MANUEL COUZO: UNHA VIDA DE AMOR A SADA

Manuel Pérez Lorenzo

O pasado 10 de setembro morría na Arxentina Manuel Couzo, fundador e expresidente do C. E. Sada y sus Contornos de Buenos Aires, Fillo Predilecto de Sada e Socio Honorario da A. C. Irmáns Suárez Picallo. Unha persoa moi querida na nosa vila e entre os sadenses da diáspora pola súa afabilidade e polo seu labor social ao longo de varias décadas. 
Manuel Couzo Bermúdez naceu no ano 1933 no barrio da Tenencia. Mariñeiro na súa xuventude, emigrou con 17 anos á República Arxentina, onde formaría parte da plantilla de “La Continental, compañía de seguros generales” ata a súa xubiliación, encargándose do control e mantemento das instalacións dun edificio de oficinas e doutros labores administrativos. 
No ano 1974, xunto con outros veciños residentes en Buenos Aires, funda o C. E. Sada y sus Contornos, que chegou a superar os 2500 socios e, actualmente, é a única asociación activa coa que contan os sadenses na diáspora. Manuel Couzo sería o seu presidente durante 22 anos, así como un dos seus principais dinamizadores. Ao longo deste tempo as súas actividades foron diversas: charlas, cursos, actos de confraternidade, etc. Ao igual que xa facía desde os anos 20 a súa entidade predecesora, a sociedade Unidos de Sada, cada ano celebran as nosas festas parroquiais. Contan cun local en propiedade en Pasco, onde realizan os seus eventos e se reúnen. 
Por outra parte, Couzo coñeceu e tratou a ilustres sadenses como o dramaturgo Ricardo Flores e o político e xornalista Ramón Suárez Picallo. Isto, unido á súa relevante actividade á fronte do C. E. Sada y sus Contornos, motivou a súa participación, xunto ao alcalde Abel López Soto, no traslado dos restos de Ramón desde o Cemiterio da Chacarita de Bos Aires ata o do Fiunchedo hai xa oito anos, o 14 de outubro de 2008. Naquel contexto, fixo entrega ao Concello dunha colección de vinilos con gravacións inéditas de Suárez Picallo; un verdadeiro tesouro que el custodiara no devandito Centro. 
En recoñecemento á súa traxectoria, a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo decidiu entregarlle, no ano 2013, o título de Socio de Honra. Homenaxeaba así a un home de ben, xeneroso e humilde. Unha persoa entrañable cunha traxectoria de entrega aos demais e coa que daba gusto conversar. Un sadense orgulloso das súas raíces, apaixonado polas xentes e polas paisaxes do pobo que o viu nacer. “É saudable voltar á miña terra. Somente ver a miña terra e os meus veciños é unha satisfacción impagable. Eu respirando este osíxeno do mar xa estou satisfeito. […] Á xente de Sada que vaia a outros países, dígolle que teña permanentemente a mente en Sada. Iso é un valor incalculable”. Así falaba na súa derradeira visita, en 2013. Agora toca lembralo e seguir apoiando ao Centro que, co seu esforzo e co de moitas veciñas e veciños, representa a Sada alén do Atlántico.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *