ALÉN DA DECADA PRODIXIOSA

Manuel Lugrís Rodríguez

Cartaz do primeiro festival de Woodstock
Hai cincuenta anos. Trifrase que se repite coma eco viral nestes días de barafunda política e ignorancia xesticulante, inzados de aniversarios medioseculares que nos retrotraen a efemérides que xa forman parte da iconografía universal do noso devir individual e colectivo neste cohabitar de resón final dunha época ou, mesmo, dun tempo que a piques está de cambiar para outro ciclo do que chamamos civilización humana. E digo que se repite este dito máis que como recordación como sentenza de acontecementos ós que atribuímos transcendencia cuasi relixiosa e que forman parte do imaxinario metafísico, da formulación persoal e do exercicio xa diuturno da nosa memoria.

Se houbo unha década prodixiosa foi aquela dos anos sesenta do pasado século. Quizais toda a evolución social, cultural e mesmo política das décadas seguintes, até a deste presentir disruptivo que nos atinxe, teñan a súa orixe e alicerce, como argumentación última a nivel global, en feitos acaídos naqueles anos de gloria e esplendor que como dioivo imparable precipitan a nosa atención tanto no positivo como no negativo dos aconteceres que se suceden: os asasinatos do presidente Kennedy e do seu irmán Robert, asimilados como uns novos Gracos, a implantación das revolucións cubana, coa crise dos mísiles, e a cultural chinesa, o período máis duro do apartheid surafricano, o Concilio Vaticano IIº, as folgas en Asturias, o movemento estudantil en Santiago, os Beatles, Elvis, a nova canción galega… E unha noticia doméstica daquel xa lendario ano de 1.969 no noso reducido universo civil, que no seu momento foi cativo “suelto” periodístico na prensa e outros medios de comunicación, que daban conta da misa en “gallego”, celebrada na memoria de Rosalía o día 25 de xullo, en San Domingos de Bonaval, cunha ofrenda floral no mausoleo da escritora, organizada polos “nostálgicos intelectuales” do pasado, pero obviando a masiva asistencia dese señardoso público, ao que facían referencia con cáustica mofa. Á saída da igrexa prodúcese un incidente coa policía que vixiaba “tan perigoso acto”, cos mozos nacionalistas que deixaban impronta da súa presenza e do espertar dun novo país que devecía ter en moito unha voz propia e liberarse da submisión allea, o que saldouse con dous detidos e algunha ferida física e grande número de outras feridas morais.

Todo este ápice plurimorfo de realidades sintéticas ten a súa máis activa eclosión no escenario mundial nestes anos finais da década: a Primavera de Praga abortada polos tanques do Pacto de Varsovia, a masacre da Praza das Tres Culturas en México, o Estado de Excepción franquista trala morte dun estudante na comisaría de policía, e por riba de todo a revolución do maio francés que estende o seu recendo de loita
e liberdade polo resto de Europa e América. Aquelas protestas de grupos universitarios no París de 1.968, fúndense nunha marea reivindicativa na meirande folga da historia de Francia e, se cadra, de toda Europa. Nove millóns de traballadores, estudantes, funcionarios, etc. Non suscitan á toma do poder, senón cambiar a sociedade de consumo, anular o control opresivo do Estado, facer bandeira dun ceibar desafogado de convivencia pacífica, rexeitando abertamente a negativa praxe da economía que creara as deprimentes bidonvilles e dera lugar a matanzas policiais como a de case douscentos manifestantes, na súa meirande parte alxerianos, mortos e guindados ó Sena e a da estación de metro de Charonne, o éxodo rural, os xoves sen futuro…

Este pano de fondo é o complexo marco do aniversario destes cincuenta anos que se están a cumprir daquel festival da música e artes do Condado de Sullivan no Estado de Nova York, do venres 15 ó domingo 17 de agosto de 1.969. Que soará máis se o denominamos polo seu falso nome de concerto ou concertos de Woodstock. E digo falso nome porque, ese era o lugar primitivo da súa celebración, pero que por impedimento das autoridades houbo de buscar acomodo nunha granxa a sesenta quilómetros do sitio previsto da devandita campa de Woodstock, coa presenza de máis de medio millón de asistentes, 33 actuacións de grupos e artistas que hoxe son xa parte indisoluble da historia contemporánea do pensamento e da cultura eurocéntrica: desde Richie Havens que abriu o festival até Sly & the Family Stone que o pechou pasaron nomes tan esenciais na cultura cívica do noso tempo como Janis Joplin, Santana, Joan Baez, Tim Hardin ou Sweetwater, The Who, Joe Cocker, The Band, Jimi Hendrix e tantos outros que pasaron por aquela escena convertida no berce dunha maiéutica que deu a luz un novo sentido da vida, sobre todo, para millóns de xoves que haberían enfrontar un mundo de futuro incerto.

Moito se debateu, escribiu e sentenciou do suceso máis decisivo que incidiu na metamorfose idearia daquela xuventude que habería de conformar as camadas dirixentes do futuro. O maio francés é o que ten mais votos pero aquí quixera deixar a opinión de que o concerto de Woodstock constitúe o cumio decisivo dese proceso transformador que está no miolo de moitos episodios posteriores, brancos e negros, de acción e reacción: a perestroika e o final do Imperio Soviético, a Revolución dos Cravos, a escola económica de Chicago, o aquelárrico contubernio de Davos, etc. Porque Woostock estivo no interior humano, na relación panteísta dos xoves asistentes a realidade amoldada a preceptosprevios: a convulsión xuvenil, o amor como lenitivo daquela guerra de intereses turbios no sueste asiático, a paz sen epítetos, as categorías subculturais emerxentes, underground, beatnik, hippie, a revolución sexual de Wilhem Reich, o Home Unidimensional de Herbert Marcuse, o filósofo de California, Daniel Cohn-Bendit, Alain Krivine, e tantos outros que configuraron unha distinta visión global da sociedade para toda unha estirpe nova que asimila e que habería legar a súa conceptualización das relacións humanas, ás xeracións posteriores. Porque a máis fonda incidencia na transformación do pensamento está no ideario individual elevado libremente a conciencia colectiva, como foi nos tres días de Woodstock, nas notas e nos versos cantados, igual que aedos modernos con liras eléctricas e poemas de denuncia e esperanza.

Este suceso crucial na nosa historia contemporánea, de poesía, de amor e de paz sen adxectivos é, ao meu entender, o máis decisivo e profundo da nosa xeración e, coido, que de varias xeracións que aínda están por vir. Da súa análise correcta dependerán moitos dos prantexamentos culturais, políticos e sociais que configuren o porvir desta sociedade nosa, agochada xa no reduto xeográfico dunha Europa que camiña entre miserentas liortas de vellos fidalgos e soños absurdos de grandezas efémeras.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *