CARTA A XESÚS CASTRO VIDAL

Iago Santalla
Estimado Xesús: 
Foi o 8 de setembro de 2012 cando tiven a sorte de coñecerte. Foi no día de Manuel María, cando Valdi recibía a fraterna navalla do poeta. Daquela, non sabiamos ata onde ía chegar a amizade; non en tanto, vin en ti unha persoa especial, desas que marcan vidas ata converterse en imprescindible. Non é algo habitual senón que é excepcional, unha característica das persoas destinadas a deixar rodeira vital. Despois, todo foi medrando e a nosa relación transformouse en encontros de ledicia. 
Neste tempo, puiden descubrir a un home capaz de asumir a misión de loitar para cambiar a realidade, sexa esta da índole que fose. Ti es un home de progreso, un home que medra día a día, a través dunha continua iniciativa vital, un home multiprofesional pero, sobre todo, un home “multicomprometido”. É aí onde, coa humildade que te caracteriza, te fas imprescindible porque es o exemplo vivo no que mirarse para ver o que un quere ser. Confésoche que se chego a ver o mundo con 90 anos, quero mirar atrás e ver a túa coherencia, o teu compromiso e a túa obra vital. Velaquí a razón pola que a túa forza é infinda, nela vive a verdade toda que nos transmite un concepto de persoa en plenitude, un concepto de humanidade no que o mundo cambia ao paso da vida. Ti sabes que nacemos para construír e fixeches diso unha esencia vital que levas por bandeira xunto a túa amabilidade e a túa presenza que enche de contido calquera entorno. 
Coñecerte naquel día de Manuel María foi unha sorte porque en ti viñeron aprendizaxes inesquecibles pero, tamén, un exemplo de actitude vital que, sen dúbida, marca o meu camiño. Posúes 90 anos de emocións, de loita, de ledicias, de tristuras, de verbas, de soños, de pensamentos, de amor, de fraternidade… e en definitiva de andanza pola vida. Nesta idade somos moitos os que te sentimos como parte imprescindible e irrenunciable de nós mesmos. Pola miña parte, só che podo dar as grazas por todo o que me ensinas, o que compartes comigo de maneira fraterna e, sobre todo, por apostar firmemente por un mundo mellor. Seguimos camiñando, meu amigo, ata que un día nun albor de abril se debuxe esa canción que ti e nós sabemos e agardamos para chantar no penedo máis firme a bandeira da dignidade humana. 
Meu Xesús imprescindible, en ti colle forma a humanidade e ilumínase o mundo de porvir, es o noso exemplo andante e podes ter a certeza de que fica ben recollido para transmitilo aos nosos devanceiros que, sen dúbida, admirarán o que ti e a túa xeración fostes capaces de legar. 
Non teño máis que dicirche e dígoche grazas polas palabras e polas apertas. 
Agardando os porvires que sementaches, remato estas verbas para ti.

Na imaxe, o autor con Xesús Castro, o día en que ambos
se coñeceron no transcurso da homenaxe a
Valdi. Fotografía de Estevo Rodríguez

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *