EXPOSICIÓN “AS MIRADAS DE ISAAC”. CENTENARIO DE ISAAC DÍAZ PARDO. Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura

Xosé Díaz Arias de Castro

Autorretrato de Isaac Díaz Pardo.      Imaxe cedida por Xosé Díaz

           


A exposición «As miradas de Isaac», proxectada polos seus fillos Camilo e Xosé Díaz Arias para conmemorar o centenario do seu nacemento, ideouse para comunicar a desbordante personalidade deste polifacético creador, sempre desde unha visión integradora e unha firme defensa dos valores máis auténticos de Galicia, aos que se entregou sen descanso ao longo da súa fértil existencia. A exposición tiña previsto a súa inauguración para o vindeiro 26 de xuño, mais debido á crise do coronavirus que estamos a padecer, verase adiada a unha data posterior.

Para aproximármonos ao seu singular e complexo universo, dividiuse a mostra en dez apartados que analizarán e divulgarán ao home e a súa obra: a importancia do pai –Camilo Díaz Baliño– no desenvolvemento da súa personalidade; a infancia e mocidade compostelá; a faceta de pintor, que deixou unha profunda pegada en todas as súas realizacións; o seu contacto co exilio e o seu compromiso pola recuperación da memoria histórica; o labor como escritor; os emprendementos empresariais, con Sargadelos como buque-insignia das súas realizacións industriais; as iniciativas culturais e investigadoras, entre as que cabe destacar o Seminario de Sargadelos ou o Instituto de Galego de Información; o deseñador industrial que proxectou máquinas, porcelanas, mobles ou edificios; o editor incansable da memoria histórica; e finalmente o recuperador –con Luis Seoane– da vangarda artística galega anterior á Guerra Civil coa posta en marcha do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside. En fin, unha exposición que pretende lembrar a un personaxe irrepetible que abordou múltiples disciplinas, tanto as relativas ao mundo da arte, como ás do intelecto, ás técnicas ou ás industriais, e sacou adiante importantes iniciativas que acadaron un salientable papel no conxunto da cultura galega do século XX. Unha mostra que procura, ademais, expresar a excelencia humana de Díaz Pardo, posiblemente o personaxe máis homenaxeado, admirado e querido da historia recente de Galicia.

A exposición contará cun espazo audiovisual central que vertebrará as súas diferentes seccións, creado por Cecilia Díaz e Jordi Cussó, e no que a través de fragmentos de entrevistas de arquivo se irá desgranando o pensamento de Isaac Díaz Pardo sobre diversos aspectos relacionados coa súa azarosa vida e o seu compromiso con Galicia.

Por outra banda, presentarase coincidindo coa exposición unha páxina web sobre a vida e obra de Isaac Díaz Pardo, coordinada por María América Díaz. Durante a mostra estará vinculada á páxina web da Fundación Cidade da Cultura e, con vocación de continuidade, unha vez clausurada a exposición, pasará a aloxarse en www.cultura.gal.

 

1920-2020 | ANO ISAAC DÍAZ PARDO

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *