Entrevista a Verónica García-Redondo, investigadora do Grupo Biocost (UDC) especializada en praderías mariñas

Delegación de As Mariñas da Sociedade Galega de Historia Natural
Verónica García-Redondo, investigadora especializada en praderías mariñas
Verónica García-Redondo é licenciada en Ciencias do Mar pola Universidade de Cádiz e cursou o Mestrado interuniversitario de Bioloxía Mariña pola Universidade da Coruña. Actualmente pertence ao grupo de investigación BioCost da Universidade da Coruña e é alumna do Programa de Doutoramento “Marine Science, Technology and Management” (Do*Mar) realizando a súa tese de doutoramento sobre a Biodiversidade e a Conservación das pradarías de Zostera marina no litoral galego. Entre outros traballos, é coautora de dous capítulos no Atlas das praderías mariñas de España e dun artigo científico sobre as pradarías mariñas do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Como parte do seu traballo estudou as pradarías mariñas das rías de Ares e Betanzos.


Cales son os beneficios ambientais das praderías de Zostera da ría de Betanzos?

Os principais serían que ao captar nutrintes e sustancias tóxicas que mitigan os efectos da eutrofización e a contaminación costeira, e ao producir O2 e captar CO2, mitigan o quecemento global. Ademais, favorecen a sedimentación de partículas e a estabilización dos sedimentos, diminuíndo a turbidez das augas e aumentando a transparencia das mesmas. Doutra banda, xeran substrato para numerosos organismos bentónicos, o que se denomina puntos quentes de biodiversidade. Son o lugar onde crecen e viven numerosos animais de importancia ecolóxica e económica como o caso da xiba (Sepia officinalis), que fai as súas postas nas follas de Zostera marina da praia de Sada e atopa alí protección e camuflaxe fronte a depredadores.

Cales son as especies e superficies ocupadas pola pradería mariña na praia de Sada? Que características son destacables nesta zona? É moi vella a pradería?

A pradaría de Sada é unha pradaría mixta composta por Zostera marina e Zostera noltei, o que se coñece comunmente por Xebra ou Seba de folla ancha e de folla estreita respectivamente. Ocupan 1,5 ha Z. mariña e 12 ha Z. noltei, o que supón algo máis do 27% da superficie que poderían chegar a ocupar nesta praia. 

As plantas desenvolven flores na época de floración. Ademais, é unha das pradarías galegas que alberga postas de xiba.

No proxecto de rexeneración da praia fálase dos lodos que non facilitan o baño, pero como inflúe a pradería de zostera nestes lodos?. Pode axudar a estabilizalos?

Así é. Unha das vantaxes que teñen as pradarías de fanerógamas é que favorecen a sedimentación de material particulado e estabilizan estes sedimentos, axudando a unha menor turbidez na auga. Unha forma fácil de entendelo é imaxinándonos un terreo areoso, se nese terreo se plantan árbores a area sediméntase e compáctase, algo similar ocorre cos lodos e as pradarías. Hai que ter en conta que se non estivesen as pradarías o substrato estaría en suspensión.

O dragado e posterior aporte duns 233.000 metros cúbicos de area, como vai afectar ao zosteral?

O aporte desa cantidade de area provocará a desaparición directa da pradaría e de todos os servizos que actualmente nos ofrece (produción de O2, captación de CO2, estabilización dos sedimentos, desaparición da biota asociada, zona de posta de especies de interese pesqueiro, etc…). Existen varios casos de rexeneración de praias tanto no litoral galego como español onde o aporte de area, nunha praia cunha pradaría ou nunha praia próxima, provocou a súa desaparición definitiva.

Realmente pode exporse algunha medida correctora sobre ou zosteral á hora de realizar as obras ou non servirá de nada?

Algúns proxectos propoñen que se compensen os efectos destrutivos das obras sobre as pradarías mariñas, protexendo áreas de pradarías mariñas desprotexidas ou ameazadas noutras zonas. Para iso, e como establece a UE en relación á Rede Natura 2000, isto só é posible a condición de que se demostre que a pradaría a protexer é equivalente en estrutura e servizos á pradaría destruída, o cal requiriría estudos científicos moi precisos que neste caso non se realizaron.

Doutra banda, é cada vez máis frecuente que os proxectos de obras costeiras propoñan transplantes ou repoboacións submarinas para “compensar” os efectos destrutivos derivados, que os devanditos proxectos van causar nas pradarías mariñas naturais. En primeiro lugar, non se pode compensar unha deterioración do ecosistema mariño ofrecendo medidas que non garanten o éxito da compensación. En segundo lugar, sería necesario mellorar o noso coñecemento científico sobre a rexeneración e o transplante de pradarías xa que a cantidade de experiencias realizadas sobre este tema a nivel mundial non apoia a súa utilidade debido á baixa eficiencia e viabilidade dos transplantes de anxiospermas mariñas.

Como pensas que podería evolucionar nun futuro a praia de Sada sen rexeneración e con rexeneración?

Sen rexeneración sería de esperar que a pradaría medrase en extensión e en densidade de plantas como o veu facendo nestes últimos anos.

Con rexeneración, perdería de forma directa a pradaría provocando unha perda notable da biodiversidade e a súa recuperación nun futuro sería unha incógnita. Ademais a area podería volver a colmatar de substratos finos dadas as condicións e a hidrodinámica da zona.
Pradería de zostera na praia de Sada.
Fotografía de M. Pérez Lorenzo
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *