JOSÉ ALMOINA, UNHA BIOGRAFÍA IMPOSIBLE

Isabel Gómez Rivas
Calculo que foi polo verán de 1990 cando escoitei falar de José Almoina por primeira vez. Daquela Claudio Rodríguez Fer, quen fora profesor meu o ano antes no instituto de bacharelato Ánxel Fole de Lugo, recomendoume a lectura da novela Galíndez de Vázquez Montalbán, ao tempo que me advertía que alí, nas súas páxinas, aparecía un personaxe real: o lucense José Almoina. O exemplar da novela que lin decontado aínda conserva as marcas a lapis subliñando todas as mencións a Almoina, José Almoina, Pepe Almoina. Son a testemuña da orixe dun interese que me ía a acompañar durante os seguintes anos, nos que fun xuntando, a partir de lecturas e visitas a distintos arquivos, informacións sobre a peripecia vital daquel funcionario de Correos nacido en Lugo en 1903, militante socialista, traballador nos consulados republicanos de distintas cidades francesas durante a guerra civil e exiliado en 1939 na República Dominicana, onde exerceu como profesor universitario. Nunca saberemos como, pero axiña comezou a tecerse a arañeira na que ía quedar enredado: en 1942 converteuse no preceptor do fillo do ditador Rafael
  



Leónidas Trujillo; dous anos máis tarde, entrou a traballar tamén na Chancelería de Relacións Exteriores, e, ao cabo, en xaneiro de 1945, foi nomeado secretario particular do propio sátrapa, un cargo que desempeñou durante algo menos de dous anos, cando pretextando motivos de saúde marchou do país para instalarse en México. Só puido saír da illa afectando que a súa lealdade ao ditador non sufrira menoscabo, talvez asegurando que a súa ausencia sería temporal –de feito, regresou en varias ocasións– e que en ningún caso cancelaba a súa colaboración co réxime. Decontado comezou o dobre xogo: sen deixar de prestar os seus servizos a Trujillo, emprendeu unha campaña internacional na súa contra. Deu publicidade a documentadas denuncias, primeiro, a través dun informe confidencial que remitiu en 1947 a distintos gobernos americanos; dous anos máis tarde, publicando baixo pseudónimo o libro Una satrapía en el Caribe. Historia puntual de la mala vida del déspota Rafael Leónidas Trujillo. Nun intento de desmentir a autoría destas obras que algúns lle atribuían na Dominicana,

O ditador dominicano Rafael Leónidas Trujillo


retratado nun selo

prestouse en 1950 a ser o escribán de Yo fui secretario de Trujillo, unha haxiografía desmesurada ao gusto da megalomanía do déspota. Nalgún momento impreciso intentou, pouco e pouco, desvencellarse do réxime dominicano para descubrir que era xa demasiado tarde. É seguro que a partida estaba terminada, senón antes, en 1956, data da desaparición de Jesús de Galíndez, cando remitiu dúas cartas á prensa e ás autoridades mexicanas nas que denunciaba a responsabilidade do réxime dominicano no seu asasinato e desmentía terse prestado de intermediario da ditadura para subornar ao vasco co fin de que interrompera a súa campaña antitrujillista. A estas alturas non cabía inxenuidade ningunha; Almoina sabíase condenado a morte. A sentenza foi executada o 4 de maio de 1960, cando foi abatido na capital mexicana polos disparos dos sicarios do ditador dominicano.

Estes son os datos sumarios da biografía dun home que, para os lacaios de Trujillo, era un fámulo submiso que un día se revolveu, desagradecido, contra o seu amo; para os exiliados republicanos, o felón que traizoara as ideas que o levaran ao exilio a cambio das prebendas e regalías do tirano; para os demais, unha vítima, si, pero seguramente non un inocente.
Cando no ano 2011 comecei a traballar finalmente nun ensaio biográfico sobre José Almoina, sentín que as achegas documentais dos traballos de investigación publicados nos anos anteriores aportaban evidencias para disipar moitas das suspicacias, reservas e prexuízos reprobatorios que a súa figura concitou. Liberada dun esforzo rehabilitador ou vindicativo que, a miúdo, organiza e falsifica os acontecementos nunha secuencia na que todo cadra perfectamente e obtén sentido e explicación, pensei que a tarefa non podía obviar os importantes baleiros biográficos aínda existentes, pero tampouco enchelos con suposicións, conxecturas ou fantasías. Do mesmo xeito, non se debía diluír a importancia das rechamantes contradicións e ambigüidades que continúa ofrecendo a relación de Almoina coa ditadura de Trujillo e aínda menos adornalas con efectismos novelescos. Por outra parte, a procura da súa xenuína personalidade política obrigaba a buscar ao home e a súa face detrás das sucesivas máscaras, pseudónimos e identidades que adoptou.
Porque, quen foi, en verdade, José Almoina Mateos? Un socialista, pero tamén o fervente defensor e admirador dunha aristocracia espiritual comprometida co destino colectivo, aquela minoría excelente da que falou Ortega y Gasset, un dos referentes intelectuais do lucense. O lucense foi un home de letras, entregado a erudicións que calzaba na apertada e miúda tipografía das notas ao rodapé dos seus estudios erasmistas, pero tamén un home acción, que non desoíu a chamada da vocación política e que, chegado o momento, non se arredou ante o poder dun sátrapa sádico. Aínda que as armas e as letras non eran incompatibles ou excluíntes para el, como logrou conciliar a súa devoción por Erasmo de Rotterdam, quen na Europa renacentista tanto clamara contra a guerra e en favor da paz, coas reivindicacións de intolerancia para os inimigos da II República que Almoina subscribiu e nas que resoaba aquela vella invocación liberal á guerra coma «un don do ceo»?
Incapaz de resolver estas e outras duplicidades, deixeinas expostas abertamente no meu ensaio, onde Almoina quedaba retratado coma unha personaxe contraditoria e ambigua, dun carácter anfibolóxico aínda máis acusado do que advertín cando comecei as miñas investigacións. Si, en efecto, o libro fracasa como biografía, porque lle falta o que, en opinión da xornalista americana Janet Malcolm, é un trazo primordial do xénero: «O arrogante desexo de impor unha narrativa aos illados e inconexos anacos dunha vida que a marea achega ás praias da investigación biográfica».
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *