O ALMACÉN DO TOCO

Daniel Amor García
Interior da fábrica de Cristovo García (na imaxe, á dereita) Fotografía cedida por D. Amor García

José Cornide de Saavedra deixa constancia na súa
obra
Memoria sobre la Pesca de Sardina en las costas de Galicia (1774)
da “Ordenanza de La Coruña, aprobada pola S.M. en 5 de junio de 1769”, unha
especial regulación sobre a pesca desta especie dentro da Ría de Sada (artigos XLII,
XLIV, XLV, LVI, LVII). O XLIV di: 


Siendo, como
efectivamente lo es, la pesquera principal de dicha Ría la Sardina, tan útil á todos,
se dará principio en Julio, y seguirá hasta Enero; bien entendido, que antes de
comenzar, dará todo Maestre, ó Patron noticia a los Ministros Subdelegados,
quienes harán cese igualmente a su tiempo… 

Xa
entón a Ría de Sada contaba con numerosas postas para a pesca da sardiña como “Arnéla,
entre Lourido e Fontán ou Marín debaxo de Perves” e como sabemos, alá onde
ocorre iso, alá vaise producir o desembarco das xentes emprendedoras catalás,
ocupando praias, esteiros, explotando o noso mar e construíndo almacéns de
salga. 

Dos 400 almacéns que se calcula tiñamos en Galicia en 1808, 320 eran dos
cataláns, Mais algúns nativos, coñecidos coma
patriados,
copiarán o método de traballo deles e as instalacións, aínda que en moitos
casos manterán diferenzas no xeito de preparación dos salgados ou noutras actuacións
coma relatou Cornide na obra referida (“…Escaseando, hace como cuatro años, la
pesca en la Ría de Sada, se atribuyó á que los Catalanes establecidos con sus
Almacenes en Fontán, y Zirro, derramaban las aguas con que lavaban la sardina
en la Ribera, y que mezclada con las marítimas las infectaba; de modo que obligaba
a la sardina á que se separase de la costa: por cuya razón se les sujetó á
formar sumideros en Fontán, y á deshacer el Almacen de Zirro, por hallarse muy
abanzado en la Ría”). 

Un deses nativos, patriados,
vai dar orixe á derradeira fabrica de conserva de peixe que existiu en Sada con
actividade ata ben entrado o século XXI, aínda que con sede en Cariño dende 1992:
Cristóbal Blanco Pallares (O Toco) (8- 6-1842), fillo de Domimgo Blanco
Mosquera (1797/3-XI-1867) e María Pallares e neto de Vicente Blanco de San Xoán
de Ouces, e Isabel Mosquera, de Santa María de Sada, que xa aparece en
documentos de finais do s. XIX e primeiros anos do XX definido coma “armador y patrón
de esta vecindad” e que temos constancia de que empeza co salgado incluso tendo
estado os primeiros pilos na bodega da casa familiar. 

Era habitual arredor de
1880 que os fomentadores de salga fosen á vez propietarios das principais artes
e barcos (xávegas, traíñas, galeóns), polo que o seu predominio sobre o
conxunto da actividade era case absoluto. 

O meu tataravó vai deixar a súa
pegada na historia da familia, actividade relacionada co peixe aparte, de xeito
moi caracteristicamente galego: nos lindes da casa natal (“digo yo Don José Gayoso
Ríos, vecino y del comercio de esta Villa, que recibí de D. Cristóbal Blanco
Pallares, armador y patrón de esta misma vecindad, la cantidad de ciento
cincuenta pesetas, pertenecientes a la parte que le corresponde de la pared o
muralla que separa las respectivas huertas de nuestras casas…”) e no lugar
onde terían morada os membros da súa familia xa no novo cemiterio do Fiunchedo
(“…se le concedió por el ayuntamiento en sesión celebrada en dos de Enero del
corriente año… un terreno para construir un cuerpo de tres Nichos en el
Cementerio general de esta villa… por la cantidad de 50 pesetas… Por tanto,
se le confiere a perpetuidad, a medio del presente Título, la propiedad del
indicado terreno para sí y sus sucesores. Sada, treinta y uno de Diciembre de
1909 / El Alcalde Antonio Dóminguez / El Secretario Atanasio Alonso”). 

En
troques, o primeiro soterramento familiar do que hai constancia neste corpo
será o da súa dona María Golán Aldao (Sada 2/07/1857- Sada 17/01/1916), filla
de Cristovo Golán Gómez de Sada e María Dolores Aldao Sánchez (1822/11-1-1866)
e neta de José Golán (Sada 1783/2-I-1869) e Ana María Gómez de Ferrol, e
Antonio Aldao e Dona Francisca Sánchez (di a partida) de Santa Marta de Babío. 

Cristóbal
e María van ter tres fillos: Concepción, Josefa (Xefa) e Juan María Blanco
Golán. Xefa (16/06/1883-4/07/1964) e Juan María (1887-09/07/1978), dous irmáns
moi ben levados, van ser os continuadores da actividade familiar, de xeito
paralelo mais con distintas traxectorias e singulares vicisitudes, que van ter
como resultado que unicamente nos descendentes de Xefa a actividade conserveira
chegue aos bisnetos do Toco, especialmente Abelardo, que será quen rexente a
fabrica na súa derradeira etapa. 

Nesta mirada poñemos os ollos en Xefa, fomentadora
e pioneira nos albores do século XX e que vai prestar nome á marca comercial da
familia: Conservas A XEFA. En 1905, aínda en vida do seu pai, legalízanse na
Ría de Ares e Sada, mais só de puntas afora ata 1910, as chamadas Tarrafas, uns
grandes cercos de xareta, que non ían tardar en usar vapores para movelas, o
que reduciu o período de procura dos bancos de sardiñas e maior rapidez no
largado do cerco, o cal dará lugar a un longo período de conflito deica 1916. 

Antes,
en 1902, Xefa contrae matrimonio con Francisco García Patiño (Liáns
3/04/1882-Sada 14/03/1940), que o 13 xullo de 1903, coincidindo co nacemento do
seu único fillo, Cristovo, vai facer a súa “libreta de inscripción marítima”
para adicarse á navegación, segundo o documento que se conserva dado por “La
Ayudantía de Sada y Capitanía el 27 de Febrero de 1912”, aparecendo como a súa
profesión a de propietario. 

A captura, tratamento e distribución do peixe, consolídanse
como unha das fontes de riqueza galegas máis importantes nestes anos. Existían entón
en Sada doce fábricas de salga e conservas. 

Francisco García Patiño vai ser un
dos asinantes do Gremio de armadores de tarrafas e demais artes de pesca
constituído en Pontedeume o 4 de outubro de 1920, xusto no medio dun
importantísimo conflito laboral e social. 

Antes, o 13 de abril de 1918, con 14
anos, fixera a súa primeira inscrición marítima o seu fillo Cristovo para “dedicarse
a la navegación e industrias del mar”. Faríao despois de 1928 nas tarrafas
Sirena de Malpica, Nueva Xefa, Manuel Luisa e San Cristóbal, adicándose ao
mesmo tempo, primeiro xunto ós seus pais (o pai morre en 1940) e despois xa
xunto coa súa dona, Manuela Neira Suárez (Fontán 16-12- 1902/Sada 26-6-1957),
traballadora da fábrica, e os seus fillos, á actividade conserveira (Fabrica de
Conservas y Salazones-Exportador -Armador de Buques Pesqueros”) principalmente durante
as tres décadas seguintes, producíndose de xeito paulatino a incorporación da cuarta
xeración ás distintas facetas tanto na fábrica coma nas tarrafas. 

A parrocha, o
chicharro, a sardiña, e a xouba ían acompañadas da especialidade da casa, a anchoa
en salmoira con continúas entradas dos distintos peixes nos almacéns das
Figueiras como amosan follas de control que se conservan no arquivo familiar:
30 de Xullo 1944 Entrada de Chicharro: 31 caixas a 5 pesetas /94 caixas a 10
pesetas. 

Especialmente intensivas eran as campañas de entrada do bocarte para a
anchoa como podemos concluír destes exemplos dos que temos constancia
documental: 

Xullo-Agosto 1944: 1119 medidas para un custe total de 130.198,50
pesetas con prezos que oscilaban entre as 88 e as 138 pesetas a medida (100
kg); 11-15 Agosto 1950: 1058,50 medidas entre 270 e 150 pesetas a medida, cun importe
total de 179.189 pesetas, que contaba cun imposto do 2%. Nesta campaña de
elaboración do bocarte de agosto a novembro de 1950 pagáronse xornais por
importe de 13197,50 pesetas, ao que se engadían as descargas e os salgadores
por valor de 2789,75 pesetas. 5 toneladas de sal triturado custaban 1940
pesetas. Compra de 12 rolos de zuncho, 3.584 pesetas ou 7.225 quilos de sal e 4
rolos de zuncho a 10 pesetas quilo, 4.483 pesetas. 

En definitiva, cando se
pecha a campaña da anchoa o 22 de novembro de 1950 os gastos ascenderan a
222.377,25 pesetas. 

Aínda que sendo maioritariamente peixe capturado polos tres
barcos da casa (Nueva Xefa, Sirena de Malpica e Nueva Xefa) a expansión
comercial e o incremento das vendas facían imprescindible comprar peixe doutras
embarcacións, de igual xeito que fará necesario alugarlle o 1 de agosto de 1960
a María García Calvo, viúva de Balbís, o almacén “con sus pilos y sus
batiportes, piso encima de los mismos, con Bodega y patio en el lugar llamado
Las Figueiras (Sada-Fontán) por la cantidad de 1.500 pesetas mensuales”. 

Anos
despois mercaríase tamén esta propiedade. Son significativas da época da que
falamos algunhas partidas que aparecen reflectidas nos apuntes contables: en
1949 reparacións na fábrica incluída a pendente do portal supoñían uns gastos de
12.500 pesetas; en maio de 1950 a reparación das paredes da fábrica 950; en
novembro de 1955 por arranxo dos tellados da fábrica, teitado do balcón e dúas
ventás na fachada, 2.184 pesetas (“casi cinco semanas complejas de jornales”). 

Outro
ano clave neste descorrer sería 1963. Por un lado, o penoso e circunstancial incidente
do célebre metílico repercutiu negativamente na venda das conservas, como ben
explicaba Cristovo a Eugenio Pontón nunha entrevista para un xornal nacional,
aínda que non se tiña producido nin sequera ningún malestar nas conservas en
escabeche fixéraselle análise das latas que se servían no mercado nacional e
deran negativo. 

O prestixioso xornalista achegárase a Sada para dar conta do
outro feito que marcou o ano 1963 para a familia Cristovo: a captura o 16 de xuño
de 1963 polo San Cristóbal con Juan como patrón de 40 toneladas de robalo nos
baixos de Os Delgados ao norte de Cabo Prior. 

As balanzas compensáronse e a
marcha da casa continuou a súa traxectoria deica a morte de Cristovo o 14 de
xullo de 1971 a piques de cumprir os 68 anos. 

A partir de aí, outra historia. 

Robalo capturado por Juan García Neira no ano 1963
Fotografía cedida pola familia Campos Aguiar
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *