GALEGOS DA EMIGRACÓN ESQUECIDOS. GUMERSINDO SÁNCHEZ GUISANDE: UNHA VIDA DEDICADA AOS OUTROS E A GALICIA

José Martínez-Romero Gandos
O noso amigo e compañeiro polos roteiros da emigración, José-Mª Monterroso Devesa, inclúe nun artigo publicado na Revista Areal nº 16 sobre galegos que ficaron para sempre nas Américas unha longa lista que motiva o meu maxín e facilita a aparición de lembranzas sobre eles. Coñecín a Gumersindo Sánchez Guisande, Ramón Rey Baltar, Avelino Díaz (ver artigo da miña autoría no nº 16 de Areal), Leandro Pita Romero, Arturo Cuadrado ou Alfonso Gayoso Frías entre outros que Monterroso menciona.

Nesta sección de Areal, Galegos da Emigración Esquecidos, escribirei máis adiante sobre algún deles. Pola relevancia que tivo a súa actividade na República Arxentina é case que unha obriga comezar por Gumersindo Sánchez Guisande.

Nace Gumersindo Sánchez Guisande en Santiago de Compostela o 2 de agosto de 1892 e morre en Buenos Aires en 1976. Chega a Buenos Aires fuxindo do franquismo no 1936 logo de refuxiarse en Santiago de Compostela, pasará a Vilagarcía de Arousa e pouco tempo máis tarde embarca vía Lisboa para o alén-mar.

Denantes o seu exilio ten unha importante actividade profesional e militante na Galiza previa a 1936. Licenciado en Medicina en 1915 con Premio Extraordinario, foi profesor auxiliar na Facultade de Medicina de Compostela. En 1918 foi encargado pola Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas para participar, en Portugal, na organización dos Institutos de Anatomía. Foi decano da Facultade de Medicina de Zaragoza e catedrático de Anatomía Descritiva das universidades de Sevilla (1923) e Zaragoza (1928). Creou unha institución de protección á infancia, sendo coñecido como o “médico dos nenos pobres”. Casou o 2 de xaneiro de 1925 con Felisa Fernández de la Vega, médica (ela e maila súa irmá xemelga Gimena foron as primeiras mulleres egresadas como médicas da Universidade de Santiago de Compostela) e tivo tres fillos. Un deles, Wenceslao Sánchez de la Vega, médico. Militante de Izquierda Republicana, foi concelleiro republicano no concello de Zaragoza.

Gumersindo Sánchez Guisande e familia. Fotografía cedida polo autor

Home de pouca fala, serio mais sempre atento ás necesidades dos seus pacientes, amigos ou alumnos, tiña moitísimos coñecementos de medicina e culturais. Dicían os seus alumnos que as súas clases de Neuroanatomía eran maxistrais. Exerceu en Mendoza, onde fundou un Sanatorio xunto a Antonio Baltar Domínguez e tamén en Buenos Aires (Arxentina) onde foi Director Médico do Centro Galego. Íntimo amigo de Castelao, foi un dos médicos que o atendeu, estando presente cando faleceu. El e mailo seu fillo Wenceslao embalsamaron o cadáver do noso Guieiro.

Participou nos faladoiros do Café Tortoni e estivo presente nos actos organizados polas colectividades galegas; nalgún como representante do Goberno republicano no exilio. Home polifacético e intelectual brillante non limitou a súa existencia ao exercicio da medicina. Pronunciou conferencias, publicou traballos científicos e sociolóxicos e organizou cursos. Mesmo patentou inventos como o biberón. Foi médico, profesor universitario, político galeguista comprometido tanto na Terra como no exilio, escritor e músico.

A súa faceta como escritor, agás dos libros dedicados a temas médicos, amósase nun libro que publica no 1966, “Seis cantos galegos”, con capa de Luís Seoane e editado pola Editorial Muxía, colección que dirixían Horacio Bermúdez Abente e Arturo Cuadrado. A obra está dedicada aos seus tres fillos, seis cancións referidas a Galicia. Os temas principais lévannos á nosa historia, os personaxes medievais, a reconquista, a natureza (o mar, as rías, os bosques) e á saudade en fermosa prosa poética. Estes escritos estaban dedicados á do 25 de xullo dos anos 1945 a 1949.

Gumersindo Sánchez Guisande xa escribía poesía nos seus tempos de estudante ou de noivado con Elisa Fernández de la Vega en Santiago de Compostela.

Gustáballe moito a música. No exilio estudou composición e tocaba o piano, a ocarina, a guitarra e, por suposto, a gaita galega, compoñendo máis tarde unha muiñeira e un valse galego. O seu interese pola música levouno a ter amizade con Manuel de Falla.

A súa preocupación solidaria cos desfavorecidos, xa manifestada denantes o seu exilio, leva a Gumersindo Sánchez Guisande, xunto a un grupo de galegos residentes no alén-mar, a fundar o Fogar Galego para Anciáns (Hogar Gallego para Ancianos, seu nome oficial) o 29 de xuño de 1943. Establecen unha residencia provisoria mercando unha casa na localidade bonaerense de Domselaar. Non podemos deixar sen nomear a todos os que tiveron participación nunha iniciativa tan importante pola súa contribución. Son eles: Horacio Bermúdez Abente, Miguel Portela, Luís Seoane, Arturo Cuadrado, os irmáns Jaime e Jacobo André, Antonio Baltar, Manuel Roel, Domingo Maza, Bernardo González Rey, Sergio Riveiro, Santiago González, Manuel Peón, Antonio Carballo, Francisco Blanco e Miguel Salgués e, certamente, Gumersindo Sánchez Guisande.

Esta Institución, importante para amosar a solidariedade dos galegos emigrados e a protección da ancianidade continúa aínda hoxe en actividade nunha residencia de 4.500 m2. E unha finca de 35 hectáreas de árbores, horta e xardíns.

Un dato importante, poucas veces citado quizais por influencia da época franquista, é que xunto a Luís Seoane, Arturo Cuadrado, Elpidio Villaverde ou Eduardo Blanco Amor fundan a Loxia Antolín Faraldo, asemblea masónica responsable do pulo e creación de editoriais e unha chea de iniciativas culturais.

Subliñar que a súa participación política era intensa. Na Arxentina formou parte do movemento galeguista e republicano do exilio e foi un dos oradores na multitudinaria homenaxe que se tributou en 1944, no Prince Georges Hall de Buenos Aires, a Castelao pola publicación do Sempre en Galiza. Dicíamos máis arriba que Sánchez Guisande dirixiu o tratamento da enfermidade que acabaría coa vida de Castelao, sendo o encargado de embalsamar o seu corpo e de realizar o panexírico necrolóxico no cemiterio da Chacarita por encargo do Goberno da República no exilio. Salientar, por último, a súa colaboración na revista Alma Gallega, de Montevideo.

Durante a década de 1950, Sánchez Guisande recibiu a través do seu irmán José (por entón maxistrado do Tribunal Supremo) o ofrecemento para volver á súa cátedra en España, oferta que declinou. En 1970, o claustro da Universidade de Zaragoza acordou colocar na galería dos decanos da Facultade de Medicina o seu retrato, o único que faltaba por motivos políticos. En 1998, o Concello de Santiago colocou na casa onde nacera, na Avenida de Raxoi, unha placa como homenaxe.

E nós deixamos aquí a nosa homenaxe, o noso relembro dun home de ben, solidario e galeguista sen esquecer o seu camiñar seguro e forte polos corredores do Centro Galego de Buenos Aires onde todos os seus pacientes ou achegados tiñan necesidade de saudalo e agradecer moitas veces a súa actuación profesional.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *