbo itinerantes, das que aínda hoxe queda alguna, engade) e que se algunha houbo foi excepción. Basea esta afirmación nos testemuños fotográficos conservados, mais tamén na memoria de xente anciá de Sada coa que ten conversado sobre o tema, persoas que hoxe andarían por riba dos 90 anos e que lembraban seren de sempre os homes os que aquí cosían. Existe constancia, apunta Pérez Lorenzo, dalgunha redeira profesional vinda de fóra, pero moito máis numerosos eran os homes; e puntualiza por último que, á diferenza do que acontecía no caso delas, os varóns non tiñan as redes por único oficio, senón que eran mariñeiros, ou mariñeiros retirados, que, a maiores, cosían.

Tirando deste atraente fío da redeira «venidera» que cosía redes en Sada (algo que semella por completo inusual), atopamos a súa historia nun artigo incluído no Libro das Festas de 2007 editado polo Concello de Sada. Trátase dun texto sen sinatura, anónimo pois, e centrado na figura de Hilda Vázquez Calviño, nada en Caión 75 anos atrás e casada cun mariñeiro tamén caionés pero asentado en Sada. Filla así mesmo de mariñeiro, Hilda aprendeu o oficio do seu pai e das redeiras da lonxa da súa vila de orixe. Salienta o artigo que, se ben noutras localidades eran as mulleres as que cosían as redes, en Sada facíano os homes ao regresaren do mar. Con todo e con iso, a «venidera» Hilda cosía con rapidez e eficacia, e, a pesar de que abandonara a profesión de redeira tras casar para se dedicar ao coidado da casa e dos fillos, á morte do seu home, cando precisou retomala, non tardou en conseguir traballo. Ataba nas redes á intemperie, con sol ou choiva, e disque coseu tantos e tantos metros que chegarían ata A Coruña ou máis lonxe, grazas ao cal puido gañar ben a vida. Seica cando lle dicían que era a mellor redeira de Sada respondía con certa retranca: «A mellor e a peor, porque son a única».

Cosendo nas redes no porto de Sada.  Fotografía cedida por Memoria de Sada

Narra ese mesmo artigo como Hilda nesa altura (2007, lembremos) adoitaba ir aínda coser as redes á lonxa do Muro na Coruña sentada no seu talliño baixo un parasol, e que lamentaba con pesar que o oficio de redeira estivese a desaparecer.

En relación con isto cabe mencionar que a Federación Galega de Redeiras Artesás «O Peirao» vén impartindo nos últimos anos cursos de formación para futuras redeiras que suplirían a máis que previsible carencia destas profesionais a non moi longo prazo, carencia á que cómpre desde xa poner remedio se pretendemos seguir a comer peixe do noso… Pensemos que por máis que o labor das redeiras estivese invisibilizado e por moito que históricamente se teña minimizado a súa importancia (como o de calquera levado a cabo por mulleres), cómpre insistir en que o seu traballo foi, é e será absolutamente fundamental para o sector, pois semella una verdade de pé de banco, pero sen redes, e sen persoas que as tezan e reparen, obviamente, toda actividade pesqueira sería inviable.

Tamén en Sada se imparten desde hai un tempo cursos para redeir@s (parece que con gran demanda, por certo), procurando na recuperación de oficios tradicionais unha vía de saída laboral fronte á crise económica. Isto permítenos aventurar que se nun futuro de maior lucidez a nosa vila deixase de lle dar as costas ao mar que a baña e retornase a unha explotación racional da enorme riqueza de recursos que o litoral pode reportarlle (máis alá da xa innegable, produto sobre todo do turismo), coa conseguinte revitalización do seu sector pesqueiro e mesmo do industrial derivado: (acuícola, conserveiro etc.), quizais os nosos ollos do século XXI volvesen ver mulleres armando redes no peirao de Sada. Sería precioso. Cando menos, non o descartemos.

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *