ISAAC DÍAZ PARDO, MANANCIAL DE HUMILDADE E XENEROSIDADE

Loli Beloso Neira

Deseño de Isaac Díaz Pardo

Capa do libro de Begoña Soneira Unha ollada ó Laboratorio de Formas ós 44 anos da súa creación. Sada: Ediciós do Castro, 2007.

Foi un 22 de agosto de 1920 cando espertou á vida Isaac Díaz Pardo, un neno que dende que tivo uso de razón dedicou a súa vida a Galicia e aos demais. Sendo moi pequeno, amosou unha gran capacidade de observación. Tiña curiosidade por saber. Por aprender. Medrou en Santiago de Compostela entre pinceis e pinturas xa que o seu pai era o excelente artista, Camilo Díaz Baliño, escenógrafo, pintor, cartelista, tallista… marabillosa persoa, comprometido con todo o que fai ben. Neste eido, con semellante mestre Isaac adquiriu unha formación fantástica que o levou a facer unha obra cultural e humana para todos e todas impagable.

De mozo, cunha beca da Deputación da Coruña, ingresa na Escola de Belas Artes de San Fernando en Madrid. No 1945 era considerado un dos mellores pintores de España; pero el non estaba satisfeito co que facía. Sentíase preso facendo retratos aos señores e señoras dunha burguesía nada comprometida coas causas xustas. De sempre dicía: «hai que axudar aos que están abaixo, xa que os que están arriba non o precisan». Que gran verdade!

Deixa o cabalete coa idea de sacar adiante unha fábrica de porcelanas no Castro, Cerámicas do Castro (A Coruña). Para elo, contou cunha grande axudante, refírome a súa inseparable metade, a súa fiel compañeira que estivo ao seu carón nos bos e malos momentos, Carmen Arias (Mimina), xenial artista, quen aportou o seu inxenio e talento na arte dos decorados. Foi a creadora das xoias de Sargadelos. Foi unha peza clave en todo canto fixo o noso «Leonardo da Vinci» galego. Con moito sacrificio saíron para adiante eles dous sen axuda de ninguén. Só co seu agarimo e compromiso coa terra que os veu nacer, levando a cabo un imperio empresarial onde a cultura e a historia de Galicia era o xermolo. Este emprendemento, tal coma eles fixeron, é único no mundo e os galegos debemos estarlles agradecidos eternamente e saber valorar o seu traballo. Todo un luxo que lle deu unha gran categoría a nosa terra, espallando a nosas raíces e a arte ceramista galega, para deste xeito situar a identidade de Galicia no mundo.

No 1956, a petición dos exiliados, Isaac viaxa a Arxentina para facer a fábrica de porcelanas Celtia na cidade de Magdalena, movido polo seu bondadoso corazón pois máis que construir esta industria o que lle interesaba era recuperar o exilio. Co tempo trouxo aos nosos intelectuais: Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Blanco Amor, Neira Vilas…a todos amparounos económica e moralmente. Con el ninguén se sentía desamparado. Con el ninguén ía á deriva. Tiña un corazón tan grande, tan grande que non lle cabía no peito do bo que era.

Neste proxecto das Américas, onde Isaac perfeccionouse na arte da cerámica contou coa valiosa axuda de Fernando Arranz, un dos mellores ceramistas do mundo para el.

Baixo o teito de Celtia (a fábrica do exilio) Luís Seoane e Díaz Pardo crean o Laboratorio de Formas, do que saíron proxectos interesantísimos para sacar a Galicia da miseria en todos os eidos na que estaba afogada. O primeiro que botaron a andar foi Ediciós do Castro, para iso a Mimina non lle quedou outra máis que vender uns cadros do seu  home. Nesta editorial recuperouse a memoria histórica de Galicia. Aquí moitos escritores facían realidade o seu soño: publicar un libro, xa que Isaac lle editaba a todos e a todas.


Asemade o IGI (Instituto Galego de Información) gran edificio en San Marcos, Santiago de Compostela. Era o motor de Sargadelos de onde saían os deseños que sacaban adiante. Tamén facían traballos de investigación que logo publicaban en Ediciós do Castro.

O Museo Carlos Maside que se inaugura no Castro no 1970 e que recollía a obra e documentación do movemento renovador da arte galega (Colmeiro, Maruja Mallo, Asorey, Maside, Luís Seoane, Díaz Pardo…). A recuperación de Sargadelos, fábrica de louza que funcionou no 1800 onde se fabricaba louza ao estilo inglés. A este chamabánlle «o vello Sargadelos» e ao deles «o novo Sargadelos». Aquí creaban deseños galegos e como sinal de identificación a cor azul cobalto. Cada peza contén unha historia da nosa terra.

Dicía Luís Seoane: «Imos conseguir que os galegos coñezan a historia de Galicia mercando cacharriños. Imos enriquecer ao mundo coa nosa diferencia». «Son pezas con coñecemento», confirmaba Rafael Dieste.

Estas empresas que fabricaban cultura da boa, ademais de dar pan a cantidade de familias que funcionaron durante 60 anos da man de Isaac, foron coma unha regalía para o noso país. «Os egoísmos cando entran nas persoas estrágase todo», a miúdo comentaba Isaac. E que razón tiña! No 2006 a este xenio universal en todo, pero sobre todo en humanidade e xenerosidade, ocorreulle algo que xamais debeu acontecer e que vai pasar á historia de Galicia como unha terrible traxedia: algúns movidos pola cobiza arrincáronlle a obra de toda a súa vida, deixándoo arruinado económica e moralmente, cousa coa que el nunca contou pois os que lle fixeron este mal foran amigos aos que el axudara tempos atrás… en fin os que maltrataron a Isaac maltrataron a Galicia feríndoa de morte. 

Cómpre ollar esta árbore de Isaac onde reflicte todos os seus proxectos ateigados de compromiso social co pobo galego.

Con motivo do primeiro aniversario do pasamento de Isaac, escribín esta carta publicada no Faro de Vigo e que agora desexo compartir con todos os amigos e amigas da exemplar Asociación Irmáns Suárez Picallo a cal lle estou moi agradecida por convidarme a escribir estas palabras para a súa modélica revista.

ISAAC É GALICIA
O pasado 5 de xaneiro fixo un ano que Isaac Díaz Pardo emprendeu unha viaxe moi importante; a máis importante da súa vida. Antes de partir preparou con tenrura e tino dúas equipaxes: unha para deixar e outra para levar con el nesa viaxe sen retorno. Nelas ían cousas que ao longo da súa vida sementou con tanto agarimo e entusiasmo como foi a súa marabillosa labor cultural e humana repleta de lealdade, respecto, amor… e máis cousas que só fan ben. Dentro del só había bondade.

Isaac foise rindo coa conciencia limpa, tranquila, embargada dunha paz tan plena que os seus ollos relucían como aquela estreliña que un día seu pai prendeu na súa cabeza cando era pequeno. A súa ledicia debíase tamén a que nos últimos anos deuse conta de quen o quería de verdade e conseguiu algo moi difícil de acadar como foi quitar a careta que durante anos e anos levaron algúns que se amosaron como seus amigos, e como el xamais se rendía, malia o que poidan pensar moitos, saíu vitorioso nesa dura batalla, sabendo o que agochaban esas máscaras que nunca deberon existir, xa que nin el nin Galicia o merecían, e como o nome de Isaac en lingua hebrea significa «o que fai rir», lembrándoo rímonos a gargalladas vendo a eses desenmascarados que co seu facer sementan medo, bágoas… cousas cheas de carraxe, que dan unha dorrr! Converténdose en escravos de si mesmos polo que agora andan coa cabeza gacha xa que as súas conciencias están enfermas de cobiza, sen liberdade no seu camiñar cara a esa viaxe sen retorno do que nin eles nin ninguén de nós podemos escapar, polo que nos decatamos de que os egoísmos e a maldade nunca nos levan a bo fin. Como dicía a miña avoa María: «A vida mesma pon a cada quen no seu lugar».

Isaac é unha regalía para todos nós. Defendamos o que el nos amosou. Por todo infinitas grazas Isaac. Es o orgullo da nosa terra. Querémoste tanto.

Dada a fonda pegada que a obra humana de Isaac deixou en min e co desexo de que a súa figura non morra e sexa coñecida polas xeracións futuras, decidín doar integramente os beneficios acadados das vendas dos meus libros, xoias e bolsos engalanados con anacos de pratos feitos en Celtia, fábrica do exilio, á investigación do cancro a través da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica cuxo director é o doutor Ángel Carracedo… En fin! Díaz Pardo segue axudando incluso aos que lle fixeron mal pois a investigación é un ben para todos. Todo o que fago é por el e pola súa dona. Eles son os meus guías!

1920-2020 | ANO ISAAC DÍAZ PARDO

 



Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *