O QUE LIMOS

Os ontes do silencio 

Manuel María Fernández Teixeiro 
Everest, 1990. 
Sen necesidade de ser profeta, era claro que máis cedo que tarde Manuel María sería homenaxeado durante o Día das Letras Galegas, feito que aconteceu, finalmente, este pasado 17 de maio. Se aínda hai quen non escoitara falar del, non ten máis que pasar por diante do escaparate dalgunha libraría, onde agromaron coma fungos, co gallo das Letras, os libros que se lle dedican, como a biografía asinada pola escritora Mercedes Queixas Zas Labrego con algo de poeta, que saíu do prelo da man da editorial Galaxia. Cando menos puideron verse alá polo mes cuberto de rosas –que diría Rosalía-, se é que agora xa non, pois xa se sabe que a gloria deste mundo é breve. 
Poeta popularísimo, malia el considerarse primeiramente labrego se atendemos a Mercedes Queixas, Manuel María é recitado nas escolas de todo o país, talvez pola aparente sinxeleza de moitos dos seus versos; na súa obra conxuga un marcado carácter incisivo e comprometido co evidente amor á terra que o vira nacer en 1929, características recorrentes ao longo da súa traxectoria e que, sumadas a unha rima pegadiza, deron como resultado a musicalización de moitos dos seus poemas; así, o seu poema O Carro converteuse case en outro himno galego, e a maior parte de quen vivimos neste país o recoñecemos nada máis escoitalo. A iso cabe engadir que o Poeta da Terra Chá, como o alcumaran dada a súa orixe chairega, era dono dun carácter humilde e amigable, segundo contan quen o tiñan como amigo e, sendo como foi, fondamente recoñecido en vida, dificilmente podere-mos esquecelo toda vez que nos deixou. 
Deixounos, si, e xa vai uns anos dende aquela (2004), pero aínda podemos apreixalo -ou, por mellor dicir, liberalo en todo o que deixou escrito, que foi moito, pois tratouse dun poeta prolífico, e non só poeta, senón tamén narrador formidable, amén de dramaturgo e ensaísta. Querendo destacar esa faceta súa como narrador, quizais algo menos coñecida que a de facedor de versos (que coñecemos xa dende 1950, coa publicación daquel Muiñeiro de brétemas), hoxe traemos a esta sección unha compilación de relatos que publicou a editorial Nova Galicia en 1990: Os ontes do silencio. 
O libro recolle narracións de publicacións que no seu momento levaban un tempo esgotadas, e que, segundo nota do propio autor, foron escritas entre 1949 e 1972 ou 1973. Esas publicacións parcialmente recuperadas aquí foron Contos en cuarto crecente (publicados orixinal e valentemente en galego pola Celta en 1952), Testemuñas (do libro O xornaleiro e sete testemuñas máis, publicado polas Edi-cións Galicia do Centro Gallego de Buenos Aires arredor de 1969) e Kricoi, Fanoi e Don Lobonís (publicado por Edicións Castrelos, de Vigo, en 1973). 
Malia ser 23 escritos desiguais, por abranguer un período de tempo tan longo dende os primeiros aos últimos, hai algo que, dende a miña perspectiva, os dota dunha certa uniformidade, e ese algo queda reflectido no título: Os ontes do silencio. Paréceme que fai referencia a un pasado onde as palabras podían saír caras, onde había gañadores e vencidos –que coinciden maiormente cos de sempre, os que o teñen todo e os que non teñen nada-, e onde calquera era pertinente de ser sospeitoso para as autoridades – simbolizadas habitualmente na Garda Civil- do réxime ditatorial imperante, sementando en quen o padeceron un medo calado que sobreviviu á morte do ditador. Son relatos das cousas que nunca se falaban en voz alta pero que corrían como un segredo a voces de boca en boca, contados coa pluma experta de Manuel María, que comezan coma un cadro costumista –unha carta a un emigrante, a veciña pobre que rebusca nos restos da sementeira…- e que se van inzando de sombras ata o seu final que busca conmover ao lector e situalo ao lado do desfavorecido, de quen talvez empezou xulgándoo con certo afastamento e mesmo superioridade. 
Os relatos lense axiña e de xeito doado, e os máis longos mesmo teñen unha numeración interior para poder facer unha pausa durante a lectura. Como non podía ser doutra forma, o autor emprega algún recurso poético, como a repetición de fórmulas, que non saturan ao tratarse de textos curtos, e enchen, en cambio, aos contos, dun lirismo que o diferenza doutros libros semellantes, ao meu ver, como poden ser o Cousas, de Castelao, que aposta por unha posta en escena ilustrativa –acorde coa faceta debuxante do autor rianxeiro- ou Xente de aquí e acolá, de Álvaro Cunqueiro, que goza dun sentido do humor propio do carácter retranqueiro de quen o asinou. 
O mellor de todo é que, a pesar de falar dos ontes, non podemos deixar de ver reflectidos neles os hoxes ou as orixes dos hoxes que nos toca sufrir, como cando un home lle escribe a outro, no relatiño “Carta a un amigo que vive no estranxeiro”, e lle conta o seguinte: “Xa sabes que unha das poucas fabricas que aquí pechou as súas portas. E que agora non hai case onde traballar. As fábricas diminúen e os bancos aumentan. Eu non entendo este choio e coido que non hai demo que o entenda”. Ben se ve que, para non entender nada, o Manuel María ben sabía o que escribía.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *