LEMBRANZAS A DESCUBERTA DO GALEGO

Xosé Anxo Seoane Cao
Oxalá non sexa este o último artigo dunha sección (LEMBRANZAS) na que pretendo recordar e reflexionar sobre certos acontecementos significativos para min, tamén para a miña xeración, e que difiren un pouco das circunstancias que rodean a vida cotiá na que se desenvolven os mozos, e as mozas de agora.

Considerei que de igual maneira que a min sempre me gustousaber cousas dos maiores, do seu tempo, aos novos tamén lles pode pasar o mesmo. E os que son da miña quinta, recordarán anécdotas que viviron en primeira persoa semellantes ás miñas. Por outra banda, pode tamén considerarse un sinxelo exercicio de memoria, nestes momentos de madurez no que a “memoria selectiva” recorda con máis fidelidade as cousas acontecidas hai moitos anos que aqueloutras que aconteceron hai unhas semanas
ou meses.

Pertenzo á última xeración que aprendeu no sistema educativo franquista. Ese sistema marcado polo exame de ingreso no instituto, as reválidas do bacharelato elemental e superior e as clases de Formación del Espíritu Nacional impartidas polos falanxistas, “Política”, coma nós nos referiamos a elas.

Naqueles tempos, os máis novos non tiñamos conciencia da existencia do galego, por máis que na casa escoitases falar aos teus pais dunha maneira moi particular, distinta á lingua empregada na escola e no instituto. En realidade pensabas que esa era a súa maneira de falar o castelán, mellor dito, o español. Unha maneira peculiar característica dos que non tiveran moitas oportunidades académicas e dos que viñan da aldea, por aquel entón case todos. Levabamos os prexuízos xa connosco e non o sabiamos. Nin sequera cando ías á aldea á casa dos avós (eu crieime nunha vila, capital do antigo Reino de Galicia) considerabas que aquilo era un idioma diferente.

E ninguén che dicía o contrario. Polo tanto, era normal que non tiveras coñecemento da existencia da lingua galega, aínda que estiveses convivindo con ela de maneira cotiá e con certa naturalidade, pero nunca conscientemente. Tíñano todo perfectamente calculado para que formaras parte do sistema dende moi pequeno. Refírome evidentemente ao “sistema”.

Os cursos ían pasando e ti o único que tiñas que facer era ir memorizando todos os contidos que aparecían nos libros de texto para logo vomitalos o máis fielmente posible nos exames correspondentes. E así nas cinco avaliacións do curso. Nin se che ocorría poñer en dúbida o que neses manuais escritos por persoas adeptas ao réxime aparecía. A historia era así. Incuestionable. Que sorte teñen os rapaces hoxe en día, que lles ensinan a ser librepensadores, a analizar textos distintos, a consultar diferentes fontes, documentos… E crear así a historia. Ter argumentos para debater. Que marabilla!

En 1976, cursando 6º de bacharelato, un grupo de amigos descubrimos o disco de Amancio Prada dedicado a Rosalía de Castro (editado en 1975). Era esa Rosalía que nos aparecía no libro de texto de Historia de la Literatura Española como “una de las más genuínas representantes del romanticismo español, que también escribió en su lengua vernácula.” O mesmo pasaba con Cunqueiro, aínda que no seu caso aparecía como fabulador.

De súpeto intuímos que o galego era unha lingua, e que ademais gozaba de literatura, e de calidade. Poemas que nos facían sentir a nosa terra como nunca antes sentiramos. Lonxe do “tiruriru” da gaita do Cafú cando bailabamos nas danzas de labradores e mariñeiros da OJE.

Xuntabámonos polas tardes e escoitabamos este e outros “LP” (vinilos) unha e outra vez. Cada día descubriamos novas cancións: “Aí vén o maio”, interpretada por Luís Emilio Batallán e inspirada no poema de Curros Enríquez. Logo Suso Vaamonde, cantando poemas dun tal Celso Emilio Ferreiro, máis adiante do poeta nacional de Galicia, Manuel María… Milladoiro, Fuxan os ventos…, chegaron máis tarde.

O disco “Galicia, miña nai dos dous mares” (1976), de Juan Pardo, quen non era precisamente un cantante do noso agrado, púxonosen contacto con poemas de Pondal e de Cabanillas. E iso tamén nos levou ao Himno e á figura inmensa de Castelao, a miña gran descuberta persoal e o meu primeiro libro en galego: “Obra completa: 1. Narrativa e teatro.”

O libro merqueino na xa desaparecida “Librería Ágora”, na rúa Rego de Auga da Coruña. Ocupaba o espazo que noutro tempo ocupara a librería “La Regional” de Uxío Carré Aldao, un dos fundadores da Real Academia Galega (30/09/1906), lugar onde se desenvolvía nunha primeira etapa o faladoiro galeguista coñecido como “A cova céltica”.

A lectura deste libro cambiou por completo a miña perspectiva sobre Galicia e sobre o galego. Dende o primeiro momento quedei enganchado a este autor, a este artista polifacético que tiña a capacidade de con dous trazos, con dúas palabras, dicilo todo. Lía catro liñas e ficaba parado pensando, evocando o lido, imaxinando, fabulando, revivindo, adaptando ao meu entendemento. As situacións que “pintaba” con sinxelas palabras tiñan unha profundidade que me custaba explicar. Aínda hoxe me pasa en cada nova lectura que fago das súas obras. Por moitas veces que lea os seus textos, sempre atopo algo diferente, algo que me leva a recunchos emotivos nos que nunca antes estivera.

Supoño que esa emoción sentida era similar á que no seu día sentiron aqueles precursores cando descubriron que detrás do que algúns consideraban unha lingua rural, de pailáns, menosprezada… había unha lingua excelsa, culta, cunha forza expresiva sen igual, cunha grande tradición literaria escrita e que se constituía como o mellor instrumento para cantar e contar.

Teño que confesar que non lin o “prólogopara un prólogo” de Eduardo Blanco Amor, nin a “triple cronoloxía” sobre o autor que aparece no libro ata que non rematei de ler os textos. O primeiro que lin foi “Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete”. Eu, igual que Castelao, “non fuxo dos cimeterios endexamáis”. Creo que de aí me vén a min o gusto polo seu estudo. Quen me dera que un enterrador me entregase as memorias dun esqueleto escritas cun garabullo en anacos de periódico e papeis de fumar. Ademais, a través do ollo de vidro que de nada lle servira en vida. O que máis me impresionou foi o vampiro que saía todas as noites do cemiterio a chucharlles o sangue aos pobres, e sobre todo cando descobres que ese vampiro “fora en vida un canalla que roubaba por dar regalía ao seu bandullo de porco; donoda xustiza, roubaba dende a súa confortable casa. Para que dicir máis? Era…, era un cacique!”.

Nese momento sabes o lugar que ocupas ti na sociedade e a xente contra a que queres loitar. Si, espertou en min a conciencia de clase e a necesidade de contribuír á dignificación do “país”, se así o queremos dicir.

Despois viñeron as “Cousas”, lidas unha e mil veces. Chámanlle a marquesiña, O pai de Migueliño, O Rifante, Se eu fose autor… Imaxinábame no “galiñeiro” do cine Alfonseti na miña mocidade betanceira asistindo a esta representación e rindo a cachón ao escoitar dicir parvadas á fidalgona e ás dúas fidalguiñas novas diante da cadeliña morta. Ademais estaban os debuxos, os trazos limpos, sinxelos que complementaban a palabra, coidada, especialmente escollida para cada personaxe… A teoría do pouco que o di todo.

“Retrincos” recolle cinco narracións de distintas datas e cun singular enfoque autobiográfico. O segredo e O inglés evocan a emigración temporal na pampa arxentina. Peito de lobo xa nos traslada á época festeira do seu Rianxo natal cando era mozo. O retrato cóntanos como debuxa o neno moribundo de Melchor, o taberneiro, cando xa esquecera o seu título de licenciado en Medicina. Esas palabras do pai: “Tiven moitos fillos, pero o máis bonito de todos foi o que me morreu. Velaí está o retrato que non mente.” Sabela enfronta dous tempos persoais distintos, a época de estudante en Compostela e o seu retorno a Rianxo ao pouco de obter a súa acta de deputado das Cortes Constituíntes. Quen non se lembra das palabras que Sabela, quen con postura de regateira e mirándoo de fite en fite, cos ollos mergullados en bágoas, lle sía con voz estremecida: “–Meu bailador!”.

E por último a súa novela dedicada aos mozos galegos, “Os dous de sempre”. Pedriño e Rañolas. O manxador, “un rapaz que sería capaz de manxar a seu pai polas pernas” e o eivado, o que finalmente trunfa na emigración europea e consegue as súas pernas ortopédicas; o profundador, o anarquista inconformista e inadaptado que antes do seu suicidio deixa escrito con grandes letras mouras: PROTESTO!

“Os vellos non deben de namorarse” foi evidentemente a primeira peza de teatro que lin e grazas ao prólogo e ás indicacións non tiven problema ningún en seguir esta farsa, maxinada por un pintor e non por un literato, de tres vellos que se namoran de tres mozas. Cada vello co seu rival mozo e a todos aqueles vainos buscar a morte advertíndoos das dramáticas consecuencias que terán os seus amores serodios.

Imaxino a todos os galegos de Buenos Aires enchendo o teatro Mayo aquel 14 de agosto de 1941. E quen non se lembra da canción a xeito de fado que interpretaba o coro de boticarios no primeiro lance:

Están as nubes chorando

por un amor que morreu
están as nubes molladas
de tanto como choveu.

Lela, Lela,
Leliña por quen eu morro
quero mirarme
nas meniñas dos teus ollos.
Non me deixes
e ten compasión de min.
Sen ti non podo,
sen ti non podo vivir.

Dame alento cas túas palabras,
dame celme do teu corazón,
dame lume cas túas miradas,
dame vida co teu doce amor.

Lela, Lela,
Leliña por quen eu morro
quero mirarme
nas meniñas dos teus ollos.

Non me deixes
e ten compasión de min.
Sen ti non podo,
sen ti non podo vivir.

Deu, dá e seguirá dando moito de si este meu primeiro libro en galego. Segue a me acompañar; cada vez ten máis valor, polo que nel vou subliñando e tamén porque cada vez as súas tapas están máis gastadas. Este meu-noso libro daquel que dixo: “Fíxenme médico por amor a meu pai; non exerzo a medicina, por amor á humanidade.”

O segundo libro que merquei foi “Merlín e familia”, de Álvaro Cunqueiro, o xardineiro da linguaxe. Pero esa xa é outra historia.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *