Os crimes de Osedo. Sucesos que conmocionaron á parroquia no albor do século XX

 Manuel Pérez Lorenzo

D. Pedro Rivas, rico propietario de Osedo (Coruña), ha disparado contra un mozo del citado pueblo tres tiros a boca de jarro.

Según parece, al Sr. Rivas le molestó el que dentro de la parroquia no dejaran a su señora que se sentara en el presbiterio […].

El Globo, 27/03/1904

En la parroquia de Osedo, Ayuntamiento de Sada, ha sido asesinado el rico propietario D. Ramón Rivas, cuyo cadáver, horriblemente mutilado, presentaba, además de infinidad de heridas en el cuerpo, una terrible cuchillada en el cuello que casi le separaba la cabeza […].

El Heraldo de Madrid, 30/05/1906

Dous anos separan os terribles acontecementos que recollen estas notas. Dous momentos nos que o foco da prensa recaeu sobre a parroquia de Osedo e sobre unha veciñanza consternada. Ese «lindo vergel», «ese precioso conjunto / en que junto / se vé cuanto Dios creó», ao que cantara a poeta Emilia Calé nos seus versos, tinguíase de sangue, de rancor, de misterio.

San Xián de Osedo era daquela unha parroquia eminentemente agraria, atravesada pola estrada que unía a capital municipal, a vila de Sada, coa cidade da Coruña. As súas condicións naturais e a proximidade con ambos núcleos convertérana en destino estival de varias familias da aristocracia e da burguesía da comarca, algunhas con casa grande de seu, herdada de devanceiros orixinarios destas terras. Os Arias Calviño e Castro Arias, de la Encina, Calé… convivían con familias locais que prosperaran economicamente e coas que compartían ocio e tecían estreitos lazos. 
A de Ramón Rivas era unha delas. Servinte cando mozo na casa dos de la Encina, sería designado administrador das súas voluminosas propiedades na contorna, o que o conduciría a unha situación máis desafogada. Andando o tempo, cando xa era un labrego acomodado, casaría ao seu fillo Pedro cunha descendente dos antigos señores, Adela Calé. Por aquel entón, e segundo recollería a prensa, os «azares de la suerte» minguaran o poderío económico da vella familia fidalga, «cuyo arraigo y predominio antes induscutible en la parroquia, fue desvaneciéndose poco a poco». Co novo matrimonio, os Rivas achegaban liquidez e os Calé, herdeiros de antigos Sanjurjos e Patiños, proporcionaban a distinción propia da liñaxe1. 
Pois ben, a defensa dos privilexios propios da condición fidalga estaría nas causas do primeiro dos crimes que nos ocupan. Vellas prebendas que, no nacemento do novo século, a veciñanza comeza a non entender. Actitudes confrontadas que, no ano 1904, rematarán en traxedia. 
PRIMEIRO CRIME: A HONRA DEFENDIDA A TIROS
A noite do 24 de marzo, como de cotío, varios homes conversan na taberna de Eduardo Lata. Un deles é o propio Pedro Rivas, quen, logo de observar a un rapaz que pasa cantando pola estrada, sae á rúa e esíxelle que prosiga o seu camiño en silencio. O mozo, amedrentado, obedece, mais aparece entón o seu irmán, Esteban Casal. Molesto polo acontecido, pregunta a Rivas a razón pola que non lle permite cantar ao rapaz. A continuación, pídelle ao irmán que marche, pero que o faga cantando: «A los pocos pasos lanzó al viento a todo pulmón, a boca llena, una copla gallega»2. 
O que acontece a continuación é confuso. Rivas, alporizado, abalánzase sobre Casal, comezando unha pelexa que vai rematar cando o primeiro descargue cinco disparos contra o segundo. Un deles, con orificio de entrada por un ollo, irá a parar ao interior do cranio do infortunado mozo, que fica agonizante tendido no chan mentres Rivas foxe. 
De onde provén tanta xenreira? O comezo desta historia, de amargo final, retrotráenos no tempo trescentos anos. A finais do século XVII o fidalgo Lorenzo Pardo Patiño, antepasado dos Calé, obtivera un privilexio por axudar economicamente á reconstrución da igrexa parroquial. A súa familia disporía, desde entón, dunha tarima no templo para o seu uso exclusivo durante as cerimonias, o que suscitou certas controversias entre a veciñanza resoltas por sentencia eclesiástica no ano 17033. 
Douscentos anos máis tarde, facendo valer a distinción coa que foran premiados os seus nobres antepasados, Adela Calé esixía ao párroco a colocación dunha varanda que delimitase esa tarima, ese espazo exclusivo, naquela altura, para as familias Rivas-Calé e de la Encina-Rivadulla, descendentes do dadivoso don Lorenzo. Renacía o vello conflito, nesta ocasión coa oposición do sacerdote, que remataría por tapiar a porta lateral que daba acceso a ese espazo reservado. Segundo recollía a prensa, «no anduvo remiso en pronunciar desde el altar […] arengas semisocialistas, pintando con vivos colores a los pobres feligreses lo irritante de algunas desigualdades humanas»4. 
A varanda, obxecto de ataques e estragos en varias ocasións, sería finalmente retirada, mais a familia Rivas Calé non renunciaría ao seu vello privilexio. Colocaríase unha alfombra no presbiterio os días nos que a familia asistise ao templo. Mais non só iso: «como la alfombra fuese poco, no ya por lo que respecta a la distinción, sino por lo que se refiere a la comodidad apetecida, se solicitó del párroco la admisión de un sofá en el mismo sagrado recinto»5. 
En previsión do malestar que o novo moble podería ocasionar, estableceuse que calquera podería sentar nel se se anticipaba aos antigos ocupantes da tarima. Porén, ao comezo de cada misa, chegasen ou non en primeiro lugar, eran eles os que sentaban no sofá. Malia a indignación, ninguén «osaba acomodarse en el mullido asiento, ni mucho menos poner los sucios zuecos sobre la flamante alfombra». Porén, si proliferarían as mofas contra a familia, como expresión de malestar ante o que unha parte dos fregueses consideraba inxusto e anacrónico. Os mozos de Osedo acudían á igrexa con abanicos e mesmo con «peinetas» para facer escarnio das señoras, o que exasperaba a Pedro Rivas: «pullas, cantares picarescos y alusivos, burlas y provocaciones eran el pan cuotidiano para él y para los suyos»6. 
Esta tensión acadou o seu cénit unha mañá de misa, cando catro ou cinco mozos decidiron ocupar o sofá, facendo valer a norma non escrita de que o asento sería para o primeiro en chegar. A propietaria, ao entrar na igrexa e observar a situación, convidou aos ocupantes a abandonar o lugar que a ela lle correspondía, ao que responderon con novas burlas. Finalmente, foi ela quen marchou do templo, dando conta ao seu marido do incidente. Os acontecementos que seguen xa os coñecemos: Esteban Casal era un dos mozos que, naquela mañá de marzo, cometeran unha afronta que desafiaba a orde social establecida. 
Nos días posteriores, o «Crimen de Osedo» captaría a atención da prensa, con informacións variables acerca dos feitos. La Voz de Galicia matizaba a primeira versión afirmando que «aún no ha llegado a puntualizarse bien, oficialmente, como ocurrió». Mentres algunhas persoas entrevistadas ratificaban o relato dun Rivas que, alporizado, respondía a tiros o agravio de Casal, outras dicían que «D. Pedro se vio acometido no solo por Casal sino por otros cuatro amigos suyos» e mesmo afirmaban «que hubo unha de paus tremenda». Tamén se pretendía atenuar a súa culpabilidade achacando a súa reacción ao «sarcasmo cruel» do que de cotío era vítima. Unha situación que «explica buenamente la indignación de que debía hallarse poseído el agresor»7. En todo caso, nos días seguintes, mentres Casal loitaba case milagrosamente coa morte, Rivas seguía en paradoiro descoñecido e era posto en busca e captura. Si eran detidos o taberneiro e varias testemuñas, agardando o esclarecemento dos feitos. 
Como concluiría esta historia? Con Rivas finalmente xulgado e absolto, alegando defensa propia. Mais cunha ensinanza para o futuro da que advertía a prensa:


Hay privilegios que aun resultando justificados producen evidente extorsión en los tiempos que corremos.


Tomen ejemplo del presente hecho los que truenan contra la mansedumbre de los pueblos rurales y les niegan arrestos para dar por tierra con lo que juzgan atentatorio a sus derechos.8

 

segundo crime: o misterioso asasinato de Ramón Rivas

 

Non vai transcorrer moito tempo ata que novos acontecementos sacudan á parroquia. Apenas un ano despois do altercado, en xullo de 1905, un grupo de persoas disparaban contra a casa reitoral, apedrábana e, acto seguido, asaltábana, causando desfeitas no seu interior e prendéndolle lume9. Vivíanse, novamente, momentos de tensión, mais nada comparado co que estaba por vir. Transcorrido outro ano, un crime estarrecedor reavivaría as pantasmas de 1904.

Neste caso, o protagonista era o vello Ramón Rivas. Aos seus case oitenta anos, cun vigor físico envexable, era unha das persoas máis coñecidas da parroquia. O 28 de maio, despois de pasar o día na Coruña supervisando unhas obras, regresaba a Osedo no coche de cabalos. Era día de festa, a festa das Flores, e non quería perder a misa da tarde. Porén, despois dunha visita ao alcalde de barrio, desapareceu sen volver a ser visto. Tras unha pormenorizada procura, os seus fillos –entre eles Pedro Rivas– advertían un rastro de sangue na parte traseira da súa casa. Só terían que seguilo para toparse cun macabro escenario. Alí estaba, medio afundido nun regato, o corpo sen vida do ancián. A imaxe non podería ser máis horrenda:

 

Cuando se trató de levantar el cadáver, el terror heló a los cinco hombres. El anciano estaba materialmente cubierto de heridas. La cabeza, casi totalmente seccionada […].

Una inmensa carnicería; un ensañamiento brutal y repugnante; un colmo de ferocidad. Tan desfigurado estaba el anciano, que casi se hacía imposible reconocerle.10

 

Axiña circulou a nova, así como a constatación dun feito: o móbil non fora o roubo. O asasinato obedecía a outras motivacións. «Aquel pacífico vecindario está abatido, consternado por el horrendo crimen», exclamaba a prensa, que dedicaría durante días pormenorizadas crónicas ao que, de novo, volveu a ser bautizado como «El crimen de Osedo». O dramático suceso ocupaba titulares nos principais diarios do Estado11. Quen matou a Ramón Rivas? Con que finalidade? Como sucederon os feitos? As preguntas estaban no aire e a veciñanza, a Garda Civil e os xornalistas procuraban respostas. Sucedíanse os rexistros, as declaracións e as detencións de sospeitosos.

Gravados publicados pola prensa para acompañara crónica na que se daba conta do asasinato de Ramón Rivas. Un retrato

do ancián  e unha representación do escenario do crime

La Voz de Galicia, 30/05/1906

 

Desde o primeiro día, os xornais comezaban a vincular o crime cos procedementos que levaran ao ancián a facer fortuna:

 

Tenía el finado un capital inmenso […]. Y eso que no ha salido para nada de Osedo.

Prestando a réditos crecidos, haciéndose dueño poco a poco –siempre sin ruido y sin pleitos– de grandes porciones de tierra, reunió aquella suma, en verdad enorme para un labriego.

Esto le había proporcionado enemigos. Entre ellos están, sin duda, los mataderos.12

 

El Imparcial era máis explícito, ao afirmar que Rivas se fixera con numerosas fincas «a cambio de préstamos por él hechos»13, mentres que El Noroeste sinalaba os «préstamos hechos a un interés exorbitante» como causa das «enemistades que el interfecto había ido acumulando entre las gentes de aquella comarca»14. Estas primeiras informacións suscitaban unha carta dos fillos e do xenro da vítima. Protestaban polo feito de que a prensa puxese en tela de xuízo «el apellido honrado que con orgullo ostentamos como legado del que supo ser buen padre y excelente ciudadano», ao tempo que ofrecían unha recompensa de 5000 pesetas a quen denunciase aos asasinos15.

Tamén se especulaba na prensa acerca da artimaña empregada polos agresores para conseguir que a vítima saíse da súa casa a unha hora á que, habitualmente, se atopaba xa retirado:

 

Los que conocían al interfecto aseguran que éste, a pesar de sus setenta y tantos años, por cierto arrogantemente llevados, era aficionado a los galanteos con éxito, y sólo a esto atribuyen que la noche hubiera logrado sorprenderlo en el sitio en que le prepararon la emboscada […].

Todo parece indicar que el viejo Rivas fue engañado […]; quizá y sin quizá sirvió de cebo o de pretexto una cita amorosa para atraerlo. Lo que falta averiguar es quien ha sido la mujer que ha mediado en el asunto.

[…] Búscase ahora a una muchacha de aquellos contornos, a la que el Sr. Rivas galanteaba con frecuente insistencia, pues se presume que esto puede contribuir al esclarecimiento del crimen y de sus autores.

[…] Hay indicios de que al interfecto no le era indiferente la criada de su hijo Pedro […]. Esto hace que recaigan algunas sospechas sobre la citada sirviente.16

 

Ter sido obxecto dos galanteos do ancián convertía a calquera muller en posible cómplice. De feito, nos primeiros días de xuño eran detidas varias sospeitosas, canda a dous mozos de Betanzos e varios veciños de Mosteirón e Osedo. Entre eles, de novo, o taberneiro Eduardo Lata, en virtude dunhas manchas nun pantalón, nun puñal e nunha navalla de barbear. Porén, a cada paso semellaba cobrar forza a idea de que o asasinato non era obra individual nin viña motivado por un conflito persoal. Había algo máis. O día 4, o xefe da Garda Civil recibía unha carta asinada por «El autor de la muerte» na que aconsellaba o cese das pescudas e advertía que resultarían infrutuosas. Pero ía mais alá, ao manifestar que Manifiesta «si cometió el delito, fue para librar a los honrados vecinos de Osedo de un vil y temible usurero causante de la miseria de muchos hogares». Remataba cun anuncio moi preocupante: «igual suerte que al Sr. Rivas les tiene deparada al cura de Sada D. Eduardo López Vidal, y a D. César Sánchez y D. Valentín Puente, de Betanzos»17.

A esta misiva non se lle daría demasiada credibilidade, se ben sementaría serias dúbidas acerca da natureza do crime. E motivaría, desde logo, a inquedanza dos demais ameazados, todos eles recoñecidas figuras políticas con cadansúa rede clientelar en ambas as localidades. O certo é que o asasinato de Osedo coincide co inicio dun tempo de intensa conflitividade nas Mariñas, con recorrentes episodios violentos de trasfondo político, se ben nunca con tan drástico resultado.

A morte de Ramón Rivas quedaría sen dilucidar, nun tempo no que os medios para a investigación policial eran tremendamente rudimentarios. Tras case tres meses en prisión, o taberneiro Lata sería posto en liberdade ao comprobar, nun laboratorio madrileño, que as manchas polas que fora acusado non eran de sangue18. Non se coñecían probas firmes contra ninguén. Malia ás especulacións da prensa, as incógnitas, xa nunca desveladas, superaban con moito ás certezas.

 

Uns sucesos non tan excepcionais

 

A ollos dos nosos días, os sucesos que conmocionaron á veciñanza de Osedo hai case 120 anos poden semellar máis extraordinarios do que realmente foron. Con toda a súa gravidade e as súas dramáticas consecuencias, nomeadamente no segundo dos crimes, encaixan nun contexto histórico no que se convivía cun alto nivel de violencia. Basta con percorrer a hemeroteca daqueles anos para comprobalo19. En 1892, un mariñeiro de Sada fería de gravidade a outro, cravándolle un puñal preto do corazón, molesto por non ter tanta sorte no seu oficio como o agredido. Nese mesmo ano, un home de Samoedo morría nun tumulto na rúa logo de recibir un golpe na cabeza e uns meses despois era asasinado un neno de 13 anos, fillo do xuíz José Gayoso, como vinganza por antigas desavinzas entre familias. En 1895 aparecía o cadáver degolado dun mozo nas ruínas do castelo de Fontán e o correspondente de La Voz de Galicia comparaba o suceso con outros que «con harta frecuencia vienen cometiéndose en este hermoso país». En 1898, unha familia mataba a paus a un demente e enterraba o cadáver na horta ao confundilo cunha pantasma, e un ano máis tarde investigábase a morte da adiñeirada anciá Manuela Agra en Meirás, en circunstancias estrañas.

A chegada do novo século non mudaría este panorama. En 1902, a romaría do Espírito Santo convertíase nunha batalla campal entre mozos de diferentes parroquias que deixaba un saldo de 60 feridos, algúns de gravidade. Tamén era unha pelexa entre veciños de diferentes lugares, neste caso os de Samoedo contra os de Soñeiro, a que concluía cun morto nun baile en Seixeda. Nos anos seguintes, aos crimes de Osedo sumábanse outros sucesos de diversa natureza: un ancián aparecía morto nun regato de Soñeiro, outro falecía en Osedo atropellado por un home a cabalo, sospeitándose da intencionalidade do incidente; en Carnoedo, un mozo mataba a outro dun disparo motivado por un conflito amoroso e as rivalidades políticas, levadas ao extremo, relacionábanse coa morte da muller do exalcalde José Patiño, a quen un médico negárase a atender.

Tampouco é que Sada fose a excepción. Os sucesos de Osedo conviviron nas páxinas da prensa diaria con outros de características similares. De feito, os xornais prestaban especial atención a este tipo de noticias, tecendo relatos minuciosos dos feitos, describindo con todo detalle os escenarios dos crimes e especulando acerca do acontecido. Prácticas que hoxe nos parecerían de todo punto improcedentes, como as explicacións prolixas das lesións, con especial atención aos aspectos máis sórdidos e macabros, ou a publicación en letra impresa dos nomes de persoas sobre as que recaían sospeitas, fundadas ou non, eran parte substancial das extensas crónicas dedicadas a este tipo de sucesos. E o certo é que eran informacións demandadas: «De lo intensa que fue la impresión producida en el público por el crimen, da idea la enorme demanda de ejemplares del periódico, hasta el punto de haberse agotado dos ediciones»20.

Os crimes de Osedo non teñen relevancia histórica pola súa singularidade. Todo o contrario. A súa análise pode resultar de interese porque reflicten aspectos moi propios do tempo no que aconteceron: estruturas e relacións sociais en proceso de cambio, formas de reaccionar ante o que se considera inxusto, conflitos veciñais e persoais nos que median altas doses de violencia… Ecos dun pasado que, de cotío, ollamos con filtros demasiado idealizadores.

 

Na imaxe superior: A igrexa parroquial de Osedo, escenario do conflito que suscitou o crime de 1904. Nesta imaxe, a casa de Ramón Rivas, escenario do crime de 1906

Fotografías do autor

 


1
La Voz de Galicia, 26/03/1904.

2 Id.

3 La Voz de Galicia, 27/03/1904; El Noroeste, 27/03/1904.

4 La Voz de Galicia, 27/03/1904.

5 La Voz de Galicia, 26/03/1904.

6 La Voz de Galicia, 27/03/1904.

7 Id.

8 Id.

9 El Regional, 06/07/1905.

10 La Voz de Galicia, 30/05/1906.

11 El Heraldo de Madrid, 30/05/1906; El Imparcial, 31/05/1906; La Época, 31/05/1906; Los Sucesos, 09/06/1906.

12 La Voz de Galicia, 30/05/1906.

13 El Imparcial, 31/05/1906.

14 El Noroeste, 31/05/1906.

15 La Voz de Galicia, 31/05/1906.

16 El Noroeste, 31/05/1906.

17 La Correspondencia Gallega, 01/06/1906.

18 La Voz de Galicia, 22/08/1906.

19 Las Mariñas, 30/10/1892; Las Mariñas, 23/10/1892; Iberia, 07/04/1893; La Voz de Galicia, 09/07/1895; El Imparcial, 14/10/1898; La Voz de Galicia, 24/03/1899; El Imparcial, 22/05/1902; El Noroeste, 11/08/1903; La Voz de Galicia, 07/06/1906; El Noroeste, 29/08/1907; El Noroeste, 24/06/1908; El Noroeste, 01/06/1910.

20 La Voz de Galicia, 31/05/1906.

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *