TEMPO DE VIAXAR

Antonio Sandoval Rey
Cantas historias da emigración, e do exilio, ou de excursións ao estranxeiro por puro pracer, ou de mozos e maiores que van e veñen por traballo ou estudos, se escoitan cada día en Sada? Como tantas outras poboacións de Galicia, tamén aquí poderíamos saturar un mapamundi coas idas e vidas de quen tanto oco deixaron e aínda deixan coa súa ausencia. E coas rutas de quen desde fóra viñeron e veñen para converter esta localidade no seu fogar por un tempo, ou por toda a vida.

Entre os destinos e orixes de todas esas persoas haberá algúns moi distantes, unidos como os demais xa para sempre a Sada a través das liñas indelebles da morriña; unhas liñas que, nese mapamundi do que falamos, fíanse ata compoñer un tapiz único, cuxas urdas e tramas explican boa parte da historia das xentes deste lugar. Tamén da súa condición.

Coidar ese tapiz, preservalo para as xeracións que o continuarán tecendo, estudalo e interpretalo, debe ser por ese
motivo unha das tarefas nas que se forme a quen hoxe son aínda novos. Máis aínda neste planeta cada vez máis globalizado, e en consecuencia de dimensións máis e máis pequenas, nas que a golpe de clic podes asomarte a unha cámara web de calquera extremo continental; ou conseguir un voo máis ou menos barato que te leve ata alí en moi poucas horas. Antes non era así, claro. Antes unha carta con novas dos teus seres queridos tardaba tanto tempo en chegar que daban ganas de entregárllela ás veloces aves viaxeiras en troques de aos carteiros, como expresou un poeta noutro país de emigrantes.

As aves viaxeiras pertencen a outro tapiz tamén fundamental: o da vida. A iso que chamamos biosfera, e que non é máis que un veo moi delgado que recubre esta rocha chamada Terra empeñada en xirar arredor do Sol. Sada é parte da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo porque hai uns anos a UNESCO decidiu que así debía ser, tras escoitar a quen desde esta bisbarra expresaron en París o seu propósito de avogar cada día pola conservación da natureza. E de ser exemplo diso para o resto de rexións do mundo. As aves, claro, disto no saben nada. Moitas delas, nestes meses de outono, pasan por aquí rumbo ao sur. Regresarán en primavera. Mais, a onde van? De onde veñen? Miremos, por exemplo, un pouco máis alá das ondas. Andan por aí varios carráns cristados mergullándose desde o aire para pescar eses peixiños que tanto lles gustan. Esas escamas prateadas gardan o combustible necesario para a seguinte etapa da súa viaxe cara o oeste de África: as costas de Mauritania, sobre todo. Veñen do Báltico, Reino Unido, os Países Baixos… Un pouco máis alá, e cara a boca da ría, agariman as ondas coas puntas das súas ás varias pardelas cincentas. A partir de finais de outubro comezarán a marchar a algún lugar entre o sur de África e o sur de América. Algunha delas acaso chegue a ter á vista o estuario de Río da Prata.

Máis cerca, na beira, corrican pilros comúns e píllaras reais. Chegaron de Groenlandia, Islandia, Escandinavia… E quen sabe se pasarán o inverno nalgunha zona húmida de Portugal, ou de Andalucía, ou moito máis ao sur.

Foto que encabeza este artigo: charrán patinegro. Nesta imaxe: pilro común

Píllara real. Fotografías do autor

Xa de costas ao mar, e botando a andar a carón do arboredo e as sebes, podemos atopar varios paxaros que en poucas semanas estarán cruzando o deserto do Sahara: papamoscas negros e comúns e picafollas musicais seguen a mesma ruta que andoriñas ou cirrios. Estes últimos xa partiron a mediados de agosto. Foron dos primeiros en marchar. O seu destino é tamén África, mais non exactamente o continente, senón os seus ceos: ata que regresen en maio non volverán pousarse en terra. Por incrible que semelle, os ornitólogos demostraron que pasan todos eses meses voando. Incluso dormen alá arriba, baixo as estrelas. 

As viaxes destas e tantas outras aves, as liñas que trazan e trazan sobre o mapamundi para crear o seu propio tapiz, dinnos tamén moitas cousas acerca de nós mesmos. Para empezar, que, en tanto que humanos, tamén nós somos parte inseparable da biosfera. Que a diversidade da vida, a infinidade de criaturas que poboan connosco este planeta, é como unha prenda que nos abriga e alimenta a un tempo. Asemade, que o mundo segue a ser marabilloso a ollos de quen saibamos miralo como se precisa para aprecialo así. E que está na nosa man, cada día, evitar o seu deterioro, curalo alí onde o teñamos ferido, e conservalo no mellor estado posible para quen nos sucedan. Para as xentes de Sada de dentro de 50, 100 ou máis anos. E para as do resto de territorios da Terra, nos que, quen sabe?, calquera veciño ou veciña de aquí pode rematar por establecer o seu segundo ou terceiro fogar.

Viaxar é tamén pensar no tempo futuro, e soñar con el, e traballar por que sexa o mellor posible; e ter as maletas listas para o camiño que leva cara alí. Unhas maletas que deben encherse con esas outras prendas abrigosas e alimenticias que chamamos coñecemento, conciencia, compromiso, audacia, responsabilidade… Vestidos con elas, os destinos que alí agarden a quen a eles cheguen serán os mellores posibles. Así que collamos agulla e fío, e cosámolas cada día para quen as poñerán, e para nós mesmos. E, como escribiu Ramón Sánchez Picallo desde o seu desterro en Chile, brindemos “por cuantos aún tienen esperanzas en lo que traerá el tiempo que viene”, e porque a esa esperanza nos sumemos máis e máis viaxeiros, formando a máis intrépida das bandadas.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *