ACHEGA DOCUMENTAL AO ESTUDO HISTÓRICO-ARTÍSTICO DO ARCIPRESTADO DE CERVEIRO. AS PARROQUIAS DE VEIGUE, OSEDO, MOSTEIRÓN E SADA

Sandra Fernández Fernández
A capela de San Roque antes da súa remodelación
O Arciprestado de Cerveiro está situado ao noroeste da provincia da Coruña. É dicir, no Golfo Ártabro, que se estende desde a Serra da Capelada, ao norte da provincia da Coruña, até a península de Caión, no concello de Arteixo. Neste Arciprestado únense dúas zonas importantes para a historia e desenvolvemento dos lugares e igrexas que o forman: son as Mariñas dos Frades (debido aos dereitos monacais que tiveron diversos mosteiros) e as Mariñas dos Condes (baixo o dominio da casa dos Andrade de Pontedeume).

Dentro do presente traballo “Aportación documental al estudio histórico – artístico del Arciprestazgo de Cerveiro (S. XVI – XX)” estudáronse as seguintes parroquias do Concello de Sada.

Igrexa de Santa Columba de Veigue, cunha soa nave cuberta cun teitume de madeira. Un arco de medio punto dá entrada ao Altar Maior. Como case todas as igrexas deste Arciprestado, posúe un coro aos pés da mesma. Acaroada ao muro norte do Altar atópase a sancristía.

A fachada está formada por unha porta adintelada, sobre a cal se sitúa unha ventá que dá luz á nave e ao coro, e como remate a espadana de dous ocos para as dúas campás, obra que data da década dos anos 20. En 1.997 volve precisar dunha serie de composturas que se centran nas paredes do Altar Maior, debido ao deterioro das mesmas.

A seguir a estrada que vai de Oleiros a Sada, atópase pegada á pista e entre casas a igrexa de San Xulián de Osedo; preséntase cunha planta dunha soa nave cuberta por un teito plano que vai recorrido por arcos de faixa que descansan sobre grosos piares e un arco triunfal como remate que dá paso á capela maior. Nela atópase dunha banda a porta norte fronte a sancristía, que se edificou polos anos 1.851 – 1.854.

A fachada segue o modelo que se observa na zona, é dicir, porta adintelada, sobre ela unha pequena ventá que dá luz ao coro e á nave, e como remate de todo unha espadana de dous ocos para outras tantas campás. A súa construción tivo que realizarse no século XIX.

O trazo diferencial desta igrexa quizá sexa a existencia dun pequeno pórtico, de planta cadrada, que separa a porta principal da nave; esta separación é por medio dunhas portas de cristal.

Anexa a Osedo atópase San Nicolás de Mosteirón, de tamaño moito menor que o da súa matriz. A planta é rectangular, cun saliente na zona sur que dá cabida á sancristía. A capela maior sepárase do corpo da nave por un arco triunfal. Verbo do teitume cómpre sinalar que é todo de madeira, aínda que a comezos do século XX o presbiterio posuía como cuberta unha bóveda, posiblemente de canón. No ano 1.976 sufre unha serie de reparacións, unha das cales sería a de cubrir a bóveda con madeira.

Na fachada atópase de novo a mesma división que nas anteriores, salvo que neste caso a ventá é un medio círculo e a espadana segue a mostrar os dous ocos para as campás.

En 1.857 a igrexa sofre un incendio, o que leva a unha serie de composturas no seu interior.

Na vila de Sada existen dúas igrexas, igual que acontece en Liáns e Oleiros: unha sitúase no centro do casco urbano, sería a igrexa parroquial de Santa María de Sada, obra do arquitecto coruñés Andrés Fernández-Albalat no ano 1.969, e na zona de Sada de Arriba atópase a antiga igrexa de Santa María dos Anxos, da cal só se conserva a fachada e a zona da capela maior.

Santa María dos Anxos posuía unha planta en forma de “T”, a capela maior estaba flanqueada por dúas sancristías e a capela de Oreiro, dedicada á Soidade, situada no lado do Evanxeo. Separábase do corpo da igrexa con arco e reixa. A súa fundación pode situarse na primeira metade do século XVIII.

En xuño de 1.905 prodúcese un incendio que só afecta á “sancristía nova”. En 1.936 unha das trabes abateuse, deixando inútil o teitume, que debido ao desprendemento de parte da cornixa, tivo que volverse reparar anos máis tarde, en 1.960. Este problema do tellado debíase á inclinación das paredes, quizás por causa do deterioro do chan onde se construíu a igrexa.

Sobre os años 90 comezaron a restauración, mais o estado do solo, xunto coa construción dun parque nas proximidades da igrexa, dá lugar á perda desta construción.

A fachada mostraba unha porta principal adintelada, sobre ela unha ventá que daría luz ao coro e á nave e, como remate de todo, unha espadana de dous ocos rematada por un frontón partido. As esquinas, coa cantería á vista, rematan en pináculos.

Debido á situación de deterioro que sufría, xunto coa necesidade dunha igrexa máis próxima ao centro da vila, e sobre todo con maior capacidade de fieis, fai que o párroco, Sr. Villanueva, comece a pedir axudas para a construción do novo núcleo parroquial de Santa María de Sada.

O novo núcleo parroquial de Santa María iníciase en 1.969 despois dunha serie de dificultades. Os planos, como xa dixen, realízaos o arquitecto Andrés Fernández-Albalat, o cal propón unha igrexa cun eixe formado pola capela das imaxes, o Altar Maior, a nave e mais o baptisterio; ás bandas deste sitúanse dúas fileiras de bancos. Á beira da capela das imaxes, cara á Epístola, atópase a capela das Dolores, que no plano se denomina de San Roque.

A cuberta plana deixa ver as vigas de ferro. Toda a obra foi realizada en formigón.

Posúe tres entradas, dúas delas con nártex, a outra porta dá acceso á zona do despacho, arquivo e sancristía, a cal está aberta á parte central da igrexa. Na parte norte da fachada e unindo as tres portas hai un pórtico.

Este Arciprestado foi moi rico en capelas; algunhas son hoxe en día a igrexa parroquial: tal é o caso de Santa Locaia de Perillo, San Xoán de Pravio y San Fiz de Vixoi. Outras desapareceron debido ao deterioro da súa arquitectura, e outras seguen a ser lugar de culto na actualidade. Neste caso atópanse catro capelas, dúas das “Mariñas dos Frades” (San Paio e Santa Ana) e as outras das “Mariñas dos Condes” (San Cidre e San Roque).

Na parroquia de Sada sitúase a capela de San Roque, de orixe que se remonta a 1.598, mais a edificación actual é do año 1.885, cando foi derrubada e reconstruída debido ao seu estado ruinoso.

Preséntase cunha planta rectangular, cun saliente no lado norte que dá cabida á sancristía. A nave cóbrese cun teitume de madeira a dúas augas, na metade da nave sitúase un arco de medio punto que descansa sobre pilastras acaroadas ao muro. Isto mesmo vese no arco que separa a capela maior da nave. Verbo do teitume da capela maior, é abovedado.

A fachada presenta, sobre a porta de entrada, unha placa onde pode lerse: “Esta capilla se reedificó a expensas de limosnas y otros recursos, siendo párroco D. Gerónimo Rey Martínez, año de 1.885.” O máis destacado é o campanario, formado por unha torre de ferro que abeira dúas campás.

No apartado de escultura, no caso de imaxes existe unha relación nas advocacións de cada parroquia. Obsérvase unha grande devoción cara á imaxe da Nosa Señora baixo distintas advocacións, como son a Inmaculada Concepción, Nosa Señora das Dolores, Nosa Señora do Rosario, a Virxe do Carme, a Asunción, Nosa Señora da Esperanza ou do O, a Virxe do Leite, Nosa Señora dos Anxos, Nosa Señora a Branca, a Milagrosa. Neste século cobra forza a devoción cara ao Perpetuo Socorro, a Virxe de Lourdes e a Virxe de Fátima. 

A Inmaculada Concepción é, se cadra, a imaxe de María máis venerada. Preséntasenos a Nosa Señora como a “nova Eva que vence a antiga serpe”. Aparece sobre un globo terráqueo pisando unha serpe, coa media lúa e sobre a súa cabeza as doce estrelas. Dentro desta topoloxía cómpre destacar a Inmaculada que se conserva en Santa María de Guísamo e a de San Xulián de Osedo, obra de Francisco Rodeiro.

En Osedo consérvanse dúas Inmaculadas, unha delas é obra do escultor santiagués Francisco Rodeiro (1.813 – 1.873). Pódense observar claramente as características da súa obra: sobre o peito un mantón, o seu rostro ovalado e co queixo saínte mira cara arriba, as súas mans crúzanse sobre o peito. A súa roupaxe con moitos pregues, o seu manto voa, dando a sensación de movemento e marcando á súa volta a forma en “S”.

Nos libros de fábrica non hai constancia nin da súa compra nin da súa doazón, mais pode situarse esta obra entre 1.840 e 1.870, anos en que se sitúa a súa actividade. Neste Arciprestado hai outras obras del: son un San Pedro da igrexa de Santa María de Sada e que se atopa asinado no seu pedestal; a Dolorosa de Veigue e posiblemente unha Dolorosa de Santa María de Guísamo na que, aínda sendo de vestir, rostro e mans parecen obras súas.

Outra Dolorosa destacable é a de Santa María de Sada, xa que se atopa nun retablo cun Cristo Xacente, feito que non é común entre as igrexas estudadas deste Arciprestado.

A Dolorosa de Santa Columba de Veigue presenta a Virxe cunha soa espada sobre o seu peito. Non é unha imaxe de vestir. O rostro, co queixo saínte, eleva a ollada que amosa a dor que se acentúa pola expresión dos seus brazos abertos. A roupaxe con abundantes pregues cínxese no cinto, e con forma de campá a parte inferior da túnica ao adaptarse ao pedestal. Sobre os seus ombreiros, un mantón que se ata sobre o peito. Tendo estas características en conta pódese dicir que sería obra de Francisco Rodeiro.

Outra tipoloxía é a da Asunción, dentro da cal pode incluírse a patroa de Santa María de Sada. Nosa Señora dos Anxos. Inclúo aquí esta imaxe, xa que se presenta Nosa Señora sobre unha nube rodeada de anxos que a sosteñen, as roupaxes dan a sensación de movemento, as mans enderéitanse cara arriba, igual que o rostro. Aparece coroada coas doce estrelas. A primeira noticia que teño dela é de 1.883, cando se restaurou, mais as características da obra son de corte Rococó.

A Virxe do Rosario, que se atopa na capela das imaxes de Sada. Nela, as características son as mesmas que na Nosa Señora do Rosario de Ouces, mais cun certo cambio. A Virxe segue a soster co brazo esquerdo o Neno, mais agora este mira cara fóra e as súas mans toman a actitude de bendicir. En comparanza esta é unha imaxe máis estática e as súas figuras non posúen relación, mentres que na anterior o Neno olla cara súa Nai, cuxa túnica e manto están en movemento. A imaxe que se venera en Sada foi comprada en 1.896 en Barcelona.

Outra iconografía que se atopa con frecuencia nestas parroquias do Arciprestado de Cerveiro é a de San Roque; preséntase o santo vestido de peregrino con capa e esclavina, chapeu e a apoiarse no bordón. Coa man esquerda levanta a súa túnica para deixar ver a úlcera que sofre na perna.

Os dous San Roque que se conservan na igrexa de Santa María de Sada difiren deste modelo. Un deles non viste de peregrino, senón cun hábito castaño, e a súa cabeza cóbrese cun sombreiro coa cuncha. O outro posúe á súa dereita unha figura pequena que sería un neno que sostén un pergamiño coa seguinte inscrición: “Los que atacados de la peste invoquen a mi siervo Roque serán curados de tan terrible enfermedad”.

É preciso destacar a escultura de San Pedro que se conserva na igrexa de Santa María de Sada. É obra do escultor Francisco Rodeiro: así o demostra a sinatura que se observa no seu pedestal. Foi comprada no ano 1.867. É unha imaxe repintada de branco e cos bordes dourados, tanto a súa túnica como a capa. Sobre a súa cabeza tres coroas, na man dereita as chaves e na esquerda unha cruz papal. Vemos aquí características de Rodeiro na forma de tratar os abundantes pregues que ao chegar ao pedestal se abren dando forma acampanada.

En relación cos retablos cómpre destacar:

Retablo Maior de Osedo: non hai achega documental sobre a súa compra ou mandato de execución ou dalgunha posible restauración. É un retablo de corte neoclásico, cun fornelo central separado por columnas corintias das pasaxes laterais. Remata cun frontón partido.

Retablo Maior de Mosteirón: é a mesma situación que a de Osedo, xa que a documentación do retablo maior é do ano 1.673, polo que non corresponde co actual, sendo tamén de estilo neoclásico con dous pares de columnas corintias que separan o paso central dos laterais; como remate, un frontón sobre a pasaxe central.

Retablos de Sada: na igrexa nova de Sada consérvase o retablo das Dolores que dataría da primeira metade do século XIX. Consta de dúas partes: a superior, nun fornelo formado por unha decoración a base de ondulacións, sitúase a imaxe das Dolores, e debaixo desta parte, nunha urna, atópase o Cristo Xacente.

Nesta capela atópase o sepulcro para a procesión do Venres Santo da igrexa de Santa María de Sada e que se sitúa na capela das Dolores; comprouse no ano 1.908. Posúe dous anxos en adoración e catro cabezas de anxos nos extremos.

Verbo do antigo retablo maior da igrexa primitiva, atópase no mesmo lugar, é dicir, colocado no altar da dita igrexa. Un inventario de 1.898 describe como era este retablo.
Arriba: Dolorosa de Santa Columba de Veigue
Abaixo: Inmaculada de San Xulián de Osedo
Fotografías da autora

O Retablo Maior, con forma de tabernáculo, formado por seis columnas corintias que sosteñen unha cúpula que na súa cara exterior ten deseñados uns anxiños que levantan como o pano. Foi construído na época da restauración da capela, no ano 1.888.

O Retablo da Virxe de Lourdes é da mesma época, pouco posterior (1.894). É un retablo de madeira de piñeiro de Holanda, dun só corpo, cun fornelo central, como remate un frontón que cobre todo o corpo. Posúe catro pilastras estriadas cunha especie de capiteis.

Cómpre destacar o púlpito, situado na nave da dita capela. Nel pode observarse, en cada unha das capelas que o forman, as imaxes dos catro Evanxelistas: San Xoán, San Marcos, San Lucas e San Mateo, e a de San Pedro; no lado que fica oculto estaría representado San Paulo como o describe o libro de fábrica. Ao seu pé pódese ler: “Se construyó y pinto siendo cura párroco D. Gerónimo Rey Martínez. Ano de 1.891.”

Dúas imaxes do púlpito da capela de San Roque,
no seu emprazamento orixinal e no actual
Fotografías da autora e Estevo Rodríguez

En canto á orfebrería atopei principalmente cruces parroquiais, cálices, algún copón e custodias.

A Cruz de San Xulián de Osedo é unha cruz de brazos que rematan en formas lobuladas. A macolla, con decoración vexetal, atópase flanqueada por querubíns en relevo. O Cristo en expiración coa cabeza ladeada cara á súa esquerda e inclinada cara atrás, o pano de pureza anóase diante, deixando ao descuberto o inicio da cadeira. No reverso da cruz represéntase San Xulián, patrón da igrexa. Foi comprada no ano 1.791.

Na igrexa de Sada atópase un cáliz de 1.871. É de prata cicelada no pé, hastil e parte da copa, mentres que o remate da copa é dourado.

Por último, hai que facer unha referencia á pintura, escasa na zona. Nos libros de fábrica aparece algunha referencia á compra dalgún cadro, sempre relacionado co Bautismo de Cristo. A colocación destes cadros era nos baptisterios, lugar onde aínda hoxe poden verse no de Santa María de Sada e Santa Eulalia de Liáns.

En Santa María de Sada atopamos dous frescos:

Nas paredes do oeste sitúanse dous frescos. Na banda do Evanxeo represéntase a María en clara relación co mar: “María, Stella Maris”.

Foi pintado por Víctor Martín no año 1.996. Utiliza cores vivas e sitúa a Nosa Señora sobre unha vila aberta ao mar.

O outro fresco de cores más apagadas foi pintado pola Escola de Artes da Coruña no ano 1.983. Represéntase Xesús cuns discípulos. Tamén aquí o tema do mar está presente.

Hai unha serie de mestres que realizan a súa actividade dentro deste Arciprestado. Os que podemos destacar das igrexas mencionadas anteriormente son:

Andrés Fernández-Albalat.- Arquitecto coruñés (1.924) que xunto con José Bar Boo introduce o movemento moderno na arquitectura galega. Desenvolve toda a súa actividade desde A Coruña, onde amosa na súa obra un funcionalismo que, tanto pola pureza e simplicidade do deseño como polos materiais, se enraíza na obra de Mies Van der Rohe. Estes obsérvanse principalmente na “fábrica de Coca-Cola” e na “sucursal de Seat”, ambas na Coruña. En 1.969 realiza o novo templo parroquial de Santa María de Sada.

Francisco María Rodeiro.- Escultor, que nace en Santiago en 1.813, indo a súa actividade artística desde o ano 1.833 até finarse en 1.873. O estilo e os tipos iconográficos reflíctense en José Gambino, José Ferreiro e Manuel de Prado. De Gambino chégalle a abundancia de pregues e a morbosidade das carnacións, de Ferreiro a redondez dos pregues e de Prado as formas, o seu frío estatismo e algúns dos seus modelos. Realiza para a igrexa de Santa María de Guísamo unha Dolorosa de vestir que posiblemente sexa del (1.851); en Sada unha imaxe de San Pedro (1.867); na parroquia de Osedo unha Inmaculada Concepción, e en Santa Columba de Veigue outra posible obra é outra Dolorosa, mais esta non é de vestir. Sobre a compra destas dúas obras non obtiven datos.

Fragmento do estudo “Aportación documental al estudio
histórico – artístico del Arciprestazgo de Cerveiro
(S.XVI – XX)”, abril de 1998.

Retablo de San Nicolás de Mosteirón.  Fotografías da autora
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *