TODOS OS DÍAS DA SEMANA

Manuel González Prieto

LUNS


LUNS olla de esguello no lado dereito senta a temperanza e no esquerdo, senta a paixón


NA ESQUERDA


En LUNS as cíngaras bailan a danza da chuvia


E se LUNS escoller puidera, sen pensalo, ficaría móbil nas festas da rúa de Abaixo


Entre proclamas e no ar
a partitura de LUNS


a súa rebelión verdadeira


NA DEREITA


LUNS segue a loitar con pedras e paus que atopa na rúa


As trompas de LUNS, miañadas, son para min todo un misterio


Na trona de LUNS a náusea viste con grilandas e frores
e coa torpeza dos homes
e cos sotaques do tempo


En LUNS os astros fican aletargados:


O sol quentou e quentou
e queimoulle as meixelas


O vento escapou
e até hoxe ficou agochado tras o parapeto
e baixo un paraugas con varas de ferro


LUNS segue a danzar no compás do patriarcado


MARTES


MARTES é montante e remonta 
MARTES espreguiza


Un ollo arriba e outro abaixo, que non esquecen que:
«Sometimes you can’t make it on your own»


MÉRCORES


MÉRCORES non sabe gardar un segredo 
MÉRCORES é Influencer


«Put your money on me»


XOVES


XOVES coa súa man esquerda bica a deda do pe
e coa man dereita 
terma do ceo


XOVES, pensa, pensa e pensa… e chega á seguinte conclusión:
«Se o averno é un inferno 
o Edén non é o paraíso terreal»


XOVES tan só maridanza de reflexos e cores


VENRES


VENRES muda de pel e descansa, é Corpo


E as criaturas non xulgan, senón que alentan e acompañan tamén as criaturas son VENRES


«VENRES tamén decide esquecer o tabaco
unha demostración máis da súa impertinencia»


SÁBADO


SÁBADO é véspera de feira, procacidade, impudencia e demais calidades inxénitas dos touros


SÁBADO é desde primeira hora da mañá


DOMINGO


DOMINGO é comezo e fin de ciclo


DOMINGO só ten unha proclama, coa que abre e pecha o día:
«(…) rogamos se comporten como animales»


HOXE


HOXE as pedras, as mulleres e os homes xa non facemos oídos xordos
verdade que non?


«Xa non estamos paralizadas»



HOXE somos TODOS OS DÍAS DA SEMANA

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *